
Carlos, Sandra e Casimiro, xunto ás súas vacas despois de levalas á pradeira
En Codesoso do Monte, unha aldea da parroquia de Grixalba, no concello de Sobrado dos Monxes, Carlos Calvo e o seu pai Casimiro están á fronte de Gandería Zapateiro SC, unha explotación familiar que está a medrar e que mira ao futuro cunhas novas instalacións e o relevo xeracional asegurado.
Carlos ten 30 anos e leva xa 7 incorporado ao traballo na granxa, onde botan tamén unha man a súa nai, Carmen, xubilada desde hai dous anos, o seu padriño Francisco e a súa parella Sandra, “que para non ser unha persoa nacida nin criada nisto é algo que lle gusta e iso vale moito”, recoñece.
Nunha gandería sempre hai traballo e que che boten unha man, aínda que só sexa nun momento puntual ou para darlle o leite aos becerros nótase
Carlos conta co apoio de todos eles para seguir mellorando e modernizando unha granxa de leite que é froito do esforzo de moitos anos de toda a familia. “A miña nai e o meu padriño naceron nunha casa preto de aquí, nun lugar que levaban arrendado como caseiros. Tiñan que pagar un terzo do cereal que producían, e despois a renda, polo que canto máis traballaban máis caro lles saía. Entón pedíronlle á dona que lles puxera unha renda fixa anual en cartos, de maneira que o que sacaran a maiores diso fora para eles, e que lles deixara unha finca onde facer un establo novo porque as vacas estaban nos baixos da casa e había sitio para poucas. Pero os donos non quixeran e entón fora cando mercaran esta finca a un veciño e se viñeran para aquí. Diso hai 30 anos, que foi cando nacín eu e se fixo a casa e o establo. Ao principio era de amarres fixos e ao cabo duns anos xa se cambiara para estabulación libre”, conta.
Unha explotación mixta de leite e carne até o 2014
Casimiro, Carmen e Francisco seguiron traballando naquel establo até que no ano 2014 se incorporou Carlos, que tiña daquela 24 anos, no lugar do seu padriño, que se xubilou por aquel entón. Ata ese momento a explotación estaba case máis enfocada na produción de carne que na venda de leite. “Como non había sitio no establo traballábase case máis orientado a cebo e a manter o número de vacas que había que a incrementar a cabana. De feito, inseminábase case todo con cruce e cebábanse os becerros”, explica Carlos.
Como non tiñan sitio para medrar en número de cabezas inseminaban con cruces cárnicos e cebaban os becerros até mandalos ao matadoiro
Logo da incorporación de Carlos a gandería comezou a focalizar a súa actividade na produción de leite. “Empezamos a facer máis recría e o establo empezouse a encher, así que nos plantexamos facer unha nave nova porque xa estabamos inseminando todo con frisón e tiñamos moita recría fóra”, explica.
Contan cun establo novo desde fai un ano
Hai un ano que remataron o establo novo, situado ao lado do vello, e pasaron os animais en produción para el. No antigo teñen agora a recría. “Os invernos aquí son duros, estamos a uns 500 metros de altitude pero é unha zona fría e húmida, e penalizabamos moito niso, porque os animais cando viñan para dentro non viñan en condicións”, asegura.
Aquí os invernos son moi duros para ter os animais sempre fóra, non ten nada que ver coa zona de Frades, por exemplo, onde xa é outro clima
No 2018 Carlos xa estivera mirando de construír o novo establo, pero nese ano non lle deu tempo a facer o proxecto e tramitar a documentación necesaria para solicitar as axudas dos plans de mellora, e ao ano seguinte, no 2019, “por unha semana non me chegou a licenza e tiven que agardar outro ano máis”, explica.
“Era mellorar ou morrer”
Cando por fin puideron comezar, o bo tempo xa pasara. “Fixemos as obras en pleno inverno e cadrou ademais un ano que chovera moito, menos mal que o contratista, que é un veciño de aquí, Contratas Tegui, é un experto nisto e fai naves deste tipo case cos ollos pechados, e esa foi a gran sorte que tivemos”, recoñece. “A verdade é que salvounos coller unha persoa así, porque ti podes entender de vacas, pero non de naves, e el os problemas veos xa antes de que ocorran para evitalos”, asegura.
Os investimentos que levamos desde o 2014 foron brutais, pero non me arrepinto, o momento de facelos é agora, non cando teña 50 anos
Foi un ano de moito esforzo e de moito traballo, pero Carlos non se arrepinte. “As obras todas poñen medo, pero o medo non te pode paralizar. Aquí era mellorar ou morrer. Na nave vella só tiñamos sitio para 50 vacas en total e traballabas moi incómodo. E eu penso que o momento de facelo era agora, non vas facer un investimento grande deste tipo con 50 anos”, razoa.
Crecemento constante

