A montaña de Lugo é unha das grandes zonas produtoras de carne de vacún de Galicia. En municipios como o de Cervantes a gandería é a principal actividade socioeconómica do concello e a que mantén as aldeas vivas e a salvo do lume.
Para poñer en valor esta labor, a Asociación Territorio Verde organiza o vindeiro sábado 10 de maio na localidade de San Román a quinta edición da Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña, que volverá a xuntar un ano máis aos produtores da zona.
Falamos con tres explotacións cervantegas para coñecer como traballan e para que nos conten cal é a situación actual dun sector que atravesa momentos de bos prezos e de invertidume sobre o futuro pola caída xeralizada no consumo de carne, algo que non é novo pero que se está agudizando debido ao incremento de prezos que está experimentando a carne de tenreira nas carnicerías.
Máis vacas ca xente
O concello de Cervantes conta cun total de 150 explotacións e máis de 4.500 cabezas de gando, que pacen unhas 4.000 hectáreas. Con esas cifras, a nivel municipal a ratio é de 4 vacas por cada veciño (1.200 habitantes). Son menos da metade dos que tiña o concello fai 30 anos.
No concello de Cervantes a gandería é a principal actividade económica e social
A falta de servizos nun territorio disperso incide de xeito directo no despoboamento. No concello de Cervantes, de 27.664 quilómetros cadrados, a densidade de poboación é de 22 habitantes por km2.
Gando contra o lume
O gando serve para manter a raia o lume, coma o que no outono do 2017 afectou ás parroquias de Cereixido, Donís ou Noceda e arrasou amplas zonas de Rede Natura noutras parroquias de concellos veciños.
Nos Ancares, ao igual que noutros moitos lugares de Galicia, os gandeiros e os seus animais son os verdadeiros xestores do territorio e os que coidan da natureza e a biodiversidade nunha das zonas de maior riqueza ambiental da comunidade.
A feira do día 10 en San Román reivindicará un ano máis o orgullo de ser gandeiro na montaña
Pero ter vacas na montaña non é o mesmo que telas noutros lugares. A orografía escarpada e a climatoloxía dos meses de inverno condicionan o manexo do gando e incrementan os gastos e o traballo. De ahí o motivo da feira do día 10 de maio en San Román, mestura de festa e de reivindicación.
Javier Santín
“Nós temos tamén carnicería e vemos que o consumo de carne de tenreira estase a resentir”

Ganados Presas dispón de 67 reprodutoras de razas rubia galega e asturiana
O Gumieiro é un lugar da parroquia de Vilarello da Igrexa. Alí só queda unha explotación, a que montou fai tres anos Javier Santín (Ganados Presas). “No mundo das vacas estiven sempre, pero fai tres anos merquei unha finca aquí, fixen unha nave pequena e collín o pobo enteiro”, conta.
Hoxe ten 67 reprodutoras, 7 xovencas e 3 touros, un en cada lote para facilitar o manexo do gando que ten repartido nas 20 fincas que traballan. “Pelexamos cunhas 75 hectáreas, 60 son tractorables pero temos outras 15 hectáreas onde non entra o tractor. Moitas veces as vacas fan de desbrozadora”, asegura.
“No inverno xuntamos todo o gando para o mesmo sitio, para o Gumieiro, e na primavera levámolas para distintos sitios, unhas andando e outras nun camión pequeno que temos. Ese é o noso día a día. Tenche que gustar”, insiste Javier.
Carnicería propia
Ganados Presas é unha gandería familiar que decidiu tamén no 2022 abrir unha carnicería en Vilafranca do Bierzo onde vender a súa carne e a de outros produtores da zona. Por iso Javier ten unha visión máis ampla do momento actual de alza de prezos que vive o sector.
Eu penso que os prezos non van aguantar porque as vendas na carnicería caeron un 40%
“Eu véxoo tamén desde outro punto de vista, desde o outro lado e penso que os prezos non van aguantar. Polo menos, non pinta ben a cousa. Porque se ti pagas un becerro a 8 euros con IVE, máis o custo do transporte e o matadoiro, se antes vendías o quilo de bistés a 13 euros, agora tes que cobralos a 14. E vaia se se nota. O que antes che levaba dous quilos agora lévache só un filete ou dous. Notase que caeu o consumo. Baixou polo menos un 40%, por non dicir a metade”, calcula.
