
A definición de hidroponia sinala que “é un método de cultivo de plantas que prescinde dos solos agrícolas e substitúeos por unha solución acuosa rica en nutrientes esenciais ou por un sustrato inerte (como fibra de coco, perlita, grava…)”. Manuel Campos, de Huerta del Agua (Vigo), explicou as vantaxes deste método nunha acción formativa organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agrarias (AGACA) e a Rede Eusumo.
Manuel estudou bioloxía e tivo contacto hai oito anos coa hidroponia grazas ao kit dunha empresa de mobles sueca, co que fixo as súas primeiras experiencias. O que leva analizado é que a maioría das plantas poderían ser cultivadas mediante hidroponia. Pero que o cultivo teña sentido e viabilidade depende de tres factores principais: a adaptación á técnica hidropónica, a morfoloxía da planta e os custos e rendibilidade.
Por exemplo, hai plantas moi adaptadas a desenvolverse en medios con moita humidade e outras que non, como poden ser os cactos. Ou as leñosas tampouco serían moi indicadas porque as partes que se serven de protección no subsolo, nas instalacións hidropónicas non se adaptan e acaban apodrecendo.
A viabilidade dunha planta en hicroponía depende da súa adaptación técnica, a súa morfoloxía e os recursos do agricultor (Manuel Campos, Huerta del Agua)
No tocante á morfoloxía, as plantas con bulbos ou tubérculos comestibles como a cenoria ou o nabo non son as máis indicadas. Porque requiren de engadir técnicas aeropónicas polo tamaño dos bulbos e raíces. Por contra, si que interesan as plantas de folla, de ciclo rápido e baixo porte.
En canto os custos, Campos sinala que os cultivos orientados a grandes producións non teñen sentido en hidroponia. “Os cereais ou as forraxes necesitan moita superficie e a hidroponia está concibida para espazos reducidos. Ademais, o seu custo leva a que teñamos que ser moi selectivos coas especies.” Campos está especializado na hidroponia de invernadoiro, que é diferente da que se realiza en naves industriais coñecida como “de interior”.

A limpeza e organización nas instalacións dificultan a entrada de patóxenos en sistemas de invernadoiro hidropónico
Hortalizas de folla verde como a leituga, espinaca, col rizada (Kale), acelgas ou apio; herbas aromáticas como a albahaca, menta, cilantro, perexil, ourego ou salvia; froitos e hortalizas de froito como tomates cherry, pementos, cogombros, ou fresas son os cultivos que están a ter máis éxito en hidroponia.
Campos sinalou os motivos polos que a hidroponia pode ser unha boa opción en Galicia:
– Rendibilidade en minifundio: a técnica permite duplicar e ata cuadriplicar a produción por metro cadrado, conseguindo obter colleitas relativamente grandes en pouco espazo.
– Redución da carga de traballo: os métodos son ergonómicos e están deseñados para traballar en vertical e sen facer esforzos que sobrecarguen costas e articulacións. Ademais, pódese prescindir da man de obra tradicional nun contexto que xa é de escaseza da mesma.
– Aforro de auga: A hidroponia supón un afooro dun 90% de auga respecto dos cultivos tradicionais e, sobre todo, permite un almacenamento e reutilización que evitan os problemas derivados da seca, cada vez máis frecuente en Galicia.
– Temperaturas favorables: A calor é o peor inimigo da hidroponia. Porque, se sube moito o termómetro, a auga perde osíxeno e as raíces do cultivo quedan danadas. E tamén fai aparecer patóxenos. Os veráns suaves de Galicia evitan ese quecemento. Por exemplo, en Murcia, hai que parar a produción hidropónica boa parte do ano por causa da calor. Ou arrefriala, co conseguinte incremento de custos.
– Menor uso de fitosanitarios: Ao separar as plantas da terra e crialas nunha contorna pechada, a aparición de patóxenos redúcese exponencialmente. Seguindo os hábitos de limpeza e desinfección recomendados, as pragas aparecerán con moi pouca frecuencia e unha intensidade mínima, polo que será fácil erradicalas sen abusar de fitosanitarios.
– Control total: Ao regular o uso da auga, dos nutrientes, da luz, da ventilación e mesmo da temperatura, pódese actuar de forma inmediata ante calquera problema. Ademais, a xestión adecuada desas variables fai que sexa máis doado acadar os obxectivos previstos.