As instalacións novas teñen capacidade para 122 animais
Unha vez superados os trámites burocráticos, a obra foi rápida e no mes de marzo de 2020 o gando estreou xa as novas instalacións. “Desde ese momento foi todo crecemento continuo e xa case volvemos a ter todo cheo, porque como a construción se retrasou dous anos xa tiñamos moito gando e despois mercamos tamén 17 vacas dunha explotación que pechou”, conta.
As instalacións están xa practicamente ao 100%, cun total de 90 vacas adultas, entre vacas en produción, secas e xovencas próximas ao parto
As instalacións novas teñen capacidade para 122 animais en total, polo que aínda poderían seguir medrando en vacas en produción, pero para iso teñen que sacar de alí a recría. Pretenden trasladala ao establo antigo, pero previamente queren adaptar os espazos aos novos usos previstos. “Fixemos a nave nova hai só un ano pero case volvemos ter un problema de espazo. É o de sempre, aínda que fagas para moito máis gando do que tiñas acabas ocupándoo. Agora temos na nave nova as vacas de leite, as secas e as xovencas preñadas, pero a idea é deixala só para as vacas en produción”, explica.
Reforma da nave antiga

Queren adicar o establo vello á recría, cunha zona de cama quente para as becerras e cubículos para as xovencas
Unha vez mellorada a comodidade das vacas en lactación, Gandería Zapateiro pretende agora reformar a nave antiga para mellorar tamén o confort da recría, habilitando unha zona de cubículos e ampliando o espazo destinado ás xovencas. Para iso, queren cubrir o pozo de purín vello para habilitar aí a sala de espera para o muxido, que neste momento ocupa espazo dentro do establo antigo.
Agora estamos utilizando parte da nave vella para sala de espera para organizar o gando á hora de muxir pero queremos destinala á recría porque as xovencas criadas fóra fan un primeiro parto moito máis frouxo
“No momento de facer as obras moitas veces non se pensa no futuro. Cando se fixo o outro establo non se pensaba en ampliar e fíxose a fosa de purín pegada á nave e xusto detrás da sala de muxir e agora estórbanos, polo que a idea é botarlle unha placa para tapala e facer enriba dela a sala de espera para poder así readaptar o establo vello todo para a recría, a metade en cama quente para as becerras pequenas e a outra metade con cubículos para as xovencas”, explica.
Investimentos en maquinaria

O carro mesturador foi unha das últimas adquisicións de maquinaria que fixeron
Pero a posta ao día desta explotación desde o 2014 non consistiu só na modernización das instalacións e o aumento no número de cabezas, senón tamén na renovación e ampliación do parque de maquinaria. “Desde que eu me incorporei, cada céntimo que se xerou investiuse. Ademais de facer as obras, mercamos un tractor, un hilerador, segadora rotativa, abonadora, arado de tres regos, fresadora, encamadora, carro mesturador…”, enumera Carlos.
A produción media é duns 30 litros por vaca e día, cuns niveis dun 3,60% de graxa e un 3,10% de proteína
O que Carlos mantén polo de agora é a sala de muxido de 4×2 puntos que fixeran no seu momento os seus pais. Está en bo estado pero obrígaos a estar case dúas horas muxindo. Pola mañá comezan ás 7 e pola tarde ás 7 e media. Tamén lles queda pequeno o tanque de frío, que teñen que cambiar por un con maior capacidade. É o problema de medrar e ter máis produción. “Todo é unha cadea e unha cousa vaiche pedindo a seguinte”, explica.

