“O desenvolvemento do sector da oliveira galega pasa por potenciar as castes autóctonas”

Recuperar e poñer a producir canto antes as castes autóctonas de oliva é un dos obxectivos da Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia (APAAG). O seu presidente, Alfonso Rodríguez, sinala que o sector está moi pouco profesionalizado e que é preciso desterrar mitos como que as oliveiras medran en calquera terreo ou que o seu rendemento é inmediato. Nunha xornada organizada por AGACA e a Rede Eusumo, analizou a situación actual en Galicia.

Publicidade
Foto: APAAG

Foto: APAAG

Alfonso Rodríguez, presidente da Asociación de Produtores de Aceite e Aceituna de Galicia (APAAG) fixo unha radiografía da situación das oliveiras e a produción de aceite galega. As comarcas de Quiroga, Valdeorras, Monterrei e os vales do Sil e do Miño son as zonas de máis tradición histórica de cultivo, así como pequenas zonas de Pontevedra.

“O frío e a humidade da metade norte de Galicia levaron a que non se desenvolvera o sector da oliveira. Porque se trata dunha árbore cun manexo agronómico moi complicado e que require dunhas condicións climáticas moi específicas.”, sinalou Rodríguez.

O presidente de APAAG lembrou que no remate da idade media as oliveiras case desapareceron de territorio galego e só pequenas plantacións sobreviviron ata permitir que na segunda metade do século XX se retomara a olivicultura. “Nesa recuperación xogou un papel importante o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) co seu traballo de identificación e recuperación de castes autóctonas.”

Hai que acabar co mito de que as oliveiras medran en calquera terreo. Esa crenza levou a perdas económicas importantes

Escaseza de castes autóctonas

Un dos principais problemas cos que se están a atopar os produtores é a escaseza de plantas de castes autóctonas. Aínda que a demanda é moi elevada, non se consegue abastecer pola lentitude na recuperación. Eso é algo que condiciona moito a configuración do sector.

A recuperación de castes atutóctonas é un traballo que desenvolve o CSIC en colaboración cos produtores

A recuperación de castes atutóctonas é un traballo que desenvolve o CSIC en colaboración cos produtores

“Esa escaseza, xunto coa necesidade de vender de xeito inmediato, levan a que se siga traballando con variedades foráneas, especialmente coa arbequina e a picual. Porque presentan un bo nivel produtivo e adáptanse ben ao clima das zonas olivareiras de Galicia. Pero debo decir que raro é o produtor que non reserva un espazo na parcela para cando poida cultivar con garantías planta autóctona.”

As castes autóctonas aportan imaxe, valor de marca e diferenciación. Serán as que nos permitan competir con máis fortalezas

Sen embargo, Rodríguez considera estratéxica e imprescindible a utilización de castes autóctonas canto antes. “Vemos como a brava e a mansa están a dar excelentes resultados en Quiroga. Non se trata só do nome que leve a oliva; é unha xeración de valor e de marca. Creo que esta é unha visión unánime entre todos os produtores.”

Na APAAG son conscientes de que os tempos da ciencia son máis lentos que os das necesidades dos olivicultores. Por eso, colaboran co CSIC para que todo o traballo que se fai coas castes galegas sexa o máis rigoroso posible en todos os pasos.

“O CSIC está a investigar máis dunha ducia de variedades galegas. É un traballo moi amplo. Mais os produtores e o sector temos que ir analizando xa cales van ser as que mellor combinen rendemento, adaptación, calidade e singularidade. Porque non todas van ser iguais.”

A ciencia ten uns ritmos e tempos e a produción outros. Temos que tentar conxugalos canto antes

Tampouco axuda na recuperación da oliva autóctona o manexo agronómico da oliveira. “A diferencia do que pasa coas videiras, as experiencias de enxertar castes de oliva autóctona en portaenxertos foráneos non deron polo de agora bos resultados. Veremos que pasa no futuro, pero de momento non foi unha solución.”

Desterrar mitos e ideas preconcibidas

Rodríguez e o seu socio acordaron hai dez anos co monte comunal de Cenlle establecer unha plantación. “Sabemos que non imos frear nós o despoboamento rural, pero é o noso gran de area para que terreos que ían quedar abandonados e poderían arder estean agora producindo.”