O lúpulo é un dos cultivos que está a ofrecer excelentes resultados mediante técnicas de hidroponia
A maiores destas vantaxes, Campos sinala a desestacionalización e o valor engadido que supoñen os cultivos hidropónicos. “Ao controlar todos os parámetros dentro do invernadoiro, podemos ter un fluxo de produción máis rápido e durante a maior parte do ano. Dese xeito, pódese cultivar a unha certa escala e manter abastecidos os compradores durante máis tempo.”, sinalou.
Para que o cultivo sexa rendible é preciso manter unha produción regular e homoxénea ao longo do ano
Esa estabilidade produtiva, asegura o horticultor, tradúcese nun maior valor engadido. “Porque se pode ofrecer un produto homoxéneo durante meses e meses, e eso é algo que as cadeas de distribución valoran e recompensan. Sen esquecer que o consumidor amosa cada vez máis interese nos cultivos hidropónicos.”
Retos en Galicia
Malia os aspectos positivos que aporta a hidroponia de invernadoiro, Campos indicou facetas nas que é preciso mellorar para facer máis efectivo o modelo e que se poida estender por territorio galego como unha alternativa viable.
Por exemplo, sería preciso que houbera máis liñas de axudas das administracións ou máis apoio das entidades de crédito. Porque o investimento para poñer en marcha os invernadoiros hidropónicos é moi elevado debido á tecnoloxía que empregan.
Tamén supón un problema a humidade que hai en todo o territorio galego. A aparición de fungos dispárase cando se mesturan humidade e calor. Máis aínda nun sistema como o hidropónico baseado na auga. Para combater os fungos, e imprescindible manter as instalacións limpas en todo momento.
Os ceos anubrados e os invernos longos supoñen un problema de falta de luminosidade. A única posibilidade de suplir esa falta de luz natural é implementando sistemas de iluminación artificial. Se ben seguen supoñendo un alto investimento e poden ter un elevado custo por consumo.
Polo de agora, as instalacións hidropónicas seguen tendo un custo elevado. Hai que facer moi ben os números antes de comezar calquera proxecto
A facilidade de espallamento das pragas é un inconveniente engadido. Polas propias características do modelo. “A reutilización da auga fai que pase por todas as plantas. Así, se entra un patóxeno no tanque -sobre todo se é por vía radicular- acaba danando por contacto toda a colleita”. Para evitalo, a desinfección da auga por ozono ou por luz ultravioleta son as técnicas que están a resultar máis eficaces.