Manuel Veiga, co seu camión, recollendo o leite na explotación
Gandería Zapateiro móvese nestes momentos nunha produción duns 1.250 litros diarios que o grupo Lence lle recolle para a súa planta de Arteixo, onde se envasa a marca Leyma Natura. Esta granxa de Sobrado está nunha ruta de recollida xunto a outras 9 pequenas ganderías familiares da zona que tamén fan pastoreo. Entre todas enchen unha cisterna que leva 16.000 litros.
Carlos decidiu cambiarse para o grupo lucense esta primavera, buscando estabilidade nos prezos. “A empresa á que entregabamos antes utilizaba unha fórmula de 70% e 30%, con dous prezos diferentes en función da cotización internacional dos produtos lácteos, pero iso ao final é como ter un caramelo que cando o desenvolves non está enteiro porque lle falta un cacho. Está claro que cando unha industria establece unha fórmula dese tipo é porque é beneficiosa para ela e non para o gandeiro”, considera.
“O aumento do benestar do gando nótase na produción”
Ao igual que todas as explotacións que entregan o leite ao Grupo Lence, tanto para as marcas Leyma como Río de Galicia, Gandería Zapateiro SC conta co certificado de benestar animal Welfare Quality, que con 58 puntos atestigua a calidade das instalacións e o bo facer no manexo e alimentación do gando.
“O consumidor é o que compra o leite, e se o consumidor quere pastoreo e benestar animal temos que darllo, tanto nós como as empresas que transforman”, asegura Carlos. Por iso, cando construíu a nova nave xa a fixo cumprindo con aspectos como dimensión de corredores e cubículos ou número de bebedeiros esixidos para obter a certificación Welfare Quality. “Fixemos a obra xa orientada a iso, porque as normativas, aínda que ás veces soen moi lonxe, un ano despois xa están enriba”, argumenta Carlos.
Contan cunha cualificación total de 58 puntos no certificado Welfare Quality de benestar animal
“Hai normas que son absurdas, pero hai outras que teñen toda a lóxica”, considera. “A nave nova é outro mundo, tanto á hora de traballar nós, como para o gando, xa só por espazo, ventilación e comodidade. O establo antigo non tiña arrobadeiras, era limpeza manual, e non tiñamos camas para todas as vacas. As camas agora son de area, que é o mellor para que descansen os animais, porque na nave vella botabamos serrín, pero apelmaza e fermenta se non o mesturas con carbonato”, di.
Redución de accidentes
A maior amplitude dos cubículos e a anchura dos pasillos fixo tamén que se reduciran os accidentes. “Agora non hai vacas dominantes no establo. No outro caían moitas. As vacas teñen que ter sitio e agora o chan é de formigón impreso en forma de panal de abella e os animais non esvaran. A area tamén axuda moito niso”, afirma.
A nave nova é outro mundo, tanto á hora de traballar nós, como para o gando
Esa mellora tanto nas condicións de habitabilidade como no confort do gando tamén se está a traducir nun incremento da produción. “Os animais son moi agradecidos e está claro que canto máis coman e máis cómodos estean máis leite van dar. Nós subimos bastante en litros desde que hai un ano cambiamos as vacas para a nave nova e tamén desde que fai tres meses lles empezamos a facer a alimentación con ración no carro mesturador. Antes o que faciamos era botarlles o mesmo pero sen mesturar, pero non era tan exacto e non o comían igual, de darlles o mesmo sen mesturar a dárllelo mesturado hai moita diferenza”, recoñece Carlos.
Alimentación a base de pasto

As vacas pasan todos os días unhas 8 ou 9 horas pacendo
A base da alimentación das vacas segue a ser a herba que pacen entre a muxidura da mañá e a da tarde, aínda que logo comen tamén na casa unha ración complementaria que varían en función da calidade da herba fresca que haxa na parcela á que saen a pacer. “Cando acaban de muxirse, comen algo aquí e xa saen para fóra e volven para muxirse de novo pola noite. Todo ese tempo están fóra pacendo, como mínimo 8 ou 9 horas cada día”, explica.
Desde que nos cambiamos para a nave nova e lles empezamos a mesturar a comida no carro aumentamos moito á produción, de 8 a 10 litros máis por vaca tranquilamente
Á hora de botar as vacas toda a familia colabora, sobre todo cando hai que levalas pola estrada a algunhas fincas. A mellora do firme, con aglomerado en quente, da estrada que teñen que cruzar para iren ás parcelas do lado de arriba do establo serviu para reducir tamén o número de coxeiras, que antes eran habituais pola gravilla solta do alquitrán. Cada 15 días fanlles ademais baños de patas aos animais para evitar as dermatites.

