O desperdicio de alimentos nos hogares frea o seu crecemento

O ano pasado a comida que non se aproveitou e acabou no lixo medrou un 1% fronte ao 9% do ano anterior. Tamén se observa unha maior concienciación na industria e a distribución

Heading runs here 20pt

Os datos do panel do desperdicio alimentario nos fogares españois en 2019 amosan un lixeiro aumento de menos dun 1%, que contrasta co incremento do 8,9% rexistrado en 2018 fronte ao ano anterior. Este leve incremento producido o ano pasado tradúcese nun desperdicio semanal de 1,47 kg/ l por familia, é dicir o equivalente a 15 gramos máis de alimentos no lixo por cada semana e fogar.

O director xeral da Industria Alimentaria, José Miguel Herrero, presentou esta semana as estatísticas do desperdicio de alimentos dos fogares españois, así como un avance de datos do estudo sobre os alimentos desperdiciados na industria e a gran distribución, ámbolos dous elaborados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.

Respecto ao dato en fogares, constátase un lixeiro aumento do 1% no desperdicio de alimentos con respecto a 2018, pero moi inferior ao aumento do 8,9% que se rexistrou en 2018 fronte ao ano anterior. Para o director xeral, 2019 supón un ano de estabilidade do desperdicio, cun crecemento moderado que convida ao optimismo.

Asimesmo, o director xeral presentou un avance de datos do estudo sobre desperdicio alimentario na industria e a gran distribución en España 2018, elaborado polo MAPA en colaboración con AECOC (Asociación de fabricantes e distribuidores), onde tamén se observa unha maior concienciación das empresas.

1.352 quilos de alimentos e bebidas ao lixo

Heading runs here 20pt

Segundo explicou José Miguel Herrero, en 2019 tiráronse ao lixo 1.352 millóns de kg/ l de alimentos e bebidas (un 4,7% dos alimentos que compramos), dos que 1.146 millóns corresponden a produtos sen elaborar e 206 millóns a pratos cociñados. Con respecto a 2018, desperdiciáronse máis produtos sen elaborar (principalmente froitas, hortalizas e verduras), pero baixou o desperdicio de pratos cociñados (en maior medida legumes, sopas, cremas e purés, e pratos de carne e arroz).

Oito de cada dez fogares españois recoñece desperdiciar comida e case o 5% dos alimentos que compramos acaba no contedor

Preto de 8 de cada 10 fogares españois recoñece desperdiciar alimentos, onde destacan os fogares familiares con parellas de ata 49 anos, con fillos pequenos ou de idade media. Pola súa banda, non desperdician alimentos os fogares de parellas novas sen fillos ou as persoas xubiladas.

A renda é outro factor que inflúe no desperdicio alimentario, de tal forma que as familias de clase baixa e media-baixa son as que menos desperdician, mentres que as clases de nivel socioeconómico máis alto xestionan peor os alimentos no fogar.

O desperdicio alimentario nos fogares baixou durante o confinamento

Herrero sinalou que os datos melloraron durante o confinamento ocasionado pola crise sanitaria da COVID-19, xa que durante esas semanas (do 16 de marzo ao 21 de xuño) reduciuse ata un 14% o desperdicio de alimentos, en comparación coas mesmas semanas do ano anterior.

As froitas son a categoría que lidera o desperdicio, asumindo o 30,8% do total. Séguenas as verduras e hortalizas e todos os produtos lácteos. O 46% dos fogares tira pan fresco, o 22% laranxas, o 20% plátanos, o 17% mazás, o 16% iogures e o 13% leite.

Heading runs here 20pt

A industria e a distribución tira menos

Segundo se desprende deste estudo do Ministerio, as empresas españolas da industria alimentaria están cada vez máis concienciadas do impacto que supón en termos económicos, sociais e ambientais o desperdicio de alimentos e da necesidade de frealo.

Así, preto dun 71% dispón dunha estratéxica interna definida para loitar contra o desperdicio alimentario, un 61% promove boas prácticas destinadas á prevención ou redución en orixe do desperdicio, e un 51% promove accións conxuntas cos seus provedores para reducilo.

Asimesmo, a enquisa sinala que os principais motivos para a xeración do desperdicio son os problemas relacionados coa calidade do produto, as diminucións de produción e as avarías na maquinaria. Precisamente, os controis exhaustivos dos procesos e maquinaria para eliminar ineficiencias, xunto coa formación e concienciación dos empregados son as prácticas máis habituais de loita contra o desperdicio.

