O gorgullo, un insecto que come as follas do eucalipto, está a causar serios danos nas masas forestais galegas desde os anos 90, sen que se lle consiga poñer freo. O método de control máis empregado para combatilo é a través da loita biolóxica, coa liberación dunha avispilla, a ‘Anaphes nitens’, que parasita os ovos do gorgullo. O escenario de danos, sen embargo, non remite, polo que os colectivos de propietarios forestais advirten da necesidade de reforzar os programas de control biolóxico, que se reduciron en máis dun 95% nos últimos anos.
Para o combate da plaga, a Xunta de Galicia viña efectuando periódicas soltas de ovos do gorgullo do eucalipto parasitados pola ‘Aniphes nitens’, que unha vez que emerxía como individuo adulto continuaba a depredación de ovos da especie. No 2012, Medio Rural distribuiu en Galicia máis de 260.000 ootecas (depósitos de ovos) parasitadas e no 2013 a cifra elevouse a 300.000 ootecas. Fronte a aquelas cifras, os colectivos de propietarios forestais estiman agora que no 2015 non se colocaron no monte galego máis de 10.000 ootecas.
No 2013, Medio Rural distribuiu no monte 300.000 ootecas parasitadas. O sector calcula que este ano se colocaron unhas 10.000
A reducción do control biolóxico da especie preocupa entre os propietarios forestais. Promagal, entidade que agrupa a asociacións produtoras de eucalipto do norte da comunidade, ten previsto enviarlle unha carta estes días á Consellería do Medio Rural para solicitar un reforzo dos programas públicos de control do gorgullo (Gonipterus scatellatus). De xeito paralelo, o colectivo tamén demandará unha mellora da loita contra a vespa asiática (Vespa velutina), un problema tamén moi asentado na Mariña lucense.
Outra entidade que avoga polo aumento dos programas de control do gorgullo é a Asociación Sectorial Forestal Galega (Asefoga). “Os propietarios forestais están a rexistrar grandes perdas en madeira que se deixa de producir, así que é necesario por parte da Administración un maior esforzo na loita biolóxica contra o gorgullo”, valora Jacobo Feijoo, secretario xeral de Asefoga.
Responsabilidades no control
No sector forestal, hai voces que consideran que o combate da plaga corresponde principalmente ós propietarios, xa que en Galicia a práctica totalidade do monte é privado. Desde Promagal, o seu presidente, Ramón Reimunde, entende máis ben que a responsabilidade debe ser compartida. “Os propietarios estamos mercando ootecas parasitadas polo ‘Anaphes nitens’, pero o combate da plaga do gorgullo é de interese xeral e tanto a Administración como os fabricantes de pasta de papel teñen que levar o peso da loita”, suliña.
“O combate da plaga é de interese xeral. Os propietarios axudamos pero o peso corresponde á Xunta e á industria do papel” (Promagal)
Reimunde pide tamén que se elabore un mapa onde figuren as soltas realizadas pola Administración, a efectos de coordinar as posibles medidas paralelas que efectúen os propietarios forestais ou as industrias do papel, que a través de Aspapel, a patronal do sector, tamén teñen realizado campañas de soltas de ootecas parasitadas.
O sistema para combatir o gorgullo do eucalipto (Gonipterus scatellatus) consiste na colocación no monte de bolsas de malla que levan 50 ootecas parasitadas. De cada bolsa poden emerxer entre 200 e 300 individuos adultos de ‘Anaphes nitens’. O custo da bolsa ronda os 60 euros e da súa preparación e comercialización encárganse dúas empresas especializadas no control biolóxico.
Novas vías de loita biolóxica
En Galicia, nun inicio, fora a Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, a que producira de xeito masivo o párasito do gorgullo; se ben agora a súa función diríxese a outros cometidos. “Temos un remanente do ‘Anaphes nitens’, por se fora preciso para a Administración ou para as empresas, pero a nosa actividade está a centrarse na busca de novas vías para o control biolóxico do gorgullo”, explica o responsable do centro, Pedro Mansilla.
