A conselleira de Medio Rural, María José Gómez, participou hoxe na clausura da asemblea xeral de LugoMadera, a asociación que engloba os serradoiros e industrias forestais da provincia de Lugo. No evento, Gómez explicou algunhas das principais liñas do seu departamento para o 2025, entre as que figuran a posta en marcha do novo contrato de xestión forestal pública, para substituír os consorcios e convenios que a Xunta mantén con comunidades de montes veciñais en mancomún.
O Decreto do Novo Contrato de Xestión Forestal Pública establecerá un marco normativo no que se recollerán as regras da relación entre a Administración forestal e os propietarios. Outro dos focos do traballo de Medio Rural no 2025 estará no inicio da tramitación da nova Lei de Montes Veciñais en Man Común.
Medio Rural quixo tamén poñer en valor os máis de 6,5 millóns de euros investidos ao longo deste ano en achegas para a boa gobernanza, a creación de novas superficies forestais, accións silvícolas, a plantación de castiñeiros e ás agrupacións forestais de xestión conxunta. “Podo garantirlles que este apoio seguirá no ano 2025”, sinalou Gómez, que estivo acompañada no acto polo director xeral de Ordenación e Planificación Forestal, José Luis Chan, e polo director da Axencia Galega da Industria Forestal, Jacobo Aboal.
Na clausura do acto participou tamén a Deputación de Lugo, por medio do deputado de Cooperación e Asistencia aos Concellos, Xosé María Arias, quen resaltou o compromiso da Deputación de Lugo co sector da madeira, “clave na xestión sostible do territorio”. Tamén destacou a colaboración que vén mantendo o organismo provincial con LugoMadera, unha liña que continuará no futuro.