Estes días celebrouse a XV Semana Internacional Contract Galicia, un encontro de referencia que cumpre quince edicións e que se consolida como escaparate da creatividade, a innovación e a capacidade industrial galega. Cabe destacar que o ecosistema contract galego, orientado a produción de mobiliario en cadeas comerciais, xera máis de 7.000 postos de traballo e supera os 400 millóns de euros de facturación anual, con presenza en máis dun centenar de países.
A directora do Igape, Covadonga Toca, durante o acto de inauguración destacou que o contract é “unha das mellores expresións da forma de ser e de facer da nosa industria”, un sector que combina talento, destreza e visión empresarial, e que “evolucionou desde os oficios tradicionais cara a unha industria moderna, global e altamente competitiva”.
Toca puxo en valor o carácter colaborativo e o espírito innovador das empresas do sector: “Detrás de cada proxecto hai unha historia de colaboración, de esforzo e de confianza, e sobre todo de orgullo por facer as cousas ben, desde aquí, desde Galicia. Ademais, incidiu na vocación internacional do contract galego, que “forma parte da historia de éxito exportadora de Galicia”, con empresas presentes en proxectos en Europa, América, Asia e Oriente Medio.
Reafirmou tamén o compromiso da Xunta de Galicia co sector, a través do acompañamento ás empresas nos seus procesos de internacionalización, modernización e impulso competitivo.
Galego





Control OJD