O cultivo de colza consolídase en Galicia animado polo bo prezo

Este ano prevese que se sementen unhas 1.000 hectáreas, repartidas entre a zona de Bergantiños e a da Limia. A última colleita pagouse a 600€/tonelada, o que aporta aos agricultores unha rendibilidade duns 1.000€ por hectárea

Publicidade
Campo de cultivo de colza esta primavera na comarca da Limia

Campo de cultivo de colza esta primavera na comarca da Limia

Ata fai dous ou tres anos a colza era un cultivo practicamente descoñecido en Galicia, pero os altos prezos que está a acadar e a súa boa adaptación aos solos e á climatoloxía galega están a facer que cada vez máis agricultores a introduzan nas súas rotacións.

Hoxe por hoxe posiblemente sexa un dos cultivos máis rendibles, moito máis que o trigo ou calquera outro cereal. O seu alto prezo (chegou a cotizar a 800€ este ano) está a animar a súa plantación, multiplicando as hectáreas sementadas en comarcas como Bergantiños ou A Limia.

A previsión para este ano é que se poidan superar as 1.000 hectáreas labradas, unhas 400 na provincia da Coruña e máis de 600 na de Ourense. Setembro é o mes por excelencia para a sementeira, unha vez caeron as primeiras chuvias.

Galicia polo solo que ten adáptase perfectamente e o prezo acompaña

“Na Limia hai unha previsión de que se poidan sementar este ano entre 500 e 600 hectáreas, o que significaría dobrar a superficie do ano pasado, pero estamos un pouco a expensas do tempo, a ver como se vai comportando”, explica Gonzalo González, técnico agrónomo de Fitoagraria, unha das empresas que está a asesorar aos agricultores da zona.

O cultivo podería ocupar en pouco tempo entre o 5 e o 10 % da superficie que se destina a cereal na Limia

De seguir coa evolución actual, os cálculos que fai son que dentro de pouco tempo entre o 5 e o 10% da superficie que se destina a cereal na Limia poida estar ocupada por colza, o que equivalería a unhas 1.000 hectáreas só na comarca.

Na última campaña recolléronse 900.000 quilos de colza a un prezo de entre 580 e 620€/tonelada

Na última campaña, na Limia recolléronse case 1 millón de quilos de semente de colza, que se vendeu entre 58 e 62 céntimos. O destino final é a industria transformadora de fóra de Galicia, pois dependendo das calidades vai para aceite ou para biodiésel.

“O cultivo chegou para quedar”

Hai 4 ou 5 anos fixérase un primeiro intento de introdución da colza en Galicia, “pero tiñamos pouca experiencia, sementamos tarde e as máquinas estaban mal calibradas”, asegura Gonzalo. “En serio e facendo as cousas ben este sería o terceiro ano e será o definitivo”, afirma.  

“O cultivo chegou para quedar, estase subindo todo o mundo ao carro”, di. A maioría dos agricultores da Limia van botar algo de colza este ano, aínda que sexa para probar. Mostra do interese que hai foi a asistencia á xornada técnica organizada a semana pasada en Xinzo, á que asistiron 150 persoas.  

A maioría dos agricultores da Limia, o 50 ou 60%, van botar algo de colza este ano, aínda que sexa para probar

Os agricultores que son cerealistas exclusivamente foron os primeiros que se animaron a botar colza, pero nesta campaña tamén os que botan patacas están a sementala, aínda que neste caso só sería posible compatibilizala con variedades temperás como a kennebec.

“Se non te organizas ben é difícil compatibilizar co cultivo da pataca, polas datas, porque se levantas a pataca a finais de setembro xa é algo tarde para botar a colza. Neste caso tería que ser variedades de pataca de ciclo curto, que se sacan a finais de agosto ou principios de setembro, como a kennebec, porque coa agria, que se colle en outubro, non daría tempo”, explica o técnico de Fitoagraria.  

Expansión tamén en Bergantiños

Cultivo nunha fase máis temperá. O momento crítico é a implantación e xerminación, ata acadar o estado fenolóxico de roseta

Cultivo nunha fase máis temperá. O momento crítico está en acadar o estado fenolóxico de roseta antes de que xee

Pero non só na Limia se está a asentar o cultivo de colza en Galicia. “Na Coruña tamén hai bastante xente que está apostando por ela. Este ano na zona de Bergantiños vanse sementar entre 300 e 400 hectáreas”, detalla José Ramón Gallego, enxeñeiro agrónomo de BASF e especialista na implantación deste cultivo en Galicia.

