O decreto que limitará o eucalipto someterase a exposición pública para buscar o consenso

Medio Rural abrirá un periodo de alegacións á normativa e sinala que queda un camiño longo ata a súa posta en marcha. No sector forestal, hai división de opinións sobre a necesidade de restrinxir o eucalipto nitens

O decreto que limitará o eucalipto someterase a exposición pública para buscar o consenso

Medio Rural proxecta frear temporalmente a expansión do eucalipto.

O proxecto para limitar o cultivo do eucalipto en Galicia continúa adiante, se ben a Consellería de Medio Rural recoñece que queda un “camiño longo” ata que a normativa vexa a luz. Medio Rural prevé sacar o decreto a exposición pública co obxectivo de buscar o consenso da cidadanía e do sector forestal.

A Consellería presentoulle a finais do 2015 o borrador do decreto ó Consello Forestal, un órgano consultivo da Administración participado por colectivos forestais e agrarios. O proxecto de restricción do eucalipto facíase eco dos temores que desperta no sector a expansión do eucalipto nitens, unha especie cun mercado futuro cheo de incertidumes.

A previsión apunta a que o eucalipto restrinxirase por completo na montaña oriental lucense, na Ribeira Sacra e en Ourense

O director xeral de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, vén de reafirmar as motivacións que xustifican o decreto na última comisión de Agricultura do Parlamento: “O eucalipto nitens ten unha realidade moi especial. Os seus crecementos son impresionantes e non ten limitacións climáticas por xeadas ou altitude, coma o eucalipto globulus, o que fixo que nos últimos cinco anos se expandira intensamente. Sen embargo, os seus rendementos para pasta son inferiores, a calidade da pasta non é igual que a obtida do globulus, e en canto a posibles aproveitamentos para a industria da madeira, os usos para serra non están desenvolvidos. Si podería ter usos para taboleiro, pero a prezos non moi axeitados para un futuro de grandes producións”.

Restriccións

A intención da Consellería é desenvolver Plans de Ordenación de Recursos Forestais en cada Distrito Forestal nos que se delimite se é posible ou non plantar eucaliptos. As previsións iniciais apuntan a que se restrinxirá por completo a plantación de eucaliptos en zonas nas que ata o de agora non era habitual, caso das comarcas da montaña oriental de Lugo (Ancares, Courel), da Ribeira Sacra lucense e de toda a provincia de Ourense.

O nitens quérese limitar tamén en zonas tradicionais de globulus e de piñeiro

A idea de Medio Rural é restrinxir tamén as plantacións de eucalipto nitens en zonas tradicionais de globulus -como poden ser as zonas costeiras da Mariña lucense ou do norte coruñés-, se ben Medio Rural eludiu ata o de agora facer concrecións ó respecto.

Parte das asociacións de propietarios de eucaliptos están en contra das limitacións, xa que a praga do gurgullo limita en moitas zonas as plantacións de globulus. O nitens, máis resistente á praga, ocupa entón espazos con máis complicacións para o globulus.

A Consellería tamén quere evitar a sistemática sustitución de masas de piñeiros por plantacións de nitens, polo que tampouco se poden descartar limitacións ó nitens no interior coruñés ou na zona central de Lugo.

“Non limitar o nitens sería irresponsable se se confirman as malas previsións de mercado” (Tomás Fernández Couto)

O director de Ordenación e Produción Forestal, Tomás Fernández Couto, precisou na última comisión de Agricultura que se trataría de establecer “prohibicións temporais”. Couto advirte de que non limitar o nitens constituiría unha irresponsabilidade no caso de que se cumpran as previsións dun díficil mercado para a especie.

300 denuncias contra plantacións en Lugo

Na actualidade, a plantación do eucalipto está permitida en zonas forestais sempre que non sustitúa a masas de frondosas autóctonas (carballos, bidueiros, castiñeiros, etc.). O seu cultivo tampouco está permitido en zonas de protección agraria, aínda que o sector agrario denuncia que é habitual a súa plantación en pradeiras e fincas de cultivos agrícolas. Desde as organizacións agrarias adóitase pedir a intervención de oficio de Medio Rural sobre estas plantacións ilegais.

Cuestionado por esta situación, Fernández Couto sostén que se están sancionando as plantacións de eucalipto en zonas non permitidas. “Só na provincia de Lugo, hai 300 denuncias por plantacións irregulares de eucalipto”, asegurou.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información