Por outra banda, o estudo analiza tamén as actuacións das empresas da alimentación en relación coa pandemia da COVID-19, en especial as relacionadas coa doazón dos seus excedentes alimentarios. Neste marco, un 80,4% das empresas ten un acordo de colaboración estable para a doazón dos seus excedentes alimentarios. Ademais, un 73,2% asegura que a doazón que realizan aumentou durante a crise sanitaria. Un 53,6% das empresas afirma que continuará co actual nivel de doazóns conforme comeze a superarse a pandemia, mentres que un 42,9% sostén que reducirá o actual nivel.

Accesibles os datos dos últimos 5 anos

O Panel de cuantificación do desperdicio alimentario nos fogares españois recolle, desde 2015, os datos relativos ao volume de alimentos que tiramos ao lixo, tanto antes de cociñalos como xa elaborados. Esta información, mediante unha enquisa en 4.000 fogares de todo o territorio español, atópase dispoñible na páxina web www.menosdesperdicio.es, onde ademais podemos atopar consellos para reducir o desperdicio de alimentos e receitas de aproveitamento.

Como complemento, para coñecer o desperdicio nas empresas da alimentación, o Ministerio realizou un estudo no que se analizaron un total de 75 empresas da industria e a transformación de alimentos, e 15 compañías líderes da distribución que representan en torno ao 80% de cota de mercado do país.

Consciente da importancia de frear o desperdicio de alimentos, a Asemblea Xeral das Nacións Unidas designou o 29 de setembro como Día Internacional da Perda e o Desperdicio de Alimentos, para recoñecer o papel fundamental da produción sostible de alimentos na promoción da seguridade alimentaria e a nutrición.

Os estudos do MAPA sobre desperdicio de alimentos en España pódense descargar nas seguintes ligazóns:

Obxectivo da UE: redución á metade do desperdicio de alimentos en 2030

A redución do desperdicio de alimentos é un dos obxectivos fixados na Estrategia Da Granxa ao Garfo presentada o pasado mes de maio pola Unión Europea e que inclúe un conxunto de 27 accións en materia de produción, elaboración e comercialización alimentaria máis sostible ata 2030. Guiada pola determinación de cumprir a meta dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible das Nacións Unidas de reducir á metade, de aquí a 2030, o desperdicio de alimentos per cápita no comercio polo miúdo e polos consumidores, a Comisión Europea propoñerá en 2023 obxectivos xuridicamente vinculantes para reducir o desperdicio de alimentos en toda a UE.

“Está claro que a transición cara a unha agricultura máis sa e sostible non sucederá sen un cambio na dieta das persoas. Con todo, na UE, 33 millóns de persoas non poden permitirse unha comida de calidade cada dous días e a asistencia alimentaria é esencial para unha parte da poboación en moitos Estados membros. O desafío da inseguridade alimentaria e a asequibilidade corre o risco de crecer durante unha recesión económica, polo que é esencial tomar medidas para cambiar os patróns de consumo e frear o desperdicio de alimentos. Ao redor do 20% dos alimentos producidos desperdícianse e a obesidade tamén está a aumentar. Máis da metade da poboación adulta ten sobrepeso, o que contribúe a unha alta prevalencia de enfermidades relacionadas coa dieta (incluídos varios tipos de cancro) e incrementa os custos relacionados coa atención médica”, argumenta o Executivo comunitario.

A Comisión proporá en 2023 obxectivos xuridicamente vinculantes en toda a UE para reducir á metade o desperdicio de alimentos per cápita a nivel de comercio polo miúdo e de consumo no ano 2030

O envasado de alimentos desempeña un papel clave na sustentabilidade dos sistemas alimentarios, polo que tamén se fomentará a demanda sostible mediante o desenvolvemento dunha etiquetaxe de alimentos unificada na UE que teña en conta os aspectos de nutrición e saúde, así como cuestións de benestar animal e medio ambiente para vincular os esforzos de sustentabilidade nas explotacións agrícolas coa demanda dos consumidores.

Por iso, Bruxelas revisará a lexislación sobre materiais en contacto con alimentos para mellorar a seguridade alimentaria e a saúde pública (en particular para reducir o uso de produtos químicos perigosos) e apoiará o uso de solucións de envasado innovadoras e sostibles utilizando materiais respectuosos co medio ambiente, reutilizables e reciclables (dado que na actualidade a industria europea só utiliza un 12% de materiais reciclados). En 2017 os residuos de envases alcanzaron en Europa un máximo de 173 quilogramos por habitante, polo que os produtos dun só uso eliminaranse progresivamente. Estas normas, recentemente adoptadas, reducirán a utilización de plásticos dun só uso, que representan o 70% dos residuos atopados nas praias europeas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información