Desde hai un ano traen bagazo da fábrica de Estrella Galicia para facer a ración máis apetecible
Cando volven para o establo as vacas teñen unha suplementación no pesebre que leva silo de millo, silo de herba, penso concentrado, palla e bagazo de cervexa. “Nós o bagazo usámolo desde fai un ano e coido que é moi boa solución porque failles a comida moito máis apetecible e comen máis”, di Carlos. A mestura non é sempre a mesma e vai variando en función de como estea o pasto. “Imos xogando coas analíticas e variando a ración para compatibilizala co que comen fóra na pradeira”, explica.
A ración en pesebre imos variándoa en función de como sexa o pasto para ir compensando as necesidades nutricionais da vaca
Coa concentración parcelaria o que van mellorar notablemente é a dispoñibilidade de superficie a carón da nave para poder facer pastoreo. “Neste momento temos fincas lonxe que levamos arrendadas ás que non podemos levar as vacas por distancia, porque as vacas en produción non podes movelas un quilómetro todos os días. Trala concentración quédanos unha finca de 12 hectáreas toda xunta ao lado da nave e despois outra de 10 hectáreas case seguida e a parcela que máis lonxe nos vai quedar estará a 700 metros, polo que poderemos destinar maior superficie a pasto. Ao agrupar as fincas podes traballar doutra forma”, asegura Carlos.
“No inverno as vacas están mellor dentro ca fóra”

A ración en pesebre leva silo de millo, silo de herba, bagazo de cervexa, palla e penso
O mesmo ocorre coas instalacións. O feito de contar cunha nave nova e ben dimensionada permite facer un mellor manexo do gando. “Agora coa nave nova se está un día moi malo porque chove moito ou porque vai moito frío as vacas poden quedar dentro, onde teñen todas as comodidades, antes como non había sitio nin camas para todas había que botalas para fóra si ou si, pero ás veces non lles facías ningún favor aos animais, era mesmo prexudicial para eles, porque nos días de moita invernía as vacas están mellor dentro ca fóra e, de feito, estaban todas agolpadas na cancela para que lles abriras para vir para dentro”, argumenta.
Coas melloras no establo e a agrupación de fincas pola concentración facemos un pastoreo moito máis eficaz
Para Gandería Zapateiro o pastoreo era até agora un sistema “obrigado polas circunstancias”, debido ás limitacións nas instalacións, pero coa construción do establo novo pasou a ser unha opción voluntaria que require un maior esforzo a nivel de man de obra e de superficie. “O sistema de pastoreo está ben se tes terreo para soportalo. As vacas dentro comen moito, pero estando fóra todos os días necesitan moita superficie se de verdade queres que vaian á pradeira a alimentarse e non só a pasar o día”, asegura.
Ampliación da base territorial

Terra labrada a millo, ao que este ano adicaron unhas 18 hectáreas
Gandería Zapateiro SC conta cunhas 50 hectáreas de base territorial, que foron incrementando a medida que o facían tamén coa cabana de gando. “Compramos primeiro o lugar no que naceran a miña nai e o meu padriño e despois aínda catro ou cinco fincas máis. En propiedade teremos agora algo máis de 30 hectáreas e arrendadas levamos outras 20”, explican.
Tratamos de facer sempre dous cortes de herba antes de botar o millo
A millo sementaron este ano un total de 18 hectáreas, nas que fan rotación con raigrás para tratar de sacarlle o máximo partido á superficie coa que contan. “As terras onde se sementa o millo todos os anos se levantan para botar herba. Tratamos de facer dous cortes de herba antes de botar o millo pero depende moito de como veña o tempo. Este ano puidemos facelo. Fíxose un corte a principios de abril e outro a finais de maio porque non veu tempo para facelo antes pola chuvia. Despois tivemos que pegarnos o atracón nunha semana para ensilar, arar e labrar o millo”, explica.
O ano que vén contamos ter unha merma na produción por coller fincas de monte que hai que roturar, por iso tratamos de sementar o máximo posible nesta campaña para ter un pequeno stock de silo
Non toda a superficie coa que conta a gandería é apta para labrar. Hai unha zona, unhas 6 hectáreas pola parte de enriba do establo, que ten arboledo e moita pena e que está a pradeira permanente para facer pastoreo. “Este non é terreo moi produtivo, aquí para sacarlle tes que botar, para obter 40 ou 50.000 quilos por hectárea tes que abonar”, conta. Por iso, di, “o ano que vén vai ser desastroso porque colles as fincas de novo da concentración parcelaria e non van estar as terras feitas, nalgúns casos hai que roturar parcelas que nos tocaron e que están a monte e esas van producir pouco o primeiro ano”, argumenta. Por iso este ano botaron a millo todas as fincas que valían para facelo, para contar cun pequeno stock de ensilado que compense a merma de produción que prevén para a vindeira campaña.
30 anos para rematar a concentración parcelaria

