O Consello Regulador da IXP Ternera Gallega reclama unha suba de prezos para as ganderías de Suprema

O Consello Regulador da IXP Ternera Gallega reclama unha suba de prezos para as ganderías de Suprema

O Consello Regulador da IXP Ternera Gallega emitiu hoxe un comunicado no que amosa o seu apoio ás reivindicacións do sector gandeiro, e concretamento dos produtores de Suprema, e en concreto a unha suba dos prezos en orixe a un maior apoio por parte da administración e da sociedade en xeral.

Precisamente, a asociación Gandeiros Galegos da Suprema, manteñen dende hai catro días bloqueados os matadoiros de Lugo, Baixo Miño, Viana do Bolo e Carnicosa. Ademáis de reclamar unha suba de prezos en orixe, demandan unha diferenciación clara da carne de becerro amparada por Ternera Gallega pero procedente de grandes cebadoiros, mesmo de fóra de Galicia, así da proveniente de terceiros países, cuns estándares inferiores de calidade e benestar animal.

Neste sentido, dende o Consello Regulador da IXP Ternera Gallega advirten de que “a gandaría tradicional que produce Ternera Gallega Suprema, atópase no seu momento máis crítico que incluso condiciona a súa viabilidade futura”, debido á forte suba dos custos de produción no último ano, e ao estancamento e mesmo baixada dos prezos, o que levou a moita ganderías a entrar en perdas.

Ante esta situación, desde a IXP Ternera Gallega fan un chamamento para que “a todos os niveis e desde todos os ámbitos, empezando polo propio Consello Regulador, as distintas administracións, os sindicatos, asociacións, as cooperativas e os operadores da cadea comercial (gandeiros, industrias e distribuidores), e rematando polos consumidores, busquemos solucións conxuntas que permitan manter e potenciar unha actividade vital para o rural galego, baseada nunha calidade recoñecida en todos os mercados e cun modelo de produción de máximo respecto coa súa contorna e co benestar animal”.

A este respecto, dende o Consello Regulador da IXP Ternera Gallega critican as actuacións das administracións, sobre do Goberno Central e da Unión Europea, que supoñen un ataque directo a estas ganderías, xusto nun momento crítico para eles. “Non poden seguir dando unha de cal e outra de area continuamente. Hai exemplos a moreas: por un lado esixen unha redución no uso de medicamentos no gando ou de fitosanitarios nos cultivos e por outro permiten importacións de carne ou de produtos hortícolas de países que non cumpren os estándares europeos; por un lado apróbase a Lei da cadea alimentaria para evitar a venda a perdas e por outro non se poñen en marcha medidas para o control da súa aplicación; por un lado resaltan o labor dos agricultores e gandeiros na conservación do medio ambiente e por outro queren que os seus cultivos e gando sirvan de alimento para unha sobrepoboación de fauna silvestre (xabaríns, lobos, …); por un lado moitos organismos públicos falan da calidade dos alimentos producidos na UE e por outro tamén defenden e apoian cousas como as “hamburguesas de vexetais” (porque lle chaman hamburguesas?) e ata a produción de “carne artificial” ou carne de laboratorio; e así poderíamos seguir”, detalla o comunicado.

Ante esta situación, reclaman “unha suba dos prezos da carne en orixe, que deben ser moderadas e progresivas no tempo, pero tamén vai sendo hora de que se valore a orixe dos alimentos que consumimos e a calidade de Ternera Gallega Suprema”.

O alcalde de Friol amosa o seu apoio aos gandeiros de Suprema

Esta mañá o alcalde de Friol, Jose Ángel Santos, uniuse aos gandeiros que están a manifestarse en Novafrigsa, para darlles ánimos e forza na súa loita. Así, xunto con alguns concelleiros, levaron pans, queixos e bebidas para que repoñan forzas cos dous produtos típicos e principales do municipio, que celebra este domingo a súa festa de exaltación do Queixo de Friol e do Pan de Ousá.

“Que non nos queiran engañar desde Madrid, no mes de xaneiro non había conflito en Ucraína e xa tiñamos triplicados os prezos dos fertilizantes, duplicada a factura da electricidade, incrementado un 21% os combustibles con respecto ao ano anterior e aumentado un 33% os costes da materia prima para a elaboración dos nosos pensos”, subliñou José Ángel Santos, que tamén é gandeiro de vacún de leite.

Neste sentido, defendeu que “a única maneira que hai de tratar de solucionar este problema, é que o goberno central habilite os mecanismos necesarios para aplicar a cadea de valor, para que se leve a cabo un prezo razoable para poder vivir do sector primario as familias que traballamos nel, como calquer outro sector. E por suposto que evite a venda a perdas como está ocorrendo nos últimos meses, tanto no sector cárnico como no lácteo”.

“Necesitamos mecanismos legais que non permitan especular aos fondos de inversión cos prezos das materias primas dos nosos pensos, e que de unha vez por todas as administracións públicas con competencia neste eido vexan o sector primario como un sector imprescindible para todo o país”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información