“O mercado da madeira vive tempos convulsos, logo de que comezaran as flutuacións en marzo do 2020, polo que planificar a evolución da madeira é extremadamente complexo”, recoñece Manuel Marey, catedrático da Universidade de Santiago, quen recentemente presentou unha análise das perspectivas e retos da transformación da madeira en Galicia nunhas xornadas na Escola Politécnica de Lugo (USC). Malia a incertidume do escenario, Marey é optimista sobre o futuro do sector en Galicia, ao que aconsella unha boa planificación estratéxica.
Como apunta Marey, durante 40 anos os prezos da madeira foron relativamente constantes a nivel internacional, ofrecendo unha estabilidade ó sector á que se acostumaron todos os elos da cadea. A situación mudou radicalmente a partir da pandemia do Covid-19, producíndose unhas fortes oscilacións na demanda e no prezo da madeira nos mercados mundiais.
Boa conta desta situación cambiante deixaba pegada nos últimos meses en grandes empresas galegas. “FINSA amosaba uns resultados de récord de facturación a comezos de verán do 2022 e a finais presentaba un ERTE para parte dos traballadores. Os vaivéns que experimenta o mercado son moi ben recibidos polos especuladores, pero as empresas e o sector reséntese con cambios tan bruscos”, apunta o catedrático.
Evolución del mercado
As variacións do mercado están deixando cambios nas producións que non se contemplaran antes. Así, durante a burbulla da biomasa do pasado verán, “en Centroeuropa estiveron utilizándose taboleiros para trasformalos en pélets”, apunta Marey.
A necesidade dun plan estratéxico do sector
Á hora de afrontar retos como a situación cambiante dos mercados, Marey incide na importancia de contar cun plan estratéxico que fixe as liñas a seguir a medio prazo, nun documento accesible para o sector. Esta é precisamente, en palabras do experto, unha das principais carencias a día de hoxe a nivel galego. “Sabemos que é difícil planificar a longo prazo, máxime en tempos convulsos, pero é precisamente agora cando se debe de fixar rumbo a seguir para evitar que os esforzos se dispersen e moitas empresas se afundan”, reivindica.
A implicación de todos os elos que conforman o sector é primordial para Marey á hora de fixar obxectivos. “Debería ser o propio sector o que elabore o plan, non é responsabilidade dunha única Administración”, valoraba Marey no pasado mes de outubro, semanas antes de que a propia Consellería do Medio Rural anunciara o lanzamento no 2023 dun plan estratéxico para a cadea forestal – madeira.
Retos e trabas a superar polo sector
No tocante á situación actual do sector en Galicia, Marey analízao a partir dun estudo realizado no 2021 polo Instituto Galego de Estadística. “A cadea forestal supoñía no 2018 un 2,8% do PIB galego, un dato moi baixo tendo en conta que ocupa o 70% do territorio. O desafío da actividade forestal non é ocupar máis espazo senón xerar máis riqueza e valor”, defende.
Outro aspecto a considerar é o tamaño das empresas que integran a cadea de valor. Unha análise realizada en preto de 700 empresas do sector que operaban en Galicia entre os anos 2012 e 2019 amosa que a maior parte delas son microeempresas e que están ubicadas na provincia de Lugo. E aínda que, como apunta Marey, o sector forestal medrou, non seguiu o mesmo ritmo ca outros sectores, polo que aínda queda camiño por recorrer.
Aspectos nos que mellorar
Entre as carencias a ter en conta, as empresas do sector recoñecen que o desenvolvemento do I+D aínda segue a ser unha tarefa pendente para boa parte da cadea da madeira. A competitividade e contar con mellor capital humano son outras das prioridades. Na necesidade de capital humano, tamén se sitúa a necesidade dun relevo xeneracional nos serradoiros, que permita proxectos con futuro e localización axeitada.
“Ó sector forestal galego fáltalle cerrar ciclos produtivos e mellorar a loxística para seguir medrando”, opina Marey.
Fortalezas
Como exemplo de innovación do que pode tomar nota o sector do serrado, Marey sinala o desenvolvemento que se rexistrou nas fábricas de taboleiros, que dan resposta ás necesidades que xurden en distintos mercados. “Hoxe en día as industrias galegas ofrecen solucións moi diversas e versátiles en taboleiros”, sinala Marey. Estas innovacións permitiron tamén avanzar na internacionalización das empresas, en especial de subsectores coma o contract, que están a ofrecer solucións sobre todo para tendas e hoteis en distintas partes do mundo.
Marey incide ademais na importancia de ter vixiadas as tendencias que se levan a cabo noutros países para ter capacidade de adaptarse ás novas demandas e de ofrecer solucións semellantes ás que ofrecen competidores doutras latitudes. Así, a diversificación e a especialización poden ser as vías para seguir avanzando. En definitiva: “O sector forestal galego ten que ter actividade que xere riqueza no territorio, non se trata de ocupar maior espazo, senón de optimizar o sector forestal galego que temos hoxe en día”, conclúe Marey.
Novos proxectos, como o de fibras téxtiles de Altri en Palas de Rei, son tamén ben valorados polo catedrático, que sinala que “nun contexto de volatilidade como o actual, é un proxecto importante para darlle estabilidade ó conxunto do sector forestal galego”.