O trigo tremesino ou de inverno é máis problemático na zona norte de Galicia e as producións son menores que na Limia

Na provincia da Coruña, tanto na zona de Bergantiños como na das Mariñas, varias empresas de servizos que manexan terras para cultivo de cereal para vender (trigo para panificadoras e millo para ensilar), optaron este ano por labrar colza, que aporta unha rendibilidade maior que as variedades autóctonas de trigo callobre ou caaveiro que se empregan na IXP Pan Galego.

Bo prezo polo incremento da demanda

A colza defende un bo prezo nestes momentos (o encarecemento do xirasol a consecuencia da guerra en Ucraína abriu unha oportunidade para o seu cultivo) pero non só desde o punto de vista económico é interesante, senón que hai que ter en conta tamén as vantaxes agronómicas que ten, “porque limpas moito de malas herbas e fixas nitróxeno, logrando un 10% máis produción de cereal despois”, asegura José Ramón.

Hoxe por hoxe non hai ningún cultivo que dea a rendibilidade que dá a colza

“É un cultivo atractivo e penso que o prezo vai seguir acompañando. Hoxe por hoxe non hai ningún cultivo que dea a rendibilidade que dá a colza”, afirma.

Con rendementos que poden oscilar entre 4 e 5 toneladas por hectárea e prezos que este ano superaron os 500€, unha hectárea de colza aporta uns ingresos de máis de 2.000€, cando os custos de produción por hectárea poden situarse neste momento nuns 1.000 euros.

A superficie de cultivo en España pasou de 70.000 a 120.000 hectáreas

Unha das razóns da suba dos prezos da colza está no aumento da demanda, que fixo que en España practicamente se duplicara a superficie labrada, pasando de 70.000 hectáreas a 120.000. Castela e León, que é a comunidade que máis superficie bota, está inmersa tamén neste momento na sementeira e a tendencia é que se siga incrementando a superficie e manténdose os prezos, que tocaron teito este ano.

“É un espellismo os 800€ que chegou a estar, pero é certo que se miramos o histórico dos últimos 10 anos a cotización da colza sitúase no dobre que a dunha cebada. Pero nós a recomendación que facemos é non mirar só o prezo, non deixarse levar só por iso. É boa para o terreo, para malas herbas e para a PAC”, asegura Gonzalo.

A Comisión Europea está a fomentar o cultivo de colza para reducir a dependencia da soia

De feito, a Comisión Europea está a fomentar o cultivo de colza, ao igual que outras oleaxinosas e leguminosas, para diminuír a dependencia das importacións de soia. A colza emprégase como materia prima proteica para a alimentación do gando, para facer aceite e tamén como cultivo enerxético para a fabricación de biodiésel.

Cultivo sinxelo

De manexo relativamente sinxelo, a colza dáse ben en Galicia e, en rotación con cereal ou pataca, aporta beneficios agronómicos e de control de malas herbas, xa que as súas raíces airean a terra ao mesmo tempo que fixan nitróxeno atmosférico, mellorando o rendemento do seguinte cultivo e reducindo as necesidades de fertilización.

Setembro é o mes por excelencia para labrala, unha vez caeron as primeiras chuvias

A colza é ademais un cultivo menos esixente que por exemplo o trigo para as enfermidades. “A día de hoxe só require sementar e un pase de herbicida para o control das malas herbas, cando o cereal necesita normalmente outro pase a maiores e unha ou dúas mans de funxicida”, explica José Ramón.

Traballa máis a terra, precisa menos tratamentos e sofre menos que o cereal en caso de seca

A sementeira é un dos momentos clave do cultivo. “A época boa é agora, aproveitando as primeiras chuvias de setembro, similar ao grelo”, compara. A implantación e xerminación é quizais o momento máis delicado, porque unha vez que a planta entra no estado fenolóxico de roseta xa aguanta o frío e as xeadas do inverno. Tamén sufre menos que o cereal en caso de sequía e traballa máis a terra porque ten un sistema radicular máis pivotante.

Rotacións e custos de sementeira

Este ano, debido ao incremento de prezo do gasóleo e os fertilizantes, labrar unha hectárea de colza pode custar entre 1.000 e 1.100€, calcula Gonzalo, pero un ano “normal” estaría entre 800 e 1.000 euros, di, contando todos os gastos, é dicir, uns 300€/hectárea máis barato que botar trigo, por exemplo.

Botar unha colza é uns 300€ por hectárea máis barato que botar un trigo

Aconséllase non meter colza sobre colza, ao igual que non é recomendable labrar trigo sobre trigo, polo que cando menos ata o terceiro ano non se podería volver á colza na mesma parcela.

“Unha boa rotación a catro anos podería ser barbeito-colza-trigo-pataca”, recomenda Gonzalo. Outra opción sería a que explica José Ramón: “pódese levantar o cereal en xuño e labrar colza en setembro, que se recollería logo en xullo e despois iría cereal de inverno antes de poñer pataca”.

Non encaixa ben nas ganderías de leite

O cultivo que máis superficie ocupa en Galicia, unhas 70.000 hectáreas, é o millo forraxeiro destinado á alimentación do gando, principalmente nas explotacións de leite, un ámbito no que a colza tería mal encaixe, xa que polas datas de sementeira e recollida non é compatible coa tradicional rotación millo-raigrás.

A colza seméntase en setembro e apáñase no mes de xullo, o que a fai incompatible co millo

“Os gandeiros en Galicia céntranse en producir a máxima forraxe para abaratar a alimentación do gando. As explotacións andan moi xustas de base territorial, polo que terían que sacrificar a súa superficie forraxeira para botar colza”, admite José Ramón.

As empresas de servizo que traballan nas zonas leiteiras tampouco estarían preparadas posto que non serven as picadoras de ensilar o millo para recoller a colza, que se apaña coa mesma máquina de recoller o trigo pero colocándolle un peine especial para colza.

“Deuse moi ben, este foi un ano moi bo”

Uns 150 agricultores da comarca asistiron a pasada semana a xornada técnica celebrada en Xinzo

Uns 150 agricultores da comarca asistiron a pasada semana a xornada técnica celebrada en Xinzo

Julio Montero é un dos agricultores da comarca da Limia que está a apostar nos últimos anos pola colza. A súa explotación, Montero SC, está situada en San Salvador de Sabucedo, no concello de Porqueira, e traballa unhas 140 de cereal de 30 de pataca.

“Boto trigo de inverno, centeo, callobre, caaveiro, e tremesino de palla alta, de todo un pouco para asegurar, para non depender só dun cultivo, porque depende como veña o ano ou como estean os prezos”, conta Julio.  

Montero SC traballa 140 hectáreas de cereal e 30 de pataca no concello de Porqueira e sementou 24 con colza este ano

Este é o segundo ano que sementa colza. En 2021 botou 18 hectáreas e este ano aumentou ata as 24. En 15 delas botara antes cereal e nas outras 9 pataca Kennebec, que vén de apañar para rotar coa colza. “O ano que vén botarei cereal e despois pataca de novo”, di.

España é deficitaria nun millón e medio de hectáreas, moita colza se ten que botar aínda para que baixen os prezos

Este ano Julio logrou unha media de 3.000 quilos por hectárea, que vendeu a Almacenes Gamallo de Xinzo a un prezo de 610€ a tonelada. “Deuse moi ben e foi un ano moi bo”, afirma. De cara á vindeira colleita agarda que os prezos se manteñan porque “España é moi deficitaria de colza, precisaría un millón e medio de hectáreas máis para cubrir as súas necesidades, polo que moita se ten que botar aínda para que baixen os prezos”, argumenta.   

Un cultivo menos arriscado e que dá menos problemas

Ata empezar a botar colza hai dous anos, Julio sementaba cereal de inverno ao apañar as patacas. “Pero tiña problemas se chovía moito. A colza tamén é delicada para a auga, onde encharca tamén se vai, pero non tanto coma o trigo”, explica.

Nun ano bo, ao trigo sácaselle un maior rendemento por hectárea (entre 5.000 e 7.000 quilos) pero o prezo de venda é menor que o que ten a colza (Julio cobrou o trigo este ano a 34 céntimos o quilo, fronte aos 61 da colza), polo que a rendibilidade final da colza é maior, di.

O trigo cobreino a 34 céntimos, que co aumento de custos do abono e do gasóleo só dá para ir tirando

“É un cultivo moi doado, que cun herbicida podes logralo, non coma o trigo ou a pataca, que tes que estar tratando con funxicidas e con outros produtos fitosanitarios para obter colleita”, afirma.

O único problema, di, poden ser as xeadas se veñen moi cedo. “O ano pasado sementei unha parte a mediados de setembro e outra a mediados de outubro, e como as xeadas viñeron tardías non lle notei diferenza, pero hai 4 ou 5 anos botáraa en outubro, despois de apañar a pataca agria, e non fora para adiante coas xeadas”, explica. Por iso, este ano procurou adiantar a sementeira a setembro para non arriscar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información