O emprego de trevos en ensilados de herba e pastoreo aumenta a produción de leite

Un estudo desenvolvido no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo comproba os beneficios de introducir leguminosas nos pastos

O emprego de trevos en ensilados de herba e pastoreo aumenta a produción de leite

Pradeira de raigrás e trevo. / Arquivo CIAM.

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) constatou que as vacas alimentadas con leguminosas producen ata un 8% máis de leite e cun perfil graxo de maior calidade nutricional. Son as conclusións dunha investigación levada a cabo durante tres anos que tiña por obxectivo analizar como inflúe a introdución das leguminosas no pastoreo ou ensilado.

Así, realizáronse cinco experimentos onde se compararon as tres especies de leguminosas pratenses máis usadas nas granxas leiteiras galegas -os trevos violeta e branco e a alfalfa- co raigrás inglés, en dous casos de ensilado con vacas estabuladas e en tres de pastoreo, todos eles con niveis medios e baixos de pensos, respectivamente.

Como conclusións, a investigación arroxou que aumenta a produción e a calidade do leite cando na alimentación das vacas abundan as especies leguminosas. Así, a produción incrementouse entre un 6% e un 8% de media, tanto en pastoreo como con ensilados, en comparación con pastos de gramíneas puras.

Así mesmo, constatouse unha mellora da calidade do perfil graxo do leite producido con racións que integran leguminosas, así como un incremento na concentración de ácidos graxos poliinsaturados totais e de Omega-3 total (beneficiosos para a saúde), particularmente cando se aposta polo trevo violeta.

Nesa liña, o estudo tamén revela que procede refinar a tecnoloxía de ensilado das leguminosas pratenses, en concreto evitando presecados excesivamente longos que reducen o contido en ácidos graxos poliinsaturados.

Aforro en fertilizante
A maiores, a investigación destaca o aforro en fertilizante nitroxenado de síntese que supón a introdución das leguminosas nos pastos. Ademais, conclúe que utilizando forraxes frescas e ensiladas de boa calidade é posible reducir considerablemente o consumo de pensos nas explotacións leiteiras e mellorar a súa sustentabilidade económica e ambiental.

Deste xeito, a inclusión de especies leguminosas nos pastos non só incidiría no incremento da produtividade animal e nun mellor perfil graxo do leite senón que encaixaría cos requirimentos actuais dos consumidores en canto á calidade do leite producido cun reducido impacto ambiental.

Nese senso, Medio Rural destaca que a introdución de leguminosas nos sistemas forraxeiros atende ás directrices da Comisión Europea que orientan a vindeira PAC. Tamén se aliña coa estratexia do European Green Deal (Acordo Verde Europeo), que persegue unha economía neutra en carbono e sistemas de provisión de alimentos máis xustos, máis saudables e máis orientados ao mantemento do medio ambiente.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información