O último informe do Consello de Contas de Galicia sobre “Medidas adoptadas para abordar o reto demográfico nos concellos de menor poboación” destaca o compromiso da Deputación da Coruña por loitar contra o despoboamento no rural galego.
O documento, que se estende ó longo de 167 páxinas, subliña as medidas impulsadas pola institución provincial, centradas nunha mellor calidade de vida, fortalecer a economía local e preservar a cohesión social no rural. Ademais, é salientable o que se recolle sobre o investimento realizado.
“O importe de gasto da Deputación excede de forma unánime ao importe das achegas do Fondo de Cooperación Local (FCL), que supón un 41,8% como media das contías executadas pola Deputación. O mesmo ocorre cos importes descargados da Base de Datos Nacional de Subvencións (BDNS), que son como media o 61,73% dos gastos realizados pola Deputación da Coruña”, indica no informe o Consello de Contas.
Entre as accións máis destacadas, o informe sinala a mellora de infraestruturas e servizos públicos, que se canalizan fundamentalmente a través do Plan Único, onde destacan as obras de pavimentación e mellora de accesos viarios, fundamentais para reducir o illamento e favorecer a conectividade das zonas rurais.
Ademais, o informe subliña o impacto positivo das iniciativas destinadas a fomentar o emprego, como a contratación de técnicos municipais especializados en cultura, deportes, turismo ou servizos sociais. Estas medidas, máis alá de crear postos de traballo, buscan dinamizar a economía local e impulsar o asentamento da poboación no rural.
Outro aspecto destacado son os programas para reforzar o benestar social. “Case o 60% das axudas se concentraron no financiamento dos servizos sociais comunitarios”, un piar fundamental para mellorar a calidade de vida da veciñanza.
Con esta estratexia, a Deputación consolídase como un modelo de desenvolvemento sostible, combinando a preservación do patrimonio rural coa creación de novas oportunidades económicas e sociais.
Este exemplo de xestión amosa o potencial das administracións provinciais para liderar proxectos transformadores que garantan un futuro equilibrado para o rural galego.