As vacas de Carlos camiño do pasto. Trala concentración, terán que andar menos pola estrada
A parroquia de Grixalba leva tres décadas coa concentración parcelaria en marcha e este ano por fin se vai rematar. “Ían facer no mes de maio a entrega das fincas, pero protestamos e retrasárona a setembro no caso das parcelas a herba e a outubro nas de millo, unha vez recollida a colleita, porque senón este ano non había maneira nin de poder labralo”, xustifica.
Unha vez recollida a colleita deste ano reorganizaranse as parcelas
“A nós vainos cambiar moitísimo a configuración das fincas actuais, perdemos moitas das terras que temos hoxe porque nos prexudicou a valoración que se fixo, porque moitas das fincas que temos hoxe a prado eran monte cando se fixo a clasificación dos terreos para a concentración e valoráronnolas como monte”, explica.
Había xente que tiña terreo sen aproveitar por ser cachos pequenos; nun par de anos a parroquia non se vai coñecer
Zapateiro SC atópase nunha punta da parroquia de Grixalba. Na mesma aldea hai ganderías importantes, como Finca Arosa ou Granxa de Rañón, e as explotacións do resto da parroquia tamén chegan a Codesoso do Monte en busca de terreo, polo que “competencia pola terra hai moitísima”, di Carlos.
A concentración vai servir para apezar fincas e facelas máis traballables o que, de xeito parello vai poñer a producir fincas hoxe paradas. “Hai moitas parcelas de ganderías que foron pechando nos últimos anos que están sen traballar porque son pequenas e dispersas e agora van volver a producir. Dentro dun ano ou dous a parroquia non se vai coñecer, pero o custo de poñer todo iso a producir vai ser grande”, razoa.
Fan eles mesmos o traballo agrario

A fosa de xurro cuberta permítelles usar o purín como abono cumprindo as esixencias medioambientais
Dispoñer de parcelas de maior tamaño vai facilitarlles moito os traballos agrarios, que na maior parte dos casos fan directamente eles. “Facemos nós todo, o único que non facemos é sementar o millo e recollelo”, explica Carlos. Son socios de Cusoviame e empregan o parque de maquinaria da cooperativa na sementeira, mentres que para o ensilado botan man dunha empresa de servizos. No caso do silo de herba fano eles, axudados por uns parentes que se apoian mutuamente para os traballos de segar, xuntar e traer para o silo.
Teñen unha fosa de purín cuberta con capacidade para 1 millón de litros que empregan como abono nas fincas de millo
Tamén preparan eles as terras para o millo, desde arar, pasar a grade ou abonar. A fosa antiga tiña unha capacidade de só 300.000 litros e era descuberta, polo que de inverno se enchía e tiñan que baleirala aínda que non tiveran moito onde botar o purín, o que supuña un desperdicio de abono. A nova conta cunha capacidade de máis dun millón de litros e o feito de estar cuberta permítelles facer unha xestión do xurro moito máis eficiente e respectuosa co medio ambiente. “Cando fixen a nave a min non me obrigaban a cubrir a fosa do purín, pero eu xa sabía o que era tela descuberta, que cando chove vela medrar e encherse de auga, que despois é o que estás carrexando para as fincas”, di.
- Reportaxe elaborada por Campo Galego coa colaboración comercial de Leche Río