A demanda de países como Marrocos foi o que incentivou a suba de prezos en orixe de máis dun euro en quilo desde o verán pasado
Por iso Javier considera que en canto a demanda exterior de países como Marrocos mingue e haxa que dar saída de novo aos xatos aquí, o mercado non será capaz de absorber o volume de produción e as cotizacións caerán.
Desestacionalización da produción
Malia contar co salvavidas da venda directa, Javier tamén depende do mercado, tanto para abastecer a súa carnicería como para dar saída en momentos puntuais aos seus propios xatos. “É difícil acompasar a produción coas vendas todo o ano. No mes de xaneiro había 37 recén paridas. Eses xatos non os teño para o verán que é cando hai máis demanda. Hai épocas nas que vendo máis do que dou producido eu e compro a veciños cando me fai falla”, explica.
Ás veces non me coincide ter un becerro para matar cando o necesito e teño que comprar
“Nas nosas vacas o que tratamos é de que paran todos os anos, eu non lles podo esperar quentes para desestacionalizar a produción, porque en zonas de montaña a natureza fai o seu traballo”, xustifica.
Gandería extensiva
Javier ten o gando a maior parte do ano fóra, agás en momentos puntuais do inverno. “As vacas que van parindo van quedando na casa e os xatos pequenos acostumamos gardalos cando nacen polo lobo e polo mal tempo porque a maioría das vacas veñen parindo en decembro e xaneiro”, indica.
As crías que nacen no inverno gardámolas polo mal tempo e pola fauna
O Gumieiro está situado a 1.068 metros de altitude pero nos últimos anos está a nevar moi pouco, polo que o risco de sufrir un ataque da fauna salvaxe é maior que o da climatoloxía adversa.
Rubia galega e asturiana
Ganados Presas traballa con varias razas de gando, entre elas rubia galega e asturiana. Na feira do día 10 haberá representación destas dúas razas, as máis habituais na zona da montaña de Lugo.
Javier participa na feira desde o primeiro ano e nesta ocasión ten previsto levar 3 vacas, 2 xovencas e un touro. “Mais que vender trátase de xuntarnos os gandeiros, pero eu casado nada máis estou coa muller, o resto véndese. Todo depende do dólar”, di.
Alberto Gómez
“É necesario que os prezos se manteñan para que haxa relevo”

Alberto Gómez ten a súa explotación no pobo cervantego da Freita
Alberto Gómez ten 37 anos e fai 4 que decidiu dar continuidade á gandería familiar na Freita, pertencente á parroquia de Cereixedo. “Antes estiven traballando por fóra, por exemplo na Coruña, pero ao xubilarse o meu pai collín eu a explotación”, conta.
Cando se incorporou, no ano 2021, había na casa 17 vacas. Hoxe ten 35 reprodutoras e a súa intención é seguir medrando, pero o problema co que se atopa é o da falta de superficie dispoñible.
En catro anos pasei de 17 a 35 vacas e quería aumentar algo máis, o problema é que non hai superficie
“O problema para aumentar é que non hai fincas. Tiven que ir buscalas a 10 km de distancia”, explica. Na Freita hai 4 casas habitadas e todas teñen vacas, pero o veciño máis novo ten 62 anos polo que Alberto que garante a continuidade da actividade agrogandeira na aldea. “Se non fora polos que temos vacas estaría todo abandonado”, asegura.
“O ano pasado o lobo comeume dous becerros recén paridos”
Os seus animais pacen en total unhas 40 hectáreas, nas que fai tamén silo de herba para suplementar as vacas no inverno e herba seca cebar os xatos na corte.
“Nesta época as vacas están fóra sempre, só meto algunha que está recén parida porque o ano pasado o lobo comeume dous becerros recén nacidos. En vacas grandes de momento vou librando”, explica.
Encuadro algo no inverno porque estamos case a 1.200 metros de altitude e neva
Alberto ceba os xatos ata os 10 meses. A partir dos 7 meses están na corte alimentados con penso e herba seca. A súa granxa produce baixo o selo de Ternera Gallega Suprema e comercializa a través de tratante, sempre o mesmo, normalmente con destino ao matadoiro de Novafrigsa en Lugo.
Este mozo recoñece que fai catro anos, cando el empezou, “os prezos estaban baixos de todo” e que hoxe a situación cambiou, pero pide continuidade. “Facía falta que se aguantaran os prezos así para que a xente nova se anime a coller as explotacións”, di.
Moi bo ambiente na feira
A estrea de Alberto como gandeiro coincidiu tamén coa recuperación da feira de gando en San Roman. “Desde o primeiro ano levo animais. Xa que se fai algo, hai que participar. A feira está moi ben, teñen que seguir facéndoa. Hai moi bo ambiente”, valora.
Este ano ten pensado levar unhas xovencas, unhas vacas e o touro. “Máis ben de exposición, pero se chega alguén e se encapricha de algo e o paga ben, estou disposto a vender”, di tamén el.
Javier Gerbolés
“Aposto pola rubia galega porque para min é un dos animais máis cárnicos e máis nobres”

Javier, a cabalo de Farruco, un dos touros da súa gandería, nunha edición anterior da feira de San Román
Javier Gerbolés foi nos últimos anos quen máis animais aportou á feira de Cervantes. Entre xatas, vacas e sementais, achegaba 24 cabezas, o que lle collía en 2 camións. Pero “mover tanto gando non é unha broma”, asegura.
Este ano volverá colaborar, pero non sabe se levará tantos animais, polo traballo que lle supón e o gasto de transportalos. “É verdade que a feira é un día de festa, pero a festa é máis para os que non levan o gando. Para os que colaboramos levando animais é un día de traballo máis que de festa, porque o día antes tes que xuntalos e ese día ás 7 da mañá cargalos e levalos, e despois pola tarde traelos de volta para a casa e deixalos a cada un no seu sitio”, di.
Non vou á feira coa idea de vender, pero é un orgullo ensinar o gando que tes na casa
A explotación de Javier, Gandería Quintairo, ten neste momento 57 cabezas, delas 48 son reprodutoras. Na granxa séguenlle axudando os seus pais, aínda que xa están xubilados, pero bótanlle unha man sobre todo á hora de vixiar o gando.
A modalidade na que traballa é a coñecida como semiestablo. Nesta modalidade tradicional de criar o gando na montaña de Lugo, os becerros quedan na casa e as nais saen todos os días ao pasto pola mañá, despois de darlles de mamar, e volven de novo á tardiña para alimentalos de novo e pasar a noite na corte.
Na primavera os xatos están fóra coas nais pero o resto do ano quedan na corte
Durante o inverno só estiveron fóra as vacas secas, pero nestes meses da primavera os xatos ata os 3 meses de vida están fóra coas nais. “Despois encuádroos en agosto ou setembro e saen só as vacas polo día”, explica.
Mellora xenética da raza rubia galega
Ademais de gandeiro, Javier é técnico de Acruga, polo que o seu gando é de raza rubia galega 100%. “Son controlador de Acruga, non vou ter limusina”, bromea.
A montaña de Lugo é unha das zonas nas que máis asentada está a rubia galega, xunto con outras áreas da provincia de Lugo, como O Corgo ou Sarria.
Javier encárgase do libro xenealóxico dunhas 5.500 vacas que hai na zona da que el leva o control, toda a área da montaña e os municipios do Incio Triacastela e Samos. “Nesta zona hai moita rubia galega e o 90% mantense en pureza”, calcula.
Na feira do día 10 subastaranse 3 xovencas preñadas procedentes do centro de recría de Acruga
Gandería Quintairo aposta por dar exemplo. “Nos últimos anos comprei dous sementais a Acruga procedentes da nave de testaxe para mellorar xenéticamente o gando que tiña na casa. Eu aposto pola rubia galega porque para min é un dos animais máis cárnicos e máis nobres que hai”, afirma.
O sábado 10 na feira de San Román haberá tamén unha oportunidade para a mellora xenética das ganderías que traballen con rubia galega, xa que se subastarán de 3 xovencas preñadas procedentes do centro de recría que Acruga ten na Granxa Gayoso Castro.
“Adquirir este tipo de xovencas unha boa maneira de mellorar o nivel xenético dunha gandería porque compras animais selectos e desta maneira en poucos meses logras facer incorporacións interesantes ao rexistro”, defende.
Só se poxarán tres animais porque “a demanda é moi grande e non temos máis xovencas preñadas”. No mes de maio hai outras tres subastas coma a de Cervantes e Acruga optou por repartir as xovencas que ten dispoñibles entre todas elas para que os gandeiros das distintas zonas teñan as mesmas oportunidades de facerse con elas.
Feira en Defensa do Gandeiro da Montaña o sábado 10 en Cervantes