O Consello da Xunta valida a convocatoria 2026 para incorporación de persoas mozas ó agro

A Xunta sinala que esta convocatoria busca dar resposta á alta demanda de solicitudes recibidas no 2025, e por iso poderán optar a estas achegas tanto os solicitantes do ano pasado, que non terán que volver tramitar a axuda, coma novos solicitantes

O Consello da Xunta valida a convocatoria 2026 para incorporación de persoas mozas ó agro

A Consellería do Medio Rural realizará en breve unha nova convocatoria das achegas para favorecer a remuda xeracional no sector agrogandeiro, dotadas cun orzamento de 53 millóns de euros. Así o recolle o proxecto de acordo elevado hoxe ante o Consello da Xunta, que indica que 23 millóns de euros irán destinados á incorporación de mozos ao agro, mentres que os 30 millóns restantes van dirixidos a financiar os plans de mellora asociados a estas incorporacións. Trátase da maior convocatoria desde 2018.

Esta nova convocatoria busca responder tamén ao alto número de solicitudes que se recibiron para estas axudas no ano 2025 -máis de 460 de xeito conxunto entre ambas as partidas-. Nesta situación, e co obxectivo de poder dar resposta á demanda e impulsar a incorporación dun maior número de agricultores e gandeiros mozos ao sector na nosa comunidade, lánzase esta nova partida.

Deste xeito, as achegas financiarán non só aquelas persoas que soliciten a axuda por primeira vez, senón tamén ás que xa a pediran en 2025. Os mozos que xa presentaran a súa solicitude non terán que volver rexistrala e garantiránselles as mesmas condicións que tiñan o ano pasado, especialmente en relación cos prazos dos investimentos e a idade máxima permitida -41 anos-.

A través destas axudas o Goberno autonómico subliña que afianza a súa aposta pola remuda xeracional, que é fundamental para garantir a sustentabilidade económica, social e ambiental da actividade agrogandeira no seu conxunto. Por outra banda, a mellora das explotacións incide de xeito positivo na súa rendibilidade e competitividade.

Durante o período 2016-2024 este tipo de convocatorias supuxeron un gasto público duns 369 millóns de euros, beneficiando 5.869 explotacións e favorecendo a incorporación de 3.161 mozos e novos activos ao agro. Desde o ano 2009, estas achegas impulsaron a incorporación de máis de 5.000 persoas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información