A Xunta tomará medidas este luns para tratar de paliar a crise de excedentes de viño da Ribeira Sacra. A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, subliñou hoxe na Festa da Vendima do Saviñao que mañá o Consello da Xunta aprobará un paquete de medidas de apoio á denominación, entre as que estará a orde da convocatoria de destilación de crise.
Gómez avanzou tamén que haberá apoios para os viticultores, “ante o posible remanente de uvas nas viñas” e, por último, quixo poñer en valor o traballo tanto de Medio Rural como doutros departamentos autonómicos, como a Consellería de Cultura, no apoio á Ribeira Sacra nos últimos anos.
“Para nós é esencial manter ós viticultores, que constitúen a esencia da paisaxe da Ribeira Sacra, e tamén apoiar ás adegas na promoción duns viños tan excepcionais, de xeito que superemos este problema puntual de stock que se orixinou durante a pandemia da Covid”, remarcou.
A conselleira fixo estas declaracións durante a Festa da Vendima do Saviñao, onde foi recoñecida como ‘Dama da orde da Mencía’.
O concello do Saviñao pertence á subzona xeográfica Ribeiras do Miño, nas que existen preto de 400 hectáreas de viñedo amparadas pola Denominación de Orixe (DO) Ribeira Sacra traballadas por arredor de 800 viticultores. A metade destes profesionais proceden deste municipio lugués, no que se atopan 8 adegas ao abeiro da denominación. Nesta contorna, tamén é destacable a paisaxe, que xoga un papel predominante na candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial pola Unesco.
No contexto xeral galego, Medio Rural lembrou tamén a Estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia, que se complementa con diferentes liñas de axudas destinadas á reestruturación e reconversión de viñedo, a accións de promoción en terceiros países e tamén á elaboración e comercialización de produtos vitivinícolas. En definitiva, un conxunto de achegas cun orzamento que ascende, neste 2024, a máis de 10 millóns de euros para o sector, segundo informa a Consellería.
Actualización 1-IX