Con 30.952 colmeas pertencentes a 410 apicultores e un volume de produción próximo ás 620 toneladas, a Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia é a de maior volume no ámbito español. O seu Consello Regulador é o organismo encargado de controlar, amparar e certificar este Mel de Galicia, identificando coa contraetiqueta correspondente que cumpre con todos e cada un dos requisitos de calidade recollidos no seu regulamento. Este regulamento marca, entre outras cuestións, os requisitos que debe cumprir este produto en canto á súa orixe xeográfica e botánica e ás características melisopalinolóxicas, é dicir, referidas ao pole.
Neste sentido, desde o ano 1999, o Grupo de Aerobioloxía e Apicultura da Universidade de Vigo é o encargado de analizar nos seus laboratorios na Facultade de Ciencias do campus de Ourense o pole deste mel para corroborar a súa procedencia. “Este servizo é unha aplicación directa á empresa da investigación que realizamos”, apunta Carmen Seijo, investigadora responsable do proxecto.
Analistas cun alto grao de formación
Froito dun convenio de colaboración entre o Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia e a Universidade de Vigo, cada ano o grupo de investigación ourensán recibe arredor dun centenar de mostras para a súa análise e a emisión do correspondente informe. O regulamento establece que o Mel de Galicia pode ser mel multifloral ou monofloral de eucalipto, castiñeiro, silveira ou queiruga, indicando en cada caso a porcentaxe mínima de pole de cada especie que deberá ter.
Así por exemplo, no caso do mel monofloral de eucalipto, este deberá ter unha porcentaxe mínima de pole de eucalipto do 70% para ser considerado como tal. Para garantir a calidade deste produto, o Consello Regulador controla todo o proceso dende a colmea ata o punto de venda levando a cabo inspeccións periódicas nas explotacións apícolas, nas plantas de envasado así como en puntos de venda, velando deste xeito polo cumprimento das esixencias do regulamento. Estas inspeccións compleméntanse coa toma de mostras tanto nas envasadoras como nos puntos de venda as cales son analizadas para asegurar a calidade do mel.
As mostras recibidas na Universidade son sometidas polo grupo de investigación a unha análise palinolóxica que consiste en extraer o pole contido de xeito natural no mel e determinar con microscopía a orixe botánica que lle corresponde. “É un proceso relativamente simple no laboratorio pero que precisa de analistas cun alto grao de formación”, sinala Carmen Seijo.
Deste xeito, forman parte do equipo persoal investigador como Olga Escuredo e Mª Shantal Rodríguez, que teñen realizado as súas teses de doutoramento sobre diferentes aspectos do mel de Galicia. Os informes emitidos polo grupo de investigación nutren o sistema de certificación do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia. “Estas análises son importantes porque permiten controlar a orixe do produto e detectar fraudes no etiquetado deste alimento”, indica a investigadora.
Traballando por un regulamento estatal e europeo
Aínda que no marco do consello regulador galego existe un regulamento pioneiro que establece os requisitos a cumprir, Carmen Seijo salienta como isto non é así no contexto estatal e europeo. Segundo explica, na norma de calidade relativa ao mel en vigor indícase que o mel cunha orixe botánica determinada ten que presentar as características palinolóxicas que lle corresponde pero non hai unha lexislación específica onde aparezan definidas esas características.
Estase a traballar en España para, ao igual que Galicia, establecer un control do pole do mel
“Hai un baleiro lexislativo a nivel de control oficial, tanto no ámbito estatal como europeo, que se manifesta sobre todo nas transaccións comerciais entre países e comunidades. Isto supón no eido da comercialización do produto e das garantías do etiquetado un gran problema para os produtores, a administración e os consumidores”, comenta Carmen Seijo.
Para mudar esta situación, sinala a investigadora do campus de Ourense, o seu equipo de investigación participa nun grupo de traballo convocado polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente para traballar no establecemento dun sistema de control para ese contido polínico do mel. “É importante establecer uns criterios que no futuro poidan ser lexislación. Tendo en conta que España é o principal produtor da UE de mel, temos que ser nós os que establezamos os criterios e non quedar a expensas de que as decisión do sector as tomen países que non son os principais produtores”, afirma por último Carmen Seijo.