Un dos mitos recorrentes sobre as oliveiras é que medran case en calquera sitio. “Eso non é certo. Nin moito menos. Poden prender e ata dar algún froito. Pero, para seren viables, teñen que estar en terreos cunhas características moi determinadas.”

A experiencia amosa que as oliveiras conviven e conviviron cos viñedos nas zonas máis produtivas

Esas zonas coinciden por norma xeral con lugares nos que sempre houbo viñedos. “Lamentablemente, nos últimos anos houbo plantacións que fracasaron porque se fixeron en terreos que non eran aptos para a oliveira. Coa conseguinte perda económica para os seus promotores.”

Dende a APAAG insisten en analizar en profundidade os terreos e zonas onde se vaian facer as plantacións

Dende a APAAG insisten en analizar en profundidade os terreos e zonas onde se vaian facer as plantacións

E é que as variacións climáticas afectan a produción. “A oliveira quere clima seco pero tamén precisa dun aporte hídrico suficiente. Este ano tivemos auga toda a primavera e logo tres meses totalmente secos. Eso crea unha masa forestal de moi difícil xestión, e máis coa falta de man de obra que hai neste sector. Por eso convén ter deseñado un plan de actuación que inclúa a posibilidade de rega.”

Outro mito que sinalou Rodríguez foi o de que as árbores entran en produción nun máximo de cinco anos. “Eso pode suceder en zonas de moita tradición de cultivo e altamente profesionalizadas. En Galicia vai máis lento e hai que ser moi coidadosos en canto a regas, podas e usos de insumos nos primeiros anos.”

Dende a APAAG recoñecen que o sector da oliveira galega é aínda moi reducido. Tanto se se compara co resto a olivicultura de España como en comparación con outras actividades agrarias en Galicia. “Hai limitacións xeográficas que derivan nuns custos moi elevados para a elaboración do aceite. Falamos de minifundios e en orografías complicadas.”

Ás veces apóstase por sistemas de produción que semellan aportar un rendemento inmediato. Esa é unha práctica de risco

Rodríguez explicou que a área xeográfica que vai entre Valdeorras e Quiroga -uns 40 quilómetros- produce máis aceite que o resto de Galicia xunta. “E aínda así, nesa superficie máis produtiva, a oliva segue a ser un complemento de rendas. Importante pero complemento. E soe ir ligado a producións de viño.”

Singularidade e simbiose co viñedo

Nese sentido, o viñedo e as oliveiras son complementarios. Porque a recollida da oliva vai despois da vendima e non se precisa man de obra engadida. E, ademais, a venda do viño a determinados mercados pode abrir tamén a porta para a entrada do aceite.

Un aspecto positivo está na singularidade. “A meirande parte da produción é de aceite de oliva virxe extra (AOVE), que está moi cotizado. E, aínda que se faga con castes foráneas, sempre vai contar coa compoñente climática e edafolóxica que aporta ser cultivado e producido aquí. O bon é que se vende con facilidade e a bo prezo. O malo é que non imos máis alá de 25.000 ou 30.000 litros de AOVE anuais.”

Acudir á maquila e elaborar para autoconsumo segue a ser a práctica máis habitual

Acudir á maquila e elaborar aceite para autoconsumo segue a ser a práctica máis habitual

A maioría de socios de APAAG practican unha agricultura a tempo parcial, cando teñen un oco fóra das súas actividades principais. E recorren á maquila, é decir, levan as olivas a que llas moa algunha empresa para levar o aceite para a súa casa.

Con todo, no sector hai moita diversidade. “Hai quen optou por plantacións superintensivas -con máis de 2.000 pés por hectárea e as árbores separadas por menos de 2 metros- e tivo que deixalas pola carga de traballo ou por non producir o suficiente. E hai quen ten oliveiral tradicional e limítase a desbrozar e recoller ou quen ten modelos intensivos que precisan dunha carga de traballo media.”

Rodríguez sinalou que os sistemas superintensivos estiveron de moda hai anos porque se consideraban os máis idóneos para obter a máxima produción posible en terreos moi cativos. Pero o paso do tempo demostrou que están a funcionar mellor modelos con menos densidade de árbores. Tanto pola redución de custos como polas cifras de produción.

Diversidade de modelos e problemas aparellados

A diversidade de modelos, terreos e climas leva aparellado outro problema: “hai zonas de Pontevedra onde as olivas maduran case ao mesmo tempo que as uvas. As almazaras, que se concentran en Ourense e Quiroga, aínda non están a traballar nese momento e o froito pode perder calidade cando por fin é moído. E eso que falamos de distancias pequenas comparadas con outras zonas produtoras.”

Sen esquecer que hai áreas nas que, polo método de cultivo, o clima e a caste empregada é suficiente con 6 ou 7 quilos de oliva para elaborar un litro de aceite; mentres que hai outras que -como sucedeu en 2024- houbo que xuntar ata 14 quilos para producir un litro.

O noso sector é moi cativo dentro da olivicultura en España e da agricultura en Galicia. Falta profesionalización

O que está apenas desenvolvido é a produción de oliva de mesa. “Non á algo habitual nin moito menos. O que puidemos ver con pequenas experiencias que se fixeron con arbequina ou brava e mansa é que, cun tratamento e receitas axeitados, poden dar bon resultado malia ser de pequeno tamaño. Aínda que non se pode falar de que unhas castes sexan mellores ou peores para encurtir.”

A mestura de oliveiras e viñedos en terreos lindeiros é unha práctica tan habitual como rendible

A mestura de oliveiras e viñedos en terreos lindeiros é unha práctica tan habitual como rendible

Respecto do último exercicio analizado, APAAG estima que, a finais de 2024 se recolleran máis de 100.000 quilos de oliva en Galicia. Unha cantidade superior á das campañas anteriores, que se situaba en torno aos 85.000 quilos.

Sen embargo, non é doado coñecer as cifras do sector galego. Porque a produción está moi fragmentada dado que existen numerosas iniciativas locais e algunhas almazaras e empresas de pouco volume. Ademais de toda a cantidade que vai para autoconosumo mediante maquila.

A oliveira a análise na Rede Eusumo

A intervención do presidente da APAAG produciuse no marco dunha xornada organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e a Rede Eusumo. A actividade enmarcouse no programa de actuación 2025 da Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Secretaria Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.

Higinio Mougán, xerente de AGACA, apuntou que participan no Grupo Operativo do Oliveiral en Galicia OLIGALICIA, que busca poñer en produción plena as plantacións existentes de oliveiral en Galicia. O grupo está integrado, ademais, pola Fundación Centro Tecnolóxico da Carne (CETECA) e Proligal, cooperativa especializada en oliveiras.

Grupo Operativo OLIGALICIA busca poñer en produción plena as plantacións existentes

O Grupo Operativo OLIGALICIA busca poñer en produción plena as plantacións existentes

Para iso, elaborarase un mapa coas variantes de oliveira (autóctona e foránea) cultivadas en Galicia co fin de de caracterizar as súas particularidades produtivas e os seus custos de produción e, segundo a zona e o clima, elaborar plans de emenda e fertilización e identificar os sistemas de rega, de mantemento de solo e de control de pragas máis axeitados.

O proceso de traballo, que prevé finalizar en 2026, incluirá a toma de mostras de solo, oliveiras e auga, por parte de Proligal, que se analizarán nos laboratorios do CETECA. Os datos servirán para facilitar a redacción dos cadernos de campo das diversas variedades e para optimizar as tarefas agronómicas de fertilidade do solo e manexo das árbores que conduzan a una mellor produción.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria colaborará na identificación das variedades máis aptas para seren implantadas nos campos experimentais. AGACA lidera o Grupo e ofrecerá o asesoramento técnico necesario.

O orzamento de OLIGALICIA é de 179.955 euros e conta con axuda para a execución de proxectos dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), financiada co Fondo Europeo Agrícola para o Desenvolvemento Rural (FEADER), o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e a Xunta de Galicia.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información