
Laura Prieto Rodríguez é Licenciada en Economía pola Universidade de Vigo, MBA no ICEX e Máster en Desenvolvemento Económico e Innovación pola USC. O proxecto resultante deste último Máster, “O rol transformador das comunidades enerxéticas na transición ecolóxica”, quedou en segundo lugar nos Premios Rafael Crecente á Iniciativas Innovadoras en Xestión Territorial.
Falamos coa autora para coñecer as posibilidades xurídicas, medioambientais, económicas e sociais que as comunidades enerxéticas (CE) poden ter nas zonas de produción gandeira e agrícola e como poden axudar ao seu desenvolvemento. E coñecemos tamén dous modelos de comunidade enerxética (CE) que xa funcionan en Galicia.
Malia levar tempo desenvolvéndose por toda a Unión Europea, as CE aínda non se coñecen demasiado. Que son e en que consisten?
Técnicamente, as CE son entidades legais ou asociacións formadas por cidadáns, pequenas e medianas empresas (pemes), administracións públicas ou outras organizacións locais que se unen voluntariamente para producir, consumir, compartir, almacenar ou xestionar enerxía —normalmente de orixe renovable— co obxectivo principal de obter beneficios ambientais, económicos ou sociais para os seus membros ou para o entorno local, máis que por un lucro financieiro.
Partindo desa visión, distínguense dúas figuras recoñecidas polas normativas europea e española: Comunidade de Enerxías Renovables (CER) que ten como fin desenvolver proxectos de enerxía renovable nos que os socios participan de forma aberta e voluntaria. E Comunidade Cidadá de Enerxía (CCE) cun alcance máis amplio que inclúe calquera tipo de enerxía (non só renovable) e actividades como distribución, subministro ou agregación de enerxía.
Alemania, Países Baixos e Dinamarca foron pioneiros na implementación das CE. Emerxeron como unha resposta multidimensional a tres dos grandes desafíos do sistema enerxético actual: a descarbonización, a dependencia enerxética e a pobreza enerxética.
Cal é a situación en Galicia das CE e especialmente nas zonas rurais?
Segundo os datos do último informe da Fundación Ecología y Desarrollo (ECODES), Galicia sitúase como a quinta comunidade autónoma en número de CE, cun 20 % dos concellos galegos implicados nos proxectos, moi por riba da media estatal.
Actualmente hai 64 CE constituídas, se ben só o 9% delas teñen os proxectos xa en funcionamento. Pero hai que lembrar que case a metade foron creadas o pasado ano, polo que non tiveron tempo de desenvolver todo o proceso, debido tamén á enorme burocracia que conlevan.
O 81% das CE galegas teñen menos de 20 socios, o cal xa apunta a que a súa ubicación é maioritariamente rural e en concellos de 3.000 habitantes ou menos. O autoconsumo da enerxía producida e a forma xurídica de asociación son enormemente maioritarias entre as CE galegas.

Prieto asegura que as placas solares interconectadas en rede serán de grande axuda para as explotacións en CE
E logo está o sentimento que hai espallado entre as comunidades do campo de desconfianza hacia as grandes infraestruturas enerxéticas como parques eólicos moi dimensionados ou torres de alta tensión que atravesan demasiado territorio. Vese nas CE a posibilidade de acceder á enerxía sen soportar todo eso.
O 98% das CE en España producen enerxía fotovoltaica destinada a autoconsumo e á venda de excedentes
En 2024 había más de 650 iniciativas activas en España, maioritariamente pequenas e enfocadas ao autoconsumo. Máis de dous terzos das CE operan en entornos rurais. Eso demostra a súa capacidade para revitalizar territorios despoboados, crear emprego e fortalecer a cohesión social.
O 98% das CE en España van dirixidas ao autoconsumo e funcionan mediante instalacións fotovoltaicas, é dicir, as famosas placas solares. Galicia non é a excepción. Porque a capacidade financieira e organizativa non permite pensar noutras estruturas.
As organizacións agrarias levan anos denunciando os atrancos burocráticos que se atopan no mundo rural en case todas as actividades. Tamén os habería no caso das CE?
O principal problema nese sentido é que España aínda non ten desenvolvido un marco legal completo que aporte seguridade xurídica. De aí que o papeleo e os trámites se estean a prolongar. A parte máis positiva é que a UE apoia claramente a creación de CE.
En 2023 comezouse a traballar nun Real Decreto en España para fixar o marco legal e impulsar as CE. O que pasa é que aínda está sen desenvolver a normativa. Por eso, as CE actúan nun marco legal provisional.
O que si é certo é que moitas delas obtiveron axudas económicas do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía (IDAE), dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica. En Galicia contamos con liñas de axuda que ofrece o Instituto Enerxético de Galicia (INEGA).
Aínda que non hai un marco legal definitivo, xa existen axudas directas ás CE e a Unión Europea apoia a súa implantación
A administración europea busca dar un papel máis activo á cidadanía na produción e xestión da enerxía. Este novo modelo, de carácter colaborativo, permite que as persoas pasen de ser consumidoras pasivas a axentes protagonistas da transición enerxética o que se coñece como “prosumidores”.

As CE teñen a posibilidade de establecer puntos de recarga eléctrica para favorecer a mobilidade sustentable
Nesa liña da UE, en Galicia temos cinco Oficinas de Transición Comunitaria que fan un labor de acompañamento e asesoramento ás persoas e entidades que deciden poñer en marcha unha CE precisamente para axudalas a superar eses atrancos burocráticos.
Durante o apagón do mes de abril houbo problemas nas explotacións leiteiras porque salas de muxidura, tanques de frío e outros dispositivos deixaron de funcionar. Que nivel de autosuficiencia aportan as CE?
É certo que boa parte das CE están conectadas a redes superiores. Pero non é algo obrigatorio. Se os membros da CE deciden non conectarse a ningunha rede, poden crear un circuíto pechado e abastecerse só da enerxía que produzan. Quen así o fixo, mitigou os efectos do apagón.
O que pasa é que hai que ter claro que a enerxía producida debe ser suficiente para abastecer en todo momento os usuarios da CE. E, sobre todo, que debe ser rendible dende o punto de vista económico.
A realidade actual é que a grande maioría de CE decide acollerse aos pagos por compensación de excedentes que ofrecen as compañías eléctricas. É dicir, toda a enerxía que lles sobre vértena na rede xeral e reciben un pago que sempre axuda a mantelas en funcionamento
Tamén hai CE que teñen dispositivos para almacenar a enerxía excedente. Neses casos poden utilizala para cando se lles dispare o consumo ou falle a capacidade de xeración. Ou poden vertela na rede xeral. Pero é algo moi pouco habitual.
Volvendo estritamente á gandería e agricultura, e aparte de producir enerxías renovables para autoconsumo, que outras posibilidades e vantaxes poden ofrecer as CE?
Na Illa de Arousa xa se está a facer algo que sería útil e aplicable na outra punta de Galicia, na montaña luguesa. Pódense habilitar puntos de recarga eléctrica de xeito que se dispoña dun ou máis vehículos eléctricos de uso comunal, que reducen o illamento e favorecen a mobilidade sustentable.
E nesas zonas e outras semellantes, estes proxectos poden servir para para que se acollan á CE familias con dificultades que terán un acceso á enerxía a prezos reducidos. Algo que contribuiría a fixar e atraer poboación a eses lugares que perden habitantes todos os anos.
Ademais de producir enerxía, as CE teñen a posibilidade de rehabilitar e acondicionar instalacións gandeiras para facelas máis eficientes enerxeticamente
Noutras CE estanse a aproveitar os recursos para a rehabilitación e acondicionamento de vivendas de xeito que sexan plenamente eficientes dende o punto de vista enerxético. Eso é algo que se podería aplicar en estabulacións, almacéns, salas de muxidura…
Incluso se contempla a posibilidade de crear sistemas de calefacción e redes de saneamento aplicables a vivendas e instalacións agrogandeiras. En todos eses aspectos non hai unha limitación xurídica.

Prieto fixo unha análise comparativa entre as CE de España e Galicia
O que creo que sería importante e necesario sería a creación dun repositorio a nivel nacional para que todas as persoas, colectivos e entidades dispostas a poñer en marcha unha CE poidan contar con toda a información técnica, legal e administrativa. E tamén que coñezan os proxectos que xa teñen en marcha na súa contorna.
O seu proxecto foi galardoado polo seu carácter innovador. Cales son as liñas de innovación?
O que fixen foi analizar a situación actual das CE en España e en Galicia. E, unha vez analizada, tratouse de determinar cales son os retos e oportunidades de cara ao futuro inmediato. Partindo da observación dos parámetros de descarbonización, dependencia enerxética e pobreza enerxética.
O compoñente innovador está en comprobar que as CE supoñen unha innovación social. Porque non deixa de ser unha pequena revolución que a poboación -especialmente en zonas rurais- se implique e se alfabetice na linguaxe e métodos do mercado enerxético, que non é nada doado.
Que os veciños se impliquen no coñecemento da linguaxe e o mercado enerxético non deixa de ser unha pequena revolución
Na investigación puiden constatar que estas iniciativas axudan á descarbonización ao promover a xeración renovable distribuída e xerar menor oposición cidadá que os grandes proxectos centralizados.
Ademais, reducen a dependencia enerxética ao aproveitar recursos renovables locais, creando resiliencia e autosuficiencia ante crises xeopolíticas e volatilidade de prezos. E poden ser clave contra a pobreza enerxética, cun acceso máis asequible e un pulo á inclusión, se as políticas públicas aseguran a participación de colectivos vulnerables.

O traballo de de Laura Prieto sobre as CE recibiu un dos premios Rafael Crecente
Que papel xogaron as novas tecnoloxías e, especialmente, a Intelixencia Artificial (IA) no desenvolvemento do seu proxecto?
Basicamente empreguei a IA para estruturar e ordenar os datos e contidos que fun recopilando. Por exemplo, na recollida de datos sobre axudas concedidas tanto a nivel nacional como autonómico ou para afondar na lexislación existente.
E, como é habitual, tamén aproveitei as ferramentas dixitais para a parte máis visual do proxecto. Para que as presentacións sexan plenamente intelixibles, sinxelas, directas e deixen clara a información que se quere transmitir.
O traballo humano segue sendo imprescindible. A IA pode explicarche as fontes documentais e humanas que están dispoñibles. Pero es ti quen ten que decidir cales son as máis útiles e fiables para o obxectivo que se persegue na investigación.
EXPERIENCIAS GALEGAS
No seu traballo centrouse nas CE da Illa de Arousa e de Buchabade (Ponte Caldelas). Por que esa elección?
A da Illa de Arousa, denominada Mar&Luz 1, escollina porque foi unha das primeiras en entrar en funcionamento en Galicia. Xa había produción de enerxía e, polo tanto, xa había datos numéricos. Tiña, ademais, o atractivo de que tiveron máis problemas dos xa agardados. Foi o caso de lugares nos que ían instalar placas solares e non puideron facelo porque había amianto.
Mar&Luz 1 naceu a instancias do concello como iniciativa contra o cambio climático dende un punto de vista insular. Foi no marco do proxecto europeo Clean Energy for EU Islands, orientado a fomentar a autosuficiencia enerxética dos territorios insulares mediante solucións enerxéticas sostibles.

Placas fotovoltaicas da CE Mar&Luz 1 da Illa de Arousa
O seu primeiro proxecto consiste nuhna instalación de autoconsumo fotovoltaico compartido de 33kw, un punto de recarga de coches eléctricos e un sistema intelixente da xestión de demanda. A asociación conta con 80 socios, aínda que os promotores iniciais foron 12 familias, o concello e a Organización de Produtores de Marisco.
A financiación cubriuse nun 60 % a cargo do IDAE na primeira convocatoria de axudas CE-Implementa; o resto do investimento asumírono os promotores, que contaron coa colaboración de Coop57, una cooperativa de servizos financieros, mediante aval mancomunado que distribúe a responsabilidade financieira entre todos os membros.
A CE da Illa non se acolleu ao sistema de compensación de excedentes por considerar que beneficia os intereses das grandes eléctricas. Optaron por constituírse como suxeito de mercado e vender de forma autónoma o seu excedente a través dun representante.
CLER DE BUCHABADE
A Comunidade Local de Enerxías Renovables (CLER) de Buchabade constituíuse, segundo me informaron, por un crecente rexeitamento social dos veciños á invasión de proxectos eólicos e da infraestrutura que levan asociada.
A figura xurídica elixida foi a sociedade cooperativa, integrada por 80 persoas físicas -a maioría comuneiros de montes- 3 pemes, a Comunidade de Montes (CM) e a Comunidade de Usuarios de Aguas de Buchabade. Un nivel de participación medio-alto na cooperativa, cun número de socios superior á media autonómica e estatal.

Mapa da CLER de Buchabade
A iniciativa botou andar con fondos propios, principalmente procedentes da xestión comunal do monte. A CM destinou os beneficios obtidos dunha tala de madera (70.000 euros), que se sumaron ao capital social aportado inicialmente polos socios da cooperativa (3.500 €). Os comuneiros que desexen ampliar a súa cota de autoconsumo poden realizar aportacións a maiores.
O obxectivo inicial da CLER é reducir a factura eléctrica dos veciños mediante un sistema de autoconsumo fotovoltaico de aproximadamente 150kw de potencia. Para eso, conta coa implicación de dúas pemes ubicadas no monte comunal, cuxas cubertas acollerán instalacións de 100kw e 45 kw.
A medioe longo prazo, a comunidad estuda a posibilidade de diversificar a produción enerxética con outras tecnoloxías como a mini-eólica ou a mini-hidráulica, así como xestionar de forma comunitaria a leña dispoñible.
A CLER de Buchabade está aberta a novas incorporacións, sempre que residan no lugar e acepten os estatutos. Para formar parte da cooperativa no se esixe ser comuneiro, aínda que supón un incentivo, xa que a comunidade de montes asume unha parte do investimento correspondente aos seus membros.
Galego





Control OJD