A Moexmu, a Mostra Exposición que se celebra en primavera en Muimenta, no concello lugués de Cospeito, trae novidades de cara á vindeira edición, a trixésimo sexta, na que potenciará o seu concurso de gando, segundo avanzou a comisión organizadora, formada por empresarios da localidade que se van turnando e coordinada desde fai 20 anos por José Manuel Rus.
O certame da Moexmu é hoxe o único concurso de gando que se celebra na provincia de Lugo
O Concurso de Gando Frisón da Moexmu dará un salto de calidade ao adquirir, por primeira vez na súa historia e logo xa de 34 edicións celebradas, carácter autonómico. O recinto feiral Manuel Vila López acollerá deste xeito na primeira fin de semana de abril, coincidindo coa Moexmu, o Concurso Autonómico de Raza Frisona Fefriga 2020.
O certame da Moexmu é hoxe o único concurso de gando que se celebra na provincia de Lugo, logo de que outros semellantes foran decaendo e acabaran por desaparecer. O de Muimenta, sen embargo, mantén o seu prestixio, atraendo a un cento de animais de gandeirías de toda Galicia.
Os organizadores queren aumentar a contía dos premios a repartir para animar a participación das gandeirías
O nivel do concurso está fóra de toda dúbida e del dá fé o importante elenco de xuíces que nas distintas edicións foron pasando pola Moexmu, moitos deles con experiencia mesmo internacional xulgando concursos de gando. O xuíz do vindeiro ano será escollido e designado por Federación Frisona Galega (Fefriga), aínda que a dinámica e o desenvolvemento do certame non variarán, con diferentes categorías a concurso.
O mimo co que os organizadores da Moexmu coidan o seu certame gandeiro fixo que se convertese nun dos máis prestixiosos de Galicia a día de hoxe. O esforzo económico para a celebración deste concurso é moi importante e absorbe practicamente a metade do orzamento total da Mostra Exposición de Muimenta. Só en premios repártense máis de 12.000 euros, unha contía que a organización quere aumentar o vindeiro ano para animar a participación das gandeirías.
Animais nados en Galicia e propiedade de gandeirías galegas
A celebración do 29 Concurso Autonómico de Raza Frisona na Moexmu 2020 constitúe un verdadeiro respaldo de todo o sector á feira de Muimenta e ás actividades que desde o ano 1987, ano da celebración do primeiro Concurso de Gando na Moexmu, levan a cabo os empresarios da localidade a través da comisión organizadora.
O rival a bater será un ano máis a gandeiría Rey de Miñotelo, da Pastoriza, á que nas últimas 6 edicións da Moexmu só se lle escapou a vitoria no ano 2018, destronada por Manteiga SC, de Vila de Cruces
A efectos do concurso autonómico só poderán participar animais nacidos en Galicia e propiedade de gandeirías galegas. No recinto feiral Manuel Vila López poñerase deste xeito de manifesto o alto nivel xenético e morfolóxico dos animais criados en Galicia e potenciarase a orientación dos gandeiros máis novos cara a unha selección rendible e correcta da súa cabana. O rival a bater será un ano máis a gandeiría Rey de Miñotelo, da Pastoriza, á que nas últimas 6 edicións da Moexmu só se lle escapou a vitoria no ano 2018, destronada por Manteiga SC, a explotación ubicada no concello pontevedrés de Vila de Cruces.
A Federación Frisona Galega e representantes da Moexmu tiveron dúas xuntanzas, celebradas o 19 de outubro e o pasado 10 de decembro, nas que se plantexou a posibilidade da celebración do concurso autonómico na Moexmu, decisión finalmente acordada por ambas partes.
Escaparate do potencial gandeiro da Terra Chá
A Mostra Exposición de Muimenta é unha cita asentada e que mantén o seu poder de convocatoria, tanto a nivel de expositores e gandeirías participantes, como de público asistente, superando as 15.000 persoas nos tres días nos que ten lugar.
Concellos como A Pastoriza, Cospeito ou Castro de Rei son dos máis gandeiros de Galicia, cunha importante especialización na produción de leite
A Moexmu é un escaparate do sector gandeiro da Terra Chá e unha cita ineludible para o sector primario da provincia de Lugo. Ano a ano a Moexmu non só non mantén o seu nivel, senón que suma novidades edición tras edición converténdoa nun referente a nivel galego.
A súa feira multisectorial, que ocupa 15.000 metros cadrados, conta cun cento de expositores coas últimas novidades en maquinaria agrícola, e é parte central da Moexmu xunto co concurso de gando frisón, o único destas características que se celebra na provincia de Lugo. Engádense outros atractivos que xuntan moito público, como un concurso de novos manexadores organizