“O control do gurgullo do eucalipto esixe optimizar as soltas dos seus parasitos”

Rosa Pérez Otero, investigadora da Estación Fitopatolóxica de Areeiro, vén de presentar unha tese doctoral na que analiza as posibilidades de control das pragas do eucalipto en Galicia. Areeiro está a valorar un novo parasitoide contra o gurgullo

“O control do gurgullo do eucalipto esixe optimizar as soltas dos seus parasitos”

Rosa Pérez, no acto de lectura da súa tese doctoral. / Imaxe: USC.

O gurgullo (Gonipterus platensis Marelli), a principal praga do eucalipto, campa as súas anchas por Galicia desde os anos noventa sen que se teñan atopado solucións eficaces para o seu control. Cada ano libéranse máis dun millón de Anaphes nitens, un insecto parasitoide da praga, que palía en parte a expansión do problema, pero que non o soluciona.

Falamos coa enxeñeira de montes Rosa Pérez Otero, investigadora da Estación Fitopatolóxica de Areeiro (Deputación de Pontevedra), que vén de presentar na Escola Politécnica de Lugo (USC) unha tese doctoral, valorada coa máxima cualificación, na que analiza as posibilidades de control das pragas que afectan ó eucalipto en Galicia. O seu director de tese foi Pedro Mansilla, director do Laboratorio de Areeiro.

Cada ano sóltanse máis dun millón de parasitos do gurgullo, pero a praga non se reduce. Estase facendo algo mal?
– Un dos problemas é que o Anaphes nitens ten escasas posibilidades de manterse en inverno, pero mais que porque non soporte as baixas temperaturas, como se pensaba, porque en inverno a penas hai ootecas (depósitos de ovos) da praga do gurgullo. Como o Anaphes é un parasitoide de ovos, en inverno, ó non haber ootecas, perde o soporte no que reproducirse. A maiores hai outras dúas cuestións a ter en conta. En primeiro lugar, as soltas de Anaphes son con toda seguridade insuficientes para facerlle fronte á cantidade de gurgullo que hai en Galicia. En segundo lugar, cómpre optimizar o intre das soltas do parasito para lograr a máxima efectividade.

“É fundamental concentrar as soltas nos intres e lugares de máximas postas da praga”

Como deberían de facerse as soltas de Anaphes nitens para lograr unha maior eficacia?
– É fundamental concentrar as soltas do parasito nos intres e lugares de máximas postas de ovos da praga. Tamén é convinte iniciar as soltas antes das primeiras postas, de xeito que haxa sempre un control sobre a súa reproducción. En Galicia adóitanse iniciar as soltas en primavera, pero nalgunhas zonas o gurgullo fai as primeiras postas en febreiro, polo que sería axeitado adiantar a liberación do parasito. Temos dous ámbitos diferenciados na comunidade, as zonas próximas á costa, onde as postas do gurgullo comezan antes e duran máis, e o interior, de máis altitude, onde as postas comezan máis tarde e rematan antes.

En Portugal están investigando tamén sobre posibles parásitos alternativos contra o Gonipterus, coma o Anaphes inexpectatus. Vedes de interese esa liña de traballo para Galicia?
– Por suposto. De feito en Areeiro estamos agora tamén valorando un novo parasito, o Anaphes tasmaniae. Xa lle pedimos autorización ó Ministerio de Agricultura para traer este parasitoide e investigar sobre él, primeiro no laboratorio, que é o que comezamos a facer este outono. Se a cría é satisfactoria, pediríamos un novo permiso para facer unha solta localizada co obxectivo de comprobar o seu funcionamento no monte.

“En Areeiro estamos valorando un novo parasito, o ‘Anaphes tasmaniae’. Xa iniciamos a súa cría en laboratorio”

Cal é o interese que lle vedes en principio a estes novos parasitos?
– A investigación de novos parasitos orixinouse tras constatar que a praga de gurgullo que temos na Península non se corresponde co Gonipterus scutellatus, como se pensaba, senón co Gonipterus platensis Marelli. O Gonipterus platensis Marelli é nativo de Tasmania, en tanto que o scutellatus é de Australia, igual que o Anaphes nitens. Os dous novos parasitos a estudo, o Anaphes inexpectatus e o Anaphes tasmaniae, son tamén de Tasmania, polo que pénsase que teñen unha maior sincronía co ciclo da praga. Outra cuestión a analizar é se logran unha maior taxa de sobrevivencia invernal que o Anaphes nitens, aínda que eu non son optimista sobre esta última cuestión.

“Os insecticidas autorizados en eucalipto matan á praga pero tamén o seu parasito. O azaridactín dá mellores resultados”

Na túa tese analizaches 31 posibles insecticidas contra o gurgullo. Atopaches algún que dea bos resultados?
– O insecticida que hai actualmente autorizado contra o gurgullo en España, o acetamiprid, e outro que tivo recentemente autorización, o tau-fluvalinato, teñen o problema de que matan a praga pero tamén matan o seu parasito, o Anaphes nitens. De usalos, habería que facelo en épocas de baixa actividade do parasito. De entre os insecticidas que analicei, o azaridactín é o que logrou mellores resultados para facer loita integrada fronte á praga: elimina máis da metade do gonipterus e pouca cantidade do parasitoide. O azadiractín é un insecticida moi usado en horta, en frutais e tamén está permitido para as aciñeiras, pero temos o problema de que non está autorizado para o eucalipto.

Pedro Mansilla, director da tese, e Rosa Pérez.

Pedro Mansilla, director da tese, e Rosa Pérez.

Valoraches outras posibles alternativas para reducir os danos da praga, coma os residuos do aceite de camelia. Explícanos cal é a súa acción sobre o gurgullo.
– Trátase de usar os residuos que quedan despois de prensar as sementes de camelia para facer aceite. A bibliografía explica que eses restos teñen unhas propiedades letais para insectos e fungos. Probamos a diluilos en auga e a aplicalos sobre as follas de eucalipto e os primeiros resultados amosan que o gurgullo deixa de alimentarse das follas que recibiron ese tratamento. Próbaas pero non lle gustan e déixaas. De tódolos xeitos, é unha cuestión que precisa aínda de maior investigación.

Un insecto chupador, outra praga de incidencia en Galicia

A tese de Rosa Pérez Otero puxo de manifesto a incidencia doutras pragas sobre o eucalipto en Galicia, en especial a do psílido Ctenarytaina spatulata Taylor, amplamente difundido por toda a comunidade, aínda que descoñecido entre a maioría de propietarios. “En ocasións atribúenselle ó gurgullo danos que corresponden ó psílido”, explica Rosa Pérez. “Trátase dun insecto chupador que se alimenta da savia dos brotes tenros, de xeito que chega a secar os brotes e impide a aparición das follas”.

A expansión do psílido, semellante a un pulgón, é sinxela, xa que se despraza moitos quilómetos aproveitando os ventos. En Galicia, ten inimigos naturais pero en colonias pequenas que impiden a reducción da poboación da praga. Igual que no caso do gurgullo, Rosa Pérez comprobou que o azaridactín é capaz de controlar entre un 40 e un 50% da praga. As demais pragas do eucalipto presentes en Galicia teñen escaso impacto na actualidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información