O encontro Piñeiros 25 amplíase a máis días, con dúas sesións técnicas sobre sanidade forestal das coníferas e a construcción en madeira

O foro, que se convertiu nun escaparate da innovación na cadea monte – industria do piñeiro, celebrarase o martes 28 de outubro na Cidade da Cultura e contará o xoves 30 con dúas xornadas técnicas no Centro de Investigación Forestal de Lourizán (Pontevedra) e na Casa RIA (Santiago)

Publicidade
O encontro Piñeiros 25 amplíase a máis días, con dúas sesións técnicas sobre sanidade forestal das coníferas e a construcción en madeira

Edición 2024 de Piñeiros. / Arquivo.

O encontro internacional ‘Piñeiros 25’, organizado pola Fundación Arume, chega este ano a súa quinta edición con novidades no seu formato. O foro contará cun evento principal o martes 28 de outubro na Cidade da Cultura, en liña co que se fixo os últimos anos, e completarase con dúas xornadas técnicas, a modo de spin off, o xoves 30 de outubro.

O obxectivo das xornadas técnicas é o de profundizar a nivel práctico en dúas das temáticas centrais de ‘Piñeiros 25’, a sanidade forestal das masas de coníferas e a construción en madeira.

Unha das xornadas técnicas, a de ámbito de monte, dirixida a un perfil de enxeñeiros forestais, investigadores e docencia universitaria, celebrarase no Centro de Investigación Forestal de Lourizán, en tanto a segunda, sobre construción en madeira, celebrarase en Casa RIA (Santiago de Compostela) e oriéntase a un perfil ligado á arquitectura e o deseño.

Entre a celebración de ‘Piñeiros’, o martes 28, e as xornadas técnicas, o xoves 30, programáronse para o mércores 29 unha serie de visitas a montes, industrias e edificacións de referencia en madeira construídas en Galicia, co obxectivo de que os ponentes vidos de Latinoamérica poidan coñecer ‘in situ’ a realidade da cadea monte industria de Galicia.

Participación de Uruguai e Chile
Este ano, Piñeiros 25 contará con Uruguai e Chile como países convidados, con persoal investigador de ambos países que explicarán claves do seu traballo, tanto no ámbito forestal como no industrial e de construción en madeira.

Chile destaca como un expoñente internacional na mellora xenética de piñeiro radiata, unha especie tamén amplamente estendida en Galicia; en tanto o caso uruguaio, a nivel forestal, interesa pola súa experiencia co piñeiro taeda, unha conífera que se está introducindo en Galicia nos últimos anos debido a súa resistenza a enfermidades e pragas, caso do fungo das bandas e do nematodo do piñeiro.

Ambos países contan ademais cunha industria de transformación caracterizada pola súa innovación, con foco sobre a construción estrutural en madeira e outros usos de alto valor engadido.

Coa participación de Chile e Uruguai en Piñeiros 25, consolídase o posicionamento internacional do encontro, pois cada ano serve de escaparate non só das innovacións e tendencias en Galicia, senón do camiño que se está seguindo noutros territorios nos que a cadea forestal – madeira de coníferas é punteira e recoñecida a nivel internacional.

En edicións anteriores, xa se contara coa presenza de Francia como país convidado (2024), así como de Euskadi (2023) e Portugal (2022).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información