A D.O. Valdeorras continúa a consolidar o seu dinamismo produtivo cun incremento da superficie de cultivo, un feito que, segundo o presidente do Consello Regulador, Marcos Prada, reflicte o bo comportamento do mercado, especialmente no caso do godello, e a forte demanda dos viños da comarca. Así o puxo en valor Prada perante a conselleira do Medio Rural da Xunta de Galicia, María José Gómez, que esta mañá visitou as instalacións e os terreos da adega Bodega Roandi S.L.
“Constatamos que as adegas da nosa D.O. están a ampliar superficie de plantación. Iso significa que se está a vender e que buscan capacidade para seguir medrando e promocionando os nosos viños”, sinalou Prada, quen destacou o bo momento que atravesa o godello, variedade insignia da zona.
Liña de axudas aberta
Durante a visita á Bodega Roandi, a conselleira coñeceu o proxecto de ampliación de hectáreas en produción que prevé acometer a adega, un exemplo da tendencia crecente do sector vitivinícola valdeorrés. En declaracións aos medios, Gómez subliñou a aposta de adegas e viticultores por investir na comarca e impulsar o crecemento da Denominación de Orixe. Ademais, lembrou que permanece aberta ata o 27 de abril a liña de axudas á reestruturación e reconversión da viña en Galicia, á que poden acollerse iniciativas como a visitada hoxe.
A conselleira incidiu na importancia de contar con viñedos adaptados ás necesidades actuais, produtivos e axeitados ás variedades que demanda o mercado, e destacou tamén o papel do viñedo na protección do territorio rural. Así mesmo, puxo en valor a diversificación de actividades nas adegas a través do enoturismo, que contribúe á dinamización económica da contorna, unha liña na que xa traballa Bodega Roandi S.L. Durante a visita, a titular do Medio Rural estivo acompañada por Martín Alemparte, director de AGACAL, por José Antonio Pérez Armada, delegado territorial da Consellería en Ourense, e por María Carmen González, delegada especial da Deputación de Ourense en Valdeorras.
Ampliación centrada inicialmente no godello
Pola súa banda, o copropietario da adega, José Luis Morales, explicou que a ampliación de superficie prevista se centrará inicialmente nun 100 % no godello, pola súa alta demanda e boa adaptación á zona. Porén, sinalou que a estratexia da adega prevé, de cara ao futuro, incrementar a plantación de variedades tintas como a mencía ou a sousón, ambas as dúas amparadas polo selo de calidade da D.O. Valdeorras.
Galego









Control OJD