O enredo burocrático de cando se quere transformar monte en terra de cultivo

A tramitación para converter terras forestais en agrarias está a implicar longos prazos de espera. Nalgúns casos, a avaliación inicial prolónganse ata 3 anos e moitos interesados desisten cando se lles pide un informe ordinario de impacto ambiental, o que dilata o proceso aínda máis

O enredo burocrático de cando se quere transformar monte en terra de cultivo

Tarefas de descepado dun piñeiral para implantar pradeira. / Arquivo.

A conversión de masas arboradas en terras de cultivo estase a converter nun longo percorrido burocrático para os propietarios que buscan un aproveitamento agrario destas fincas. As dificultades preséntanse nas masas cunha superficie superior a 50 hectáreas ou naquelas onde existen frondosas autóctonas, o que fai que o proceso implique máis trámites do que acontece con masas doutras especies, como eucaliptos ou piñeiros, que adoitan resolverse favorablemente e nun prazo de tempo máis curto.

As maiores dificultades preséntanse nas masas que teñen presenza de frondosas caducifolias, aínda que sexa testemuñal

En calquera destes dous casos, o procedemento leva parello un maior aporte de documentación, o que provoca que se estea dilatando no tempo a súa tramitación. “É habitual que estes procesos non se resolvan antes dun ano e mesmo estamos a ter tramitacións que levan 3 anos iniciadas”, concretan dende a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga), ligada á organización Unións Agrarias.

O impacto ambiental, o punto clave

A presenza de frondosas autóctonas, independentemente do número de árbores que haxa ou das dimensións da parcela sobre a que se fai a solicitude, implica unha tramitación máis laboriosa que se hai outras especies. “Non estamos falando de grandes masas de carballeiras senón que a mera presenza de frondosas autóctonas, aínda que sexa de xeito puntual ou en zonas nas que hai unha rexeneración da vexetación autóctona, xa obriga a que se presente máis documentación”, concreta Jacobo Feijoo, secretario xeral de Asefoga.

Tanto no caso de que haxa frondosas como se o que se quere cambiar é unha superficie maior de 50 hectáreas doutras árbores, é preciso que coa solicitude se presente un informe simplificado do impacto ambiental sobre a fauna e a flora dese espazo. “É lóxico que cando estamos ante unha superficie importante de arborado se valore o seu impacto, pero esixir o mesmo informe pola mera presenza de frondosas, aínda que só sexan 1.000 metros cadrados parécenos un exceso de burocracia”, conclúe Jacobo Feijoo.

Nos últimos tempos, na maioría dos casos solicítase un informe ordinario de impacto ambiental, máis amplo que o inicial

Dende que se inicia a solicitude, o seu percorrido implica a diferentes organismos co que o proceso adoita prolongarse no tempo. Inicialmente a solicitude tramítase ante a Consellería de Medio Rural, pero dende alí, remítese á de Medio Ambiente, que será a encargada de emitir unha resolución á petición. Antes de emitir un veredicto, o informe inicial de impacto ambiental envíase a 11 organismos que o avalían, entre os que figuran entidades como Augas de Galicia ou Patrimonio Natural.

Boa parte das resolucións a estas peticións rematan por reclamarlle ós solicitantes que presenten un informe ordinario de impacto ambiental, é dicir máis completo, co que o procedemento se alonga máis no tempo.

Chegados a este punto, a maior parte dos solicitantes desisten de continuar coa tramitación. “Se algún destes organismo cuestiona a idoneidade do cambio xa co primeiro informe, é probable que se rexeite a solicitude e a xente xa non adoita seguir coa tramitación”, indican. De feito, dende o colectivo forestal, que se encarga da tramitación destas solicitudes, non chegaron a xestionar ningunha petición unha vez solicitado o informe de impacto ambiental ordinario.

“Estas tramitacións son un exemplo de burocracia, que non colabora en facilitar a vida no rural” (Jacobo Feijoo, Asefoga)

“Precísanse estas medidas en espazos protexidos ou para grandes masas, pero levalo a cabo en calquera monte, só por ser autóctono, é un exemplo máis de burocracia que non colabora en facilitar a vida no rural”, recrimina Jacobo Feijoo.

Dende a asociación reivindican que a transformación de monte en terras de cultivo é unha práctica cunha fonda tradición, polo que non debera estar suxeita a esta tramitación de impacto ambiental cando implique pequenas extensións de frondosas, a excepción daquelas peticións que se fagan en zonas protexidas.

A tramitación en Pontevedra, das máis tediosas

Se os prazos habituais destas tramitacións adoitan prolongarse durante máis dun ano, no caso das solicitudes presentadas en Pontevedra os prazos dilátanse aínda máis, como apuntan dende Asefoga. “É habitual que os expedientes se extravíen e que as contestacións se retrasen, alongando os procedementos a 3 anos”, indican dende o colectivo.

Unha finca de media hectárea na que a metade xa estaba a terra de labor tardou máis de 2 anos en obter o permiso para converter en cultivo a parte restante

Este foi o caso, por exemplo dunha tramitación iniciada no 2017 e que foi resolta a finais do verán do 2019 para un cambio que afectaba a unha superficie de pouco máis de 2.400 metros cadrados dunha parcela de 4.800 metros cadrados, onde a metade da finca xa estaba sendo empregada como terra de cultivo.

A maioría das peticións son fincas pequenas e que están próximas ou integradas en parcelas que son agrarias segundo detallan dende a asociación. “Non ten ningún tipo de xustificación os longos prazos que manexa a Consellería de Medio Ambiente para dar resposta ás peticións, especialmente no caso de Pontevedra”, critica o secretario xeral de Asefoga.

Sancións

A tramitación para o cambio de cultivo é obrigatoria para que se concedan as autorizacións necesarias para a corta das árbores. Ademais, de non realizala, os propietarios enfróntanse á apertura de expedientes sancionadores que ademais os obrigan a restaurar a parcela e implican sancións económicas.

Entre 2016 e 2018, en Galicia tramitáronse 7 expedientes sancionadores por cambios ilegais de forestal a agrario

Aínda que a maioría dos expedientes que tramita a Xunta por cambios de actividade do terreo sen autorización son de terreos agrarios que se transforman en forestais, tamén se contabilizan expedientes sobre cambios non autorizados de masas forestais a agrícolas. No período do 2016 – 2018, na provincia da Coruña rexistráronse 3 expedientes por cambios ilegais de actividade forestal a agrícola e na provincia de Lugo ascenderon a 4.

Porén, os casos de cambios ilegais de terras agrarias a forestais que remataron nun expediente sancionador neste mesmo período en Galicia ascenderon a 218 casos (162 en A Coruña, 29 en Lugo e 63 en Ourense). Previos á apertura destes expedientes, neses 3 anos, segundo os datos manexados pola -consellería de Medio Rural, realizáronse 1.076 apercibimentos por cambio de actividade agrícola a forestal de xeito ilegal (653 na provincia de A Coruña e 423 en Lugo).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información