A instalación de invernadoiros con sistemas hidropónicos segue a ter un custo elevado pero ofrece altos rendementos por metro cadrado
A hidroponia en invernadoiros conleva unha importante dependencia da electricidade. Sistemas de rega, luz artificial, dispositivos de control…a corrente determina case todo. Ante a súa falta, o medio máis asequible é contar cun xenerador de gasóleo. Ou con dispositivos de acumulación que nos permitan ter reservas de enerxía en caso de caída da rede. “Estar dúas horas sen luz no medio do verán pode facer que se perda toda unha colleita.”
E a hidroponia fai necesarios unha serie de coñecementos técnicos de certa complexidade. Hai que ter formación en bioloxía, química ou física para que os cultivos saian adiante e ter en conta que cada especie se vai desenvolver de distinta forma. Cómpre formarse o máis axeitadamente posible. Con todo, as novas tecnoloxías reducen esa complexidade técnica.
Custos e rendementos
Dependendo do tamaño e os materiais que se vaian empregar, os invernadoiros terán diferentes custos pero sempre serán elevados. “Hai que partir da base de que hai elementos como o inxector de abono ou o controlador de rega que son imprescindibles e hai que investir neles. O resto dos custos si que son máis variables.”
Campos tomou como referencia un espazo de media hectárea no que se emprega o sistema Nutrient Film Technique (NFT), o máis utilzado en invernadoiros no mundo. E cifrou en 110 €/m² o custo da instalación, divididos en 50 € pola rede hidropónica e 60 € polos plásticos e soportes.
A partir de media hectárea co sistema NFT xa podemos pensar en producir a escala e manter un fluxo de cultivo rendible
Dese xeito, o investimento inicial vaise a 550.000 € para esa media hectárea. “Co NFT xa se pode pensar en producir a unha certa escala e media hectárea é relativamente asequible para calquera produtor e cuns rendementos óptimos.”
Tamén hai que ter en conta que non toda a superficie é produtiva. Así, desa media hectárea calcúlase que a superficie útil é o 70%, é decir, uns 3.500 m². “No caso das leitugas, e cun marco de plantación de 20×25 centímetros, podemos obter 20 leitugas por metro cadrado cun peso medio de 300 gramos por peza. En total, 70.000 leitugas en media hectárea e con 21.000 quilos de produto.”

A fertirrigación con sistemas de regado por goteo é unha boa forma de calibrar as posibiliades de desenvolver un cultivo hidropónico
O NFT permite ata 11 ciclos anuais de produción. 4 de 21 días en verán, 2 de 35 días en outono, 2 de 45 días en inverno e 3 de 30 días en primavera. Nun sistema altamente eficiente e, aínda contemplando un 10% de merma, pódense chegar ás 700.000 leitugas anuais. Se non se empregan iluminacións e se vai a planteamentos mais conservadores, quedaría en 8 ciclos produtivos e 500.000 plantas por ano.
Pasos e alternativas
Antes de dar o paso á total hidroponia, hai situacións intermedias nas que se pode seguir traballando coa terra. É o caso da fertirrigación, que emprega técnicas propias da hidroponia pero aplicadas nos solos. Coa fertirrigación pódese ir coñecendo o cultivo hidropónico e aproveitano a fertilidade propia do chan.
“É o sistema máis acaido para quen desexa pasarse á hidroponia pero aínda non o ve claro. Cun sistema moi sinxelo de bomba + dosificador + rego por goteo, auméntase a aportación de nutrientes aos solos, ao tempo que se incrementa a produción dos mesmos e se corrixen defectos e carencias da terra.”, dixo Campos.
Finalmente, o horticultor lembrou que non hai fórmulas de éxito garantido e que ningunha planta vai dar todos os anos o máximo rendemento. “A clave está en analizar cal é a planta que pode ser máis rendible tendo en conta as características da plantación. Enfocarse nela e potenciala. No meu caso, a aposta foi a leituga viva con raíz, que tamén aporta un elemento diferenciador.”
A fertirrigación é o paso previo antes de introducirse na hidroponia e pódenos dar as claves para os novos proxectos
E é importante crear valor engadido sabendo comunicar as características do produto. “En Huerta del Agua non empregamos pesticidas, producimos cultivos de quilómetro cero locais e frescos e imos a un cultivo limpo, sustentable e de reducida pegada ambiental. Eso é algo que os consumidores e a distribución premian e valoran. Por eso cremos que é importante sabelo trasladar.”
A intervención de Campos produciuse no marco dunha xornada organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e a Rede Eusumo, unha rede de colaboración impulsada pola Secretaria Xeral de Emprego e Relacións Laborais da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración para o fomento do cooperativismo e a economía social que conta co financiamento do Ministerio de Traballo e Economía Social.
Galego









Control OJD