O conflito entre compradores de recría e a organización do mercado de Silleda deixa fóra das poxas 311 xatos

Un grupo de tratantes mantén a súa oposición a que a poxa se faga de xeito totalmente dixital mentres que a dirección da Central Agropecuaria di que a aposta polas novas tecnoloxías é firme e que levan catro anos con ela. Ademais dos animais fóra de poxa, outros 106 foron rexeitados polo seu baixo prezo.

SILLEDA_BECERROS_POXA_CRUCE

A primeira poxa 100% dixitalizada na Central Agropecuaria de Galicia rematou sen unha solución ao conflito que manteñen un grupo duns 60 compradores de recría e a dirección da feira de gando. O motivo: a propia dixitalización. Mentres que os tratantes piden que se manteña o sistema de tiras en papel para o mercado de becerros para recría, a organización rexeita ese modelo por consideralo arcaico e porque, din, obriga a que os traballadores perdan tempo nun envorcado de datos que non é necesario coa app desenvolvida.

O resultado desta xornada foi que os compradores rexeitaron facer ofertas e algunhas das que se fixeron eran tan baixas que tiveron que ser rexeitadas polos vendedores. Así, 311 xatos foron calificados como fóra de poxa ou desertos e outros 106 foron devoltos polo prezo reducido. En total, 417 animais -dun total de 659- que tiveron que volver para o seu lugar de orixe por non atopar comprador.

José Manuel García, que fala en nome dos compradores de recría que se opoñen á total dixitalización, lembra que cando se iniciou o proceso xa advertiron a dirección e os traballadores da Fundación Semana Verde de que a súa intención era non poxar. “Eso foi hai meses, polo que agora non poden facerse os sorprendidos. Hoxe contábase con que houbera aquí máis de 1.000 exemplares de recría. Pero a cifra quedou moi lonxe porque a nosa vontade estaba clara e algúns transportistas xa non quixeron arriscar e perder a viaxe.”

Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde sinalou que os resultados coa app en vacas adultas e becerros cebados foron óptimos na xornada e lamentou a posición dos tratantes que, asegura, pon en risco os avances do mercado de Silleda nos últimos anos. “A app leva catro anos funcionando e no último ano e medio perfeccionouse para que sexa moi útil e sinxela para compradores e vendedores. Este foi un día triste para todos os actores da poxa e cunhas consecuencias que serán moi negativas. Parece difícil de crer que en pleno século XXI se queira seguir con procesos do XX. Como se houbera que volver pagar en pesetas e non en euros.”, dixo.

Este foi un día triste para todos os actores que formamos parte da poxa. E cunhas consecuencias que serán moi negativas. (Ricardo Durán, director da Fundación Semana Verde)

O principal argumento dos compradores de recría para opoñerse á desaparición das tiras de papel é que complica o seu traballo de supervisión de cada exemplar. “O que funciona ben, non hai que tocalo. Levamos 40 anos cun sistema que permitiu ir mellorando os resultados para todos. E agora quéreno suprimir. Nós temos que meternos nun cubículo con sete animais e velos un por un para tasalos. E todo en menos de seis horas e con ata 700 animais. Facer iso co móbil é imposible.”, afirma García. Os compradores de recría -exemplares de entre 15 e 90 días que van para cebadeiros- aseguran que van manter indefinidamente a súa postura de non poxar mentres non se recuperen as tiras de papel.

Por contra, Durán sinalou as vantaxes que ofrece a dixitalización. “Ata agora tiñamos que ter cinco traballadores dedicando unha xornada enteira a introducir manualmente en soporte informático uns datos que non sempre veñen claros no papel. E eses traballadores serían moito máis útiles na organización dos eventos que organizamos e non realizando un labor repetitivo e que non é útil para ninguén. E coa dixitalización aceleramos o proceso e reducimos a duración das poxas, co que os xatos saen antes das instalacións, algo moi positivo dende o punto de vista do benestar animal. Ademais, a app facilita dispor dos datos para levalos ás xestorías ou para axilizar a contabilidade. Sen esquecer que é un sistema que en catro anos non deu nin un só problema.”

O que funciona ben, non hai que tocalo. Levamos 40 anos cun sistema que permitiu ir mellorando os resultados para todos. E agora quéreno suprimir. Xosé Manuel García, comprador de recría

Xosé Manuel García fixo unha valoración do acontecido na primeira xornada sen papel e das súas consecuencias. “En condicións normais, de cada 1.000 animais de recría que chegan a Silleda, descártanse como moito 5. Véndese todo. Hoxe volveron para a casa 417. Terán que valorar dende a dirección canto tempo poden aturar eso. Non esquezamos que aquí chegan 1.000 cabezas de recría e Amio ten capacidade para acoller 3.000.”

O director da Semana Verde puxo o foco no crecemento dos últimos sete anos e apelou a que non se perda o logrado. “Pasamos de 16 millóns de transaccións a 39 millóns; de 42.000 animais por ano a máis de 50.000…e co único sistema informatizado que hai hoxe en España. As tecnoloxías foron clave para ese crecemento e non podemos renunciar a elas. A min fáiaseme moi duro, despois de once anos de avances, ter que dar un paso atrás no tempo.”

De non atoparse unha solución, o voceiro oficioso dos mercadores de recría teno moi claro: “En Galicia hai outros dous mercados -Amio e Castro Ribeiras de Lea- onde xa estamos a operar e onde podemos facer o que non se faga en Silleda. E incluso está o mercado asturiano. Non é o desexable, pero a nosa postura é firme e non se vai cambiar.”

Agora os ollos están postos na poxa do 13 de maio e en ver que sucederá cos exemplares da recría. Ningunha das partes rexeitou manter contactos nos vindeiros días para chegar a un acordo, pero os tratantes aseguran que a súa postura non vai cambiar.

No que coinciden ambas partes é en sinalar que este conflito chega nun momento en que os prezos dos animais están a alcanzar uns índices moi elevados o cal supón un golpe nun sector que poucas veces lembra unha época de bonanza tan acusada e prolongada no tempo.

Noutra orde de cousas, ao remate da poxa vivíronse momentos de tensión porque algúns transportistas bloquearon por espazo de hora e media as instalacións da central agropecuaria en sinal de protesta polo acontecido, que os obrigou a ter que regresar os seus lugares de orixe cos camións cargados co gando que non se vendeu. Malia que acudiron as forzas de seguridade, a cousa non foi a maiores.

Novos máximos dos xatos de recría e dos becerros carniceiros en Silleda

Una idea sobre “O conflito entre compradores de recría e a organización do mercado de Silleda deixa fóra das poxas 311 xatos

  1. Xuan Xosé

    Seguramente a culpa sexa nosa, non se debería de volver a levar a ese mercado nin o valor dunha pita. É tan dificil de entender que si os compradores non están cómodos o fracaso está garantizado?. A eses imbéciles dalles igual. Eu desde logo non penso volver a mandar ahí directamente nada. Tratar con descerebrados ten riscos.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información