Un dos problemas da ‘Anaphes nitens’ é a mortandade invernal da especie, o que esixe o mantemento das soltas anuais. En Portugal estanse a facer tamén ensaios de control biolóxico do gorgullo con novas especies, como o ‘Anaphes inexpectatus’, procedente de Tasmania, que demostrou unha maior taxa de sobrevivencia invernal.
Preguntado pola insuficiencia do control biolóxico do gorgullo en Galicia, Mansilla recoñece que o seu combate pode ser insuficiente. “Ninguén di o contrario. Estanse facendo poucas soltas de ootecas no monte” -valora.- “Podemos estar falando dunhas 10.000 ootecas ó ano, que poden supoñer arredor de 50.000 insectos de ‘Anaphes nitens’. En Areeiro, nalgún intre chegamos a producir 5 millóns de parásitos ó ano”, compara.
Autorización dun novo produto fitosanitario
A loita biolóxica contra o gorgullo do eucalipto complementouse anos atrás en Galicia con fumigacións químicas de flufenoxuron (marca comercial Cascade, de Basf), un produto prohibido desde o 2012. En Portugal autorizouse recentemente a fumigación dos eucaliptos co acetamiprid (Epik, de Sipcam), tras comprobarse, segundo a administración lusa, un escaso impacto do fitosanitario sobre as abellas e sobre o parásito do gorgullo, o ‘Anaphes nitens’.
Portugal está a usar o acetamiprid para o combate contra o gorgullo. O produto tamén está permitido en España
O ‘Epik’ está tamén autorizado en España para o seu uso en eucalipto, polo que é probable que se soliciten permisos para tratamentos aéreos das masas. En anos anteriores, o intento de fumigacións co Cascade xerara unha forte oposición social en Galicia por parte de colectivos de apicultores e organizacións agrarias.
Desde un punto de vista estrictamente técnico, de combate contra o gorgullo, Mansilla entende que o ideal pasa pola loita integrada da plaga, é dicir, pola combinación de métodos biolóxicos cos químicos cando sexan precisos. “Se hai unha infestación alta do gonipterus, a única vía de combate efectiva é a través de métodos químicos para baixar a poboación e, a partir daí, aplicar métodos biolóxicos. Se hai uns niveis baixos de gorgullo, é suficiente coa loita biolóxica”, explica.
Loita xenética
Os danos que está a causar o gonipterus sobre o eucalipto globulus levaron nos últimos anos a moitos propietarios forestais a sustituir as plantacións de globulus polo nitens, que é menos propenso a sufrir os danos do gorgullo. Sen embargo, no sector advírtese de que tamén se están rexistrando ataques, menores, sobre esta especie de eucalipto. “Ao gorgullo gústalle máis o globulus, pero se non ten globulus, atacará o nitens. Dixémolo desde un principio”, sinala Mansilla. “Pasa o mesmo coa procesionaria. Se ten unha plantación de piñeiro radiata, preferirá o radiata antes que o pinus pinaster, pero se non hai radiata, haberá tamén procesionaria no pinaster”, apunta.
“Ao gorgullo gústalle máis o globulus, pero se non o ten, atacará o eucalipto nitens. Dixémolo desde un principio” (Pedro Mansilla, Areeiro)
Detección de novos escaravellos defoliadores
O boletín fitosanitario de Asturias dá conta este mes de outubro da detección en Cádiz dun escaravello australiano que constitúe unha potencial plaga para o eucalipto. Con esta detección, son xa dúas as especies de escaravellos crisomélidos do eucalipto localizados en Europa, o Paropsisterna selmani, en Irlanda no 2007 e no Reino Unido no 2015; e o Trachymela sloanei, que se atopou en Cadiz este ano.
O responsable da Estación Fitopatolóxica do Areeiro, Pedro Mansilla, entende que se debe evitar a alarma con respecto a estes escaravellos. “Non se sabe se van chegar a Galicia e de chegar, non se sabe a que especies atacarán nin se se converterán nunha plaga”, apunta. En Portugal, na última década detectáronse 11 insectos de orixe australiano que se alimentan de follas do eucalipto e só o gonipterus adquiriu proporcións epidémicas.