O Craega crea unha guía de venda online con entrega a domicilio

A plataforma conta xa con 22 empresas certificadas que levan os produtos á casa. Entre os operadores atópanse tanto produtores como firmas transformadoras e comercializadoras

O Craega crea unha guía de venda online con entrega a domicilio

O Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) acaba de poñer en marcha unha guía de venda online de produto certificado. A través da súa páxina web, o consumidor ten á súa disposición un directorio con máis dunha vintena de operadores que lle levan a compra á casa.

Pese a que no estado de alarma pola pandemia do coronavirus está garantizada a produción agrícola, así como o transporte e a distribución de alimentos a través de venda minoritaria, moitos dos produtores en ecolóxico están atravesando serias dificultades para dar saída á súa colleita con canles de distribución convencionais pechadas como a hostalaría ou os mercados tradicionais.
 
“Á vista deste escenario tan complexo, no Craega pareceunos conveniente activar unha plataforma na web para poñer en contacto aos nosos operadores co consumidor final”, explica o presidente do Consello, Francisco López Valladares.

A Xunta prohibiu o pasado 24 de marzo os mercados tradicionais que periodicamente se celebran en concellos de toda Galicia. Con esta suspensión, a venda directa de produtos agrogandeiros sufriu un importante revés. “Son moitos os operadores certificados que recorren a estas canles curtas para comercializar os seus produtos. De aí que, xa desde ese primeiro momento, optaramos por poñer en marcha unha guía online que lles servira de soporte a todos eles para seguir adiante coa súa actividade”, recalca López Valladares.

A plataforma actualízase cada día para incluír as novas incorporacións que chegan ao Consello

Aínda que nun primeiro momento a guía estaba dirixida unicamente a produtores, pouco a pouco fóronse sumando empresas transformadoras e comercializadoras que tamén prestan servizo a domicilio. Deste xeito, ademais de hortalizas, froitas, carne (de vacún e de polo) ovos, algas ou infusións, na plataforma tamén é posible mercar conservas ou viño. A plataforma actualízase diariamente para recoller as novas incorporacións que chegan ao Consello.

“Para nós, o importante é que os consumidores teñan ao seu alcance a mellor alimentación posible, tanto os que están a traballar para facer fronte a esta pandemia, como os que permanecen confinados para evitar máis contaxios. Agora máis que nunca, é primordial garantir o acceso aos produtos de proximidade, ecolóxicos e saudables”, insiste López Valladares.

Mercaproximidade

Á marxe da plataforma de venda online de produto ecolóxico, o Craega colabora coa Consellería do Medio Rural en Mercaproximidade, unha iniciativa que nace para achegar a produción de agricultores, gandeiros e industrias á gran distribución. O proxecto impulsado tamén durante estado de alarma está a suscitar gran interese entre os operadores certificados e, polo momento, xa remitiron a súa solicitude 13 inscritos.

 

-Consulta aquí a guía de produtores ecolóxicos 

 

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información