O custo de producir un litro de leite en Galicia incrementouse un 12%

O conselleiro do Medio Rural presentou ás organizacións profesionais agrarias, asociacións e cooperativas un estudo sobre a evolución dos principais datos sectoriais do vacún de leite

O custo de producir un litro de leite en Galicia incrementouse un 12%

Reunión do conselleiro con orgnizacións agrarias e cooperativas para presentarlles o informe.

O conselleiro do Medio Rural, José González, presentou hoxe aos representantes dos gandeiros galegos de vacún de leite un estudo que constata un impacto do incremento dos seus custos de produción de 4 céntimos por litro no 2021 en comparativa co ano 2020. Na presentación, que tivo lugar no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón), participaron representantes de Unións Agrarias, o Sindicato Labrego Galego, a Federación Rural Galega, a Asociación Agraria de Galicia e a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias.

Este informe, elaborado en colaboración coa Fundación Juana de Vega a partir dunha mostra representativa de explotacións, avalía a evolución tanto dos prezos do leite como dos seus ingresos e custos entre 2020 e 2021. Así, en relación cos primeiros, confírmase que aumentaron un 3,16%. Pola súa banda, os ingresos medraron un 2,71%, mentres que os custos se incrementaron en preto do 12%. Isto supón, tal como explicou o conselleiro, que “se está a rexistrar no sector unha situación de venda a perdas xeneralizada, algo que vai en contra da Lei nacional da Cadea Alimentaria”.

En concreto, os custos das materias primas e insumos avaliados neste estudo refírense aos alimentos para o gando, a electricidade, o gas e o gasoil, fundamentalmente. No caso da enerxía rexistráronse subas de ata o 55%. No que atinxe á cebada, o custo medrou en máis dun 31%, no penso preto do 17% e no carro mesturador externo que leva a ración ás explotacións de case o 12%.

Con estes datos, o conselleiro indicou que se está a vivir un importante deterioro das contas de resultados das explotacións, situándose a marxe neta de ingresos no -2,3%, cando no 2020 este indicador era positivo e acadaba case o 6%.

“Como conclusión, -tal e como advertiu o titular de Medio Rural-, constátase que o impacto estimado da suba de materias primas nos custos de produción nas explotacións foi de 4 céntimos, pasando dos 0,36 céntimos por litro aos 40.

Demandas ao Ministerio

Tendo en conta estas consideracións, e para buscar unha regulación desta situación de crise, o conselleiro reiterou as demandas trasladadas ao Goberno central por parte da Xunta e os representantes dos gandeiros galegos. Así, demándase ao Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación (MAPA) que propicie un gran acordo entre a distribución, a industria e os produtores a nivel nacional que faga que se habiliten mecanismos para incrementar o prezo actual dos contratos de venda do leite cunha prima de emerxencia que garanta a viabilidade económica do sector.

Esta prima, insistiu González, debería acadar os 4 céntimos por litro de leite producido, cun tope de 41 céntimos (excluíndo primas por calidades e IVA) e debería manterse durante todo este ano. O obxecto desta medida, xa aplicada polo Goberno de Italia, é paliar as dificultades que está a atravesar o sector polo incremento dos custos de produción.

Porén o Ministerio de Agricultura pecha a porta a esta medida ao considerar que vulneraría tanto a lexislación española como a europea en materia de competencia.

Ao tempo, o conselleiro sinalou que o MAPA ten que habilitar de inmediato mecanismos específicos de control que garantan o cumprimento da prohibición da venda a perdas. Isto pasa, engadiu, por unha mellor regulación a nivel de lei estatal dos mecanismos de control desa prohibición, pero tamén por contribuír con financiamento do Estado ao desempeño polas comunidades autónomas e nomeadamente Galicia das súas novas competencias en materia de control.

Nesta mesma liña, José González recordou outra das petición ao Ministerio, relacionada coa aplicación informática Conta Láctea, creada pola Xunta para permitir os gandeiros calcular os seus custos de produción e, consecuentemente, o prezo ao que deberían vender o leite para obter rendibilidade.

Trátase de que o Estado recoñeza esta ferramenta na normativa como medio de proba do custo efectivo de produción. Así, lembrou o conselleiro, a implantación deste instrumento no conxunto do sector permitirá ter datos homoxéneos e constatar a súa evolución no tempo, o que tamén fará posible a xeración de informes e índices que sirvan de referencias para a negociación dos contratos.

Importancia do sector

GRAFICA SECTOR LACTEO GALICIA 2021

Ademais, o titular de Medio Rural puxo en valor a importancia do sector lácteo para a economía rural da nosa comunidade. Isto, salientou, maniféstase con feitos como o liderado de Galicia como principal rexión produtora de España e a súa novena posición no ranking europeo e remarcou que por iso a Xunta, de acordo co sector, aprobou unha Estratexia de dinamización que ten como principal obxectivo consolidar a súa profesionalización e mellorar a súa rendibilidade.

Tras a xuntanza de hoxe, a Xunta e as organizacións profesionais agrarias asinarán un acordo que recollerá todas estas medidas e que será remitido ao Ministerio. Na reunión participaron Roberto García, secretario xeral de Unións Agrarias; a vicerresponsable do sector lácteo do Sindicato Labrego Galego, Ana Rodríguez Vázquez, e Xulio Fernández, desta mesma organización; Francisco Bello, presidente da Asociación Agraria de Galicia (Asaga), e Manuel Iglesias, desta mesma entidade; Carmen Rodríguez, presidenta da Asociación Galega de Cooperativas (Agaca) e Higinio Mougán, xerente desta entidade; e -por último- Manuel da Cal, coordinador da Federación Rural Galega (Fruga).

Descarga aquí o informe

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información