O descontento do agro fragua unha asociación “apartidista”, Gandeiros e gandeiras galegos

O colectivo parte de grupos de WhatsApp xurdidos nas tractoradas de principios de ano e o seu obxectivo é canalizar diante das distintas Administracións as reclamacións do sector do leite e da carne

Membros da xunta directiva intervindo no acto de presentación no Pazo de Feiras de Lugo

Membros da xunta directiva intervindo no acto de presentación no Pazo de Feiras de Lugo

Gandeiras e Gandeiros Galegos (ELES ELAS) é o nome da nova asociación de produtores de leite e de carne que está a piques de constituírse e que aglutina a explotacións de distintas zonas do territorio da comunidade, desde Os Ancares a O Rosal, pasando por Cotobade, Ribadeo, Pol, A Coruña ou O Deza. Este venres presentaron en Lugo as súas principais reivindicacións

Na xunta directiva figuran Adrián Riádigos (gandeiro de vacún de carne de Vila de Cruces) como presidente, Xoán Castro (enxeñeiro agrónomo) como vicepresidente, Diego Rodríguez (gandeiro de vacún de leite de Pol) como secretario e Hugo Martínez (gandeiro de ovino, caprino e vacún de carne de Tomiño) como tesoureiro.

A nova asociación, que ultima os trámites administrativos para a súa constitución, defínese como “apartidista” e ten como obxectivo “canalizar as demandas do sector cara as distintas Administracións con competencias”. “Nós distinguimos que é o que temos que pedir a Bruxelas, o que temos que pedir en Madrid e que en Santiago”, aseguran. “Até agora o único que se fai é tirar balóns fóra, botando a culpa uns aos outros”, afirman.

Nós distinguimos que é o que temos que pedir a Bruxelas, o que temos que pedir en Madrid e que en Santiago

O novo colectivo xorde das protestas que en Galicia se levaron a cabo a principios de ano seguindo a estela das tractoradas producidas por toda Europa. Recoñecen que “en Galicia non se souberon enfocar ben os motivos das manifestacións”, asegura Adrián Riádigos, que achaca a iso a escasa participación nas protestas en comparación con outros lugares. “O sector galego non se move sen motivo aparente”, afirma.

De grupo de WhatsApp a asociación

Coincidindo coa ola de tractoradas por toda Europa, comezaron a proliferar os grupos de whatsapp de productores. Dun deles, que conta con 200 membros, é de onde xorde a nova asociación, que abrirá en breve un período para que se poidan integrar nela todos aqueles gandeiros que o desexen, pagando unha cota mínima de 20 euros ao ano.

Na directiva hai representación a partes iguais de gandeiros de leite e de carne

Na directiva da asociación hai representación a partes iguais de gandeiros de leite e de carne porque, argumentan, “os problemas son os mesmos e os orzamentos tamén e, en función do momento, quítanlle a uns para darlle aos outros”.

Tamén se integrarán na asociación produtores do norte de Portugal, que se manifestaron a principios de ano cortando a fronteira. “A súa situación é parecida á nosa, porque tamén teñen minifundio e as políticas que se deseñan en Lisboa prexudícanos fronte aos gandeiros do centro e o sur de Portugal, ao igual que pasa en España”, afirman.

Primeiro obxectivo: cambiar a normativa de xurros

Un exemplo claro é, din, a normativa de xurros. A súa modificación será o seu primeiro cabalo de batalla. Para iso, teñen unha reunión solicitada coa conselleira do Medio Rural e pedirán outra tamén ao delegado do Goberno en Galicia para expoñerlle que “é necesario que se elimine da condicionalidade da PAC a norma da BCAM 10 (Boas Condicións Agrarias e Medioambientais 10), sobre fertilización sostible”.

“Hai que pedir a eliminación desta norma ao Ministerio porque é inxusta”, considera o presidente de Eles Elas, que estima en 30.000 euros o custo para cada granxa na adaptación da cisterna de xurro, “algo inasumible”, asegura.

O vacún de leite e de carne sae maltratado no Real Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrícolas

“A BCAM 10 foi imposta desde Madrid, foi unha norma que se puxo a maiores porque o Estado español estaba incumprindo a Directiva de Nitratos da UE en zonas como Cataluña ou Murcia e para evitar as sancións de Europa decídese impoñernos un Real Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrícolas no que o vacún de leite e de carne que está vinculado á terra sae maltratado. Nós estámolo facendo ben en Galicia; os que o están facendo mal son outros”, asegura Xoán Castro, que leva 30 anos investigando sobre fertilización e utilización de abonos orgánicos.

“En Galicia, mentres se utilicen abonos químicos, non sobra xurro; é algo evidente”, argumenta. “Unha vaca aforra 500€ ao ano de abonos químicos a unha granxa. Son 170 millóns de euros os que nos aforramos ao ano pola merda das vacas”, calcula.

O problema dos nitratos non se soluciona con plantas de biogás, porque eliminan o metano pero non o nitróxeno

Á Xunta, Xoán Castro reprochoulle que na súa Estratexia de Economía Circular considere o xurro como “un residuo industrial a tratar” en plantas de biogás, “mentres os lodos de depuradora se teñen por un abono”.

“O problema dos nitratos non se soluciona coas plantas de biogás, porque eliminan o metano pero non o nitróxeno, que non desaparece, senón que se concentra no dixestato. E se non hai terras onde botalo o problema é o mesmo ou incluso maior, porque ese nitróxeno pasa a ser de liberación rápida, cando o do xurro e o do esterco se libera lentamente”, explica.

Burocracia e trabas

Outra das queixas da asociación é a “excesiva burocracia”. “Estamos a ver que desde a Consellería hai un abandono do sector. Nos últimos meses seis ganderías de leite deixaron de ser recollidas na zona de Becerreá. Pecharon porque non houbo unha conselleira que as defendese”, denunciou o presidente de Eles Elas.

Galicia perde cada ano unhas 400 explotacións que pechan sen teren relevo. “Perdemos a metade das granxas desde fai 15 anos”, explicou. “Un rapaz que se queira incorporar á granxa dos seus pais tarda como mínimo 14 meses en facelo. Iso é unha traba e un impedimento para o relevo”, asegura Adrián.

Telefónica leva 1,3 millóns de euros da PAC; eu descoñezo se ten vacas

“A PAC só distribúe en Galicia un 3% do total dos cartos entre os mozos e mozas; iso é ridículo”, denuncia. Mentres, di, “Telefónica leva 1,3 millóns de euros da PAC; eu descoñezo se ten vacas”, quéixase.

Caderno Dixital e Veterinario de Explotación

Ademais do Decreto de xurros, outras normativas que a nova asociación ten no punto de mira son o SIGE (Caderno Dixital) e o Veterinario de Explotación. “O Caderno Dixital plantéxase a nivel global desde a UE pero despois hai que adaptalo á realidade de cada zona. En Castela se un agricultor traballa 60 hectáreas só ten que cubrir 3 ou 4 fincas, pero aquí en Galicia para xuntar esas 60 hectáreas temos que cubrir os datos de 200 fincas”, denuncia Adrián.

En canto á figura do Veterinario de Explotación, di, “nada mellor que un mosquito para poñelo en entredito”. “Tras un final de 2023 que foi caótico pola EHE, tivemos un 2024 moito peor, con comarcas como o Deza co 80% das granxas afectadas”, calculou. “O problema está aí e nun período curto de tempo imos ter unha baixada na produción de leite e de carne”, augurou.

Tratado con Mercosur e pegada de carbono

O vicepresidente da asociación, Xoán Castro, asegurou que “o Tratado da UE cos países do Mercosur é unha espada de Damocles para o sector do vacún de carne galego”. “Non vai afectar aos cebadoiros, porque a soia e o millo que veñen de Brasil e Arxentina van entrar máis baratos, pero a quen vai prexudicar é ás explotacións en extensivo ligadas á terra, que crian os becerros mamando das nais, porque non van poder competir con esa carne que vai entrar”, dixo.

“De Brasil aquí hai 7.000 quilómetros de distancia. Que pegada de carbono ten esa carne?”, engadiu Adrián. “A pegada de carbono é algo que só nos prexudica aos produtores europeos. Para os gandeiros a PAC é un contrato que temos coa UE. Se fósemos contaminantes ou maltratásemos aos animais non a cobrariamos”, argumentou.

De Brasil aquí hai 7.000 quilómetros de distancia. Que pegada de carbono ten esa carne?

Xoán Castro afondou nisto criticando os sistemas de cálculo empregados. “A ferramenta empregada para estimar as emisións de gases de efecto invernadoiro, Ecogan, prexudica sobre todo aos gandeiros que consumen herba e forraxe fronte aos que alimentan en base a penso”, asegurou.

Tampouco ten en conta as características das granxas de Galicia, dixo, o certificado Welfair de benestar animal, esixido por cada vez máis industrias e cadeas de supermercados. “O Irta de Cataluña está impoñendo as normas de benestar animal a toda España; por iso unha vaca estabulada que teña aire acondicionado sae mellor puntuada que unha que estea pacendo ao aire libre”, cuestionou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información