O Concurso-Exposición de gando vacún da Fonsagrada cumpre 50 anos

O medio século de vida é unha mostra da importancia que a gandería ten para o municipio. O sábado haberá feira e premios aos mellores exemplares de rubia galega e asturiana de los valles, ademais de subasta de xovencas de Acruga e o martes será o certame de gando cabalar

poxa acruga fonsagrada 2025A Fonsagrada volverá ser a primeira fin de semana de setembro o epicentro gandeiro da montaña de Lugo e do occidente de Asturias coa celebración o sábado 5 do Concurso-Exposición de Gando Vacún, que chega este ano á súa edición número 50, e o Concurso de Gando Cabalar, Mular e Asnal, que cumpre 33 anos e será coma sempre o día 8. Os dous certames de gando enmárcanse dentro do programa das festas patronais da Fonsagrada, que se celebran en honra de Santa María, que contan cun completo programa de actuacións musicais e outras actividades.

O medio século de existencia do Concurso-Exposición de Gando Vacún dá boa mostra da importancia que o vacún de carne ten neste concello. Ao certame poderán concorrer gandeiros de calquera punto de Galicia que traballen coas razas rubia galega e asturiana de los valles. Tralas restricións de anos anteriores por enfermidades como a EHE ou a dermatose nodular contaxiosa, nesta edición agárdase unha importante presenza de animais de vida na feira. 

Os certames de gando enmárcanse dentro do programa das festas patronais da Fonsagrada

Os dous concursos, tanto o do sábado 5 como o do martes 8, terán lugar no recinto do mercado gandeiro da localidade. Para evitar os posibles riscos sanitarios, a organización estableceu un regulamento sanitario, de maneira que só poderán acceder ao pavillón cuberto aqueles animais que cumpran cos requisitos establecidos, entre eles a realización de probas diagnósticas, mentres que o resto de animais permanecerán nunha zona habilitada na explanada de fóra. 

As razas de gando que se valorarán serán a rubia galega e a asturiana de los valles e poderán concorrer tanto produtores de Galicia coma de Asturias. Haberá premios en metálico tanto para animais individuais como para lotes e trofeos cedidos polas entidades e casas comerciais colaboradoras. Haberá tamén axudas ao transporte do gando. Ás 12 da mañá celebrarase, como é habitual, a poxa de xovencas de Acruga. 

En canto á feira cabalar do martes 8, valoraranse os mellores exemplares de cabalos e eguas do país, pura raza galega e asturcón, así como animais cruzados, percheróns bretóns, póneis, mulas e burros. Haberá un premio especial ao mellor exemplar da zona e as probas morfolóxicas serán na Praza do Concello. 

As feiras que se celebran ao longo do ano serven para a dinamización económica do municipio

A Fonsagrada, o municipio máis extenso de Galicia, ten na gandería de vacún de carne en extensivo a súa principal actividade económica, xunto con tres empresas que transforman produtos derivados do porco. Para apoiar a estes dous sectores, ademais dos concursos do mes de setembro, o Concello organiza ao longo do ano outra serie de citas, como a recuperada Feira de San Marcos na primavera ou a Feira do Butelo no inverno. 

Exposicion gando vacun A Fonsagrada 2026 Feira gando cabalar A Fonsagrada 2026

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información