“O control remoto é o método máis eficaz que temos para combater a velutina”

Entrevista a José María Bello, da Asociación Galega de Apicultura (AGA), entidade organizadora do Simposio Internacional sobre velutina que se celebra este sábado en Chantada. Pide non baixar a garda malia a “tregua” que a praga deu este ano

José María Bello, durante unha das ponencias do congreso

José María Bello, durante a súa intervención no congreso celebrado o ano pasado

José María Bello, Chema, é apicultor e delegado de AGA na comarca do Morrazo. Nada máis chegar a velutina á súa zona, el e outros compañeiros foron dos primeiros en plantarlle cara, unha labor desinteresada moitas veces insuficientemente valorada.

Persoas coma Chema tiveron que lidiar nos seus comezos coa falta de medios (“lembro matar os niños o primeiro ano colgado nas árbores cunha corda atada á cintura”, conta) e co descoñecemento sobre unha praga nova.

Co paso do tempo fóronse probando distintos métodos e perfeccionando a técnica para matar e retirar os niños e a Xunta asumiu directamente esta labor, que encomendou á empresa pública Seaga.

“A Xunta desentendeuse do problema nos seus comezos e a praga estendeuse por toda Galicia”

A dimensión que acadou o problema da velutina, con máis de 50.000 avisos ao teléfono 012 o pasado ano, require poñer en marcha actuacións contundentes e coordinadas que poñan o foco na prevención (trampeo de raíñas na primavera e retirada temperá de niños primarios).

Aínda que a velutina afecta a outros sectores agrícolas como o da froita ou a viticultura, os apicultores seguen a ser a avanzadilla na loita contra a praga. Moitas veces pola vía do ensaio-erro, son os que lideran a verdadeira investigación aplicada.

Dentro das técnicas empregadas, nos últimos anos está a gañar protagonismo o chamado control remoto. É un sistema habitual ao que recurren os apicultores cando a carga de velutina e o asedio ás colmeas é tal que as bloquea por completo. Pero é un método que non conta con respaldo legal.

O envío de troianos está a xeralizarse pero non conta con respaldo legal nin metodoloxía establecida

O envío de troianos con veleno permite eliminar niños sen necesidade de localizalos, con cantidades de insecticida moi inferiores a outros sistemas. En Italia e Francia tamén se utiliza e en Asturias o Principado está a traballar xa nun protocolo estandarizado sobre como realizar o control remoto.

Estes avances e experiencias centrarán o Simposio internacional que se celebrará o sábado 9 en Chantada. Desde AGA, a entidade organizadora, que volverá aglutinar a todos os colectivos de abelleiros galegos, pídenlle á Xunta que aposte tamén polo control remoto na estratexia de loita contra a velutina.

– Que pretendedes lograr con este Simposio internacional sobre a velutina?
– O que queremos é poñer a disposición da Administración  as ferramentas que realmente poidan ser efectivas para provocar un cambio de rumbo, un xiro na situación actual. Buscamos a unidade no sector e tamén demandamos que haxa unha unidade nas Administracións, porque a velutina é un problema de todos.

Pasamos de estar descentralizados e actuando dun xeito un pouco anárquico a un sistema centralizado que non é todo o eficiente que debería

Debe liderar esa loita a Xunta, pero debe implicar tamén ás outras administración, pero debe implicalas con medios materiais e económicos. Necesítase coordinación, é o que falta, e o apoio a outras entidades de ámbito inferior. Ese é un dos talóns de Aquiles, un problema grave que hai en Galicia. Pasamos de estar descentralizados e actuando dun xeito un pouco anárquico a un sistema centralizado que non é todo o eficiente que debería, desaproveitando a labor de moita xente moi válida que facía un traballo de voluntariado desinteresado moi importante.

– O ano pasado, tralo encontro celebrado tamén en Chantada, todas as asociacións galegas de apicultores remitístedeslle un escrito de peticións á Xunta. En que quedou?
– O ano pasado púxose a primeira pedra para tratar de unirnos as distintas asociacións apícolas de Galicia e invitar a outras entidades do noroeste, como Asturias, Castela e León ou Cantabria co obxectivo de compartir experiencias para tratar de salvagardar a nosa actividade.  

En Asturias, por exemplo, tomárono máis en serio desde fai anos e van nunha liña máis acertada. O Goberno asturiano compórtase dun modo diferente, é máis receptivo cara as demandas e peticións do sector; aquí aos apicultores non nos fai caso a Administración, en Asturias si. Alí nos comités técnicos de control da velutina están os apicultores; aquí non, non contan con nós.

Deberiamos estar nesa mesa. Esa foi unha demanda que fixemos de xeito unánime o ano pasado porque poderiamos axudar moito. Prometéronnos que este outono nos ían incluír na Mesa, pero de momento aínda non nos citaron.

– Este ano a incidencia da praga foi menor. A que se debeu?
– Á climatoloxía. Os anos que son excepcionalmente húmidos a velutina non acada niveis elevados. Desde que chegou aquí dáse esa circunstancia. Pola contra, os invernos secos e as primaveras quentes e pouco chuviosas favorecen moitísimo á velutina.

A situación da velutina este ano é que houbo moita menos que outros anos, tanto na costa como no interior. O ano pasado chegou a sitios desfavorables do interior, onde este ano foi anecdótica. Pero iso non quere dicir que non haxa. Comeza a apertar agora, a presión durante o verán foi escasa e soportable porque a primavera deste ano 2024 foi moi desfavorable climticamente para elas.

Outro factor que influíu e que no ano 2023 matáronse moitísimos niños e matáronse moitos deles a tempo. Cando a velutina vai con moito adianto os niños localízanse cedo. Cando vai con máis retraso, como este ano, cando se ven xa é tarde en moitos casos.

Este é o ano ideal para levar a cabo unha campaña de control remoto e deixar a velutina en niveis mínimos, de 10 anos atrás

Polo tanto, velutina si que hai, pero é menos visible porque os niños son menos pequenos, pero eses niños vanse reproducir e o ano que vén haberá máis. Este ano van quedar moitos porque polo seu tamaño non se van ver, pero como son máis pequenos tamén van ter menos cantidade de reprodutoras.

Por iso, este ano era o ano ideal para levar a cabo unha campaña de control remoto, porque estamos en niveis baixos, para deixar a velutina en niveis mínimos, de 10 anos atrás.

– Defendedes abertamente o uso dos chamados troianos.
– Actualmente as medidas de control non son suficientes para conter a expansión e a incidencia da velutina tanto nos colmenares como nas producións agrícolas (viñedo, froiteiras, etc). O ano pasado reunimos experiencias do noroeste peninsular e este ano quixemos abrirnos a outros países onde teñen este mesmo problema e onde están tamén buscando solucións e todas elas neste momento pasan polo control remoto.

Aquí a palabra troiano é un tabú cando agora mesmo é a solución

En Italia estanse levando a cabo iniciativas e proxectos científicos que claramente poderían supoñer un cambio de xiro radical na loita conta a vespa velutina. É un caso bastante excepcional porque se trata dun proxecto dun centro de investigación público máis unha asociación apícola que desenvolven dun modo científico o control remoto. Xa non é unha cousa que fagan os apicultores dun modo desorganizado e sen saber o alcance, consecuencias e dimensións.

En Asturias estano facendo tamén a nivel de comunidade autónoma, pero non contan coa autorización do Ministerio. Os Italianos, sen embargo, teñen a autorización do Goberno e o apoio da comunidade científica. Os datos de eficiencia dese sistema son tremendamente bos e sobre esas ferramentas son sobre as que queremos chamar a atención da Administración. Aquí a palabra troiano é un tabú e facelos é ilegal ou alegal, cando agora mesmo é a solución.

O control remoto ten a vantaxe de que matas os niños que non ves e acadas distancias importantes

Por iso facemos unha petición para a Administración para que contemple estes sistemas, pero queremos que se faga ben, mediante a autorización dun produto específico (é complexo pero está nas mans da Administración) e formación para as persoas que o vaian facer, porque os produtos que potencialmente se vaian usar, requerirán dunha capacitación.

Ten que haber uns mecanismos polos que se poida autorizar legalmente. En Francia xa se vende un produto para facer troianos. Gilles Fert vainos contar que están facendo alí, onde tamén están facendo control remoto.

– Cal é o nivel de infestación deses dous países?
– Francia está colonizada ao 100% a día de hoxe. Este ano tamén tiveron menos, porque a primavera do 2024 foi o ano máis chuvioso da serie histórica desde o ano 1991. Ese é o motivo e a explicación.

O primeiro lugar onde apareceu a velutina foi en Francia e de aí baixou ao sur e estendeuse pola cornixa cantábrica española e por Italia. A Italia o problema chegou máis ou menos ao mesmo tempo que aquí. En Francia avanzou moito máis rápido cara o sureste, cara a zona de Niza, e cara a España, porque a climatoloxía era máis favorable que cara ao norte, pero hoxe xa está polo norte tamén.  

– Desde os ámbitos ecoloxistas vese con reticencias este sistema polos riscos medioambientais que conleva. Que lles dirías?
– A velutina é un depredador tremendo no ecosistema para moitísimas especies, tanto de insectos como de pequenas aves e pequenos animais. Ten unha capacidade de obter recursos de moitísimas especies animais e iso provoca unha perda de biodiversidade no medio natural. Non é so un problema económico, senón tamén ecolóxico.

As velutinas afectan ao equilibrio do ecosistema. Ademais de atacar ás abellas e a outros polinizadores, xeran problemas mesmo na gandería en extensivo, xa que son atraídas polo costro das nais e pican ás vacas nos tetos. A consecuencia é que as nais teñen os tetos inflamados e doridos e non deixan mamar aos xatos.

“A Administración vai moitos anos por detrás dos apicultores, pero hai avances”

Trampa distribuída pola Xunta esta primavera aos apicultores

Trampa distribuída pola Xunta esta primavera aos apicultores

– A Xunta puxo en marcha este ano unha campaña de trampeo. Foi eficaz?
– Despois do ano catastrófico do ano pasado, a Xunta deuse conta de que había que facer algo, porque se volvía inviable xestionar a cantidade de niños que apareceron no ano 2023. Gástanse cartos pero faise un traballo pouco eficiente porque realmente non hai interese nin unha decisión firme para buscar solucións eficientes.

A Administración vai moitos anos por detrás dos apicultores, pero hai avances. As cousas van mellorando, pero a un paso moi lento. Seaga este ano empezou coas carabinas en vez das marcadoras de paintball. O trampeo foi outro paso que se deu, pero dérono descalzos.

Somos críticos con moitas cousas porque queremos que as cousas se fagan ben e de xeito eficiente. Pero temos que valorar que en Galicia, mal ou ben, tarde ou cedo, os niños son eliminados gratuitamente para a cidadanía, iso non pasa noutros lados, non pasa en Cataluña ou en Francia, por exemplo, onde o propietario ten que pagar a retirada dos niños que ten na súa finca.

– Debe manterse o ano que vén o trampeo?
– A campaña de trampeo da Xunta, con maior ou menor eficacia, foi un paso adiante. Debe continuar, pero debe ser mellorada e feita a tempo, porque este ano fíxose moi tarde, sobre todo na costa.

A campaña de trampeo da Xunta debe continuar pero debe ser mellorada e feita a tempo

Hoxe sabemos cousas que fai 10 anos non sabíamos. Cruzando os datos meteorolóxicos dunha estación que hai en Cangas cos datos do trampeo (número de capturas en cada semana da primavera), obtivemos uns parámetros e sabemos que a velutina sairá da invernación con temperaturas mínimas por enriba de 11 grados.

A partir de febreiro iso dáse na costa atlántica. Polo tanto, deberían fiar a colocación de trampas en función das previsións do tempo e os datos das estacións meteorolóxicas de Meteogalicia, aínda que moitas estacións están en sitios elevados e non reflicten de todo a situación nas zonas de val próximas.

Para entender a velutina hai que ter unha visión global pero para combatela hai que ter en conta ás peculiaridades locais

Os concellos do interior teñen peculiaridades, por exemplo os da provincia de Ourense, porque teñen unha amplitude térmica moi grande. Se pola noite hai 4 grados pero ás 11 da mañá xa están a 16, aí tamén sae a velutina. Para entender a velutina hai que ter unha visión global pero para combatela hai que ter en conta ás peculiaridades locais.

Por iso pode ser interesante sondear o inicio da tempada de trampeo con trampas centinela colocadas por todo o territorio para saber cal é o momento apropiado para iniciar o trampeo masivo en cada zona.

Débese ser moito máis rigoroso nos tempos de colocación e de mantemento das trampas que pon Seaga

As trampas que se utilizan tampouco son as apropiadas. En vez de facerlles caso aos apicultores para ter a máxima eficiencia na caza de velutinas, primase cazar a menor cantidade de moscas posibles.

Tamén hai que mellorar a colocación das trampas. Se temos os datos de onde se retiran os niños, aí é onde hai que colocalas, pero hai que escoller mellor onde se poñen. A diferenza de colocar unha trampa nunha camelia ou nun salgueiro é que vai cazar 20 veces máis a da camelia. Son cousas que hai que pulir, pero hai que ir dando pasos, e está claro que non podes multiplicar se aínda non sabes sumar.

– Está a variar o comportamento da velutina a medida que se asenta en Galicia?
– Si. Hai un factor que se repite: cada vez busca máis o abrigo humano. Cada vez son máis os niños que se localizan en entornos habitados. Dos 200 niños que matei este ano,menos da metade que noutro ano, onde podía levar xa 500 a estas alturas, a maioría estaban cerca das casas. Tamén busca os cauces de auga, pero este ano os retirados en ríos e regatos rondan só o 5% do total, mentres que os que facían en montes ou zonas menos accesibles practicamente non houbo este ano.

– E fóra da comunidade, como se está a producir o seu avance?
– Segue expandíndose. En Castela e León non o están a tomar en serio e está avanzando bastante. Os ambientes secos e fríos, con oscilacións grandes no verán non lle favorecen. É a sorte que teñen. Por iso non está subindo con tanta intensidade polo Texo e o Douro. En Galicia saltou a fronteira con Castela pero non lle vai ser doado chegar a Valladolid, pero a Sanabria si. Aínda que lvaralle máis tempo pero chegará. De maneira fortuíta chegará unha avanzadilla e se non se mata e se deixa que se asente xa tes a festa montada.

En Baleares erradicaron a velutina porque se enfrontaron a ela moi cedo, actuaron rápido matando os niños que había, e as condicións tampouco lle son de todo favorables alí.

En Cataluña está asentada nunha zona moi concreta, fundamentalmente na provincia de Xirona, pero cústalle pasar de Barcelona cara abaixo, cara a Tarragona. Non corre tampouco cara a Aragón porque o centro de Cataluña élle unha zona hostil, Lleida, por exemplo. A súa pauta será recorrer o arco mediterráneo, ese vai ser o seu modus operandi.

Pero agora xa temos a versión da velutina especializada en zonas secas, que é a vespa orientalis, asentada xa en Andalucía e Valencia. Esa vespa entrou tamén polos portos, neste caso polos de Alxeciras e Sagunto, que son dous dos de máis tráfico marítimo do Mediterráneo, e que reciben un montón de mercadorías de orixe asiático. Onde primeiro se localizou en Andalucía foi no Golfo de Cádiz e de ahí subiu cara arriba.

Programa Simposio velutina 2024

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información