O Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal celébrase este sábado en Mazaricos

Este ano homenaxearase a Llorenç Soler, cineasta que retratou a conflitividade social da Galicia dos anos 70, incluíndo a loita polo monte comunal, finado o pasado mes de novembro

ii dia loita veciñanza montes veciñais mazaricosO concello coruñés de Mazaricos acolle o vindeiro sábado, 21 de xaneiro, o II Día da Loita da Veciñanza Comuneira na Defensa do Monte Veciñal. Un ano máis volverá recordarse ao veciño mazaricán Xosé Esperante, Che de Pedro, morto o 22 de xaneiro de 1963 a mans das forzas de seguridade mentres defendía o monte comunal nuns enfrontamentos que deixaron varios feridos e penas de prisión.

“A xornada homenaxeará e reivindicará a memoria histórica das persoas que se mobilizaron en defensa da propiedade da terra e do monte veciñal dende moitas parroquias galegas ante os intentos de roubo e usurpación acompañados, decote, por dura represión”, destacan dende a organización.

Nesta segunda edición tamén se homenaxeará a Llorenç Soler, cineasta valenciano que entre 1977 e 1978 realizou dous filmes documentais en Galicia: “A autopista, unha navallada á nosa terra” e “O monte é noso”. Neste último, producido pola Coordinadora de Montes de Pontevedra, amosaba os intentos de usurpación do monte veciñal en man común por parte de intereses particulares e empresariais. Eses documentais son unha testemuña fundamental da conflitividade e as loitas na defensa da terra e contra a especulación na Galicia da Transición.

Programa

Un ano máis, as persoas participantes xuntaranse nunha ofrenda floral no monumento conmemorativo destes feitos en San Fins de Eirón. A xornada arrincará ás 11h no Centro Social de Eirón, onde dará a benvida aos participantes o alcalde, Juan Blanco. Posteriormente, intervirá o presidente da ORGACCMM (Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común). A continuación proxectarase “O monte é noso” logo dunha introdución de Anna Turbau, fotógrafa e compañeira de Llorenç Soler.

Ás 13h terá lugar a ofrenda floral, na que intervirá un ano máis unha representación da familia Esperante. Dende a ORGACCMM e INGATECO (Instituto Galego das Terras Comunitarias), organizadores do evento, e o Concello de Mazaricos, colaborador, convídase a toda a cidadanía a participar desta homenaxe na que se recupera a memoria das persoas que loitaron por evitar a usurpación das terras comunais e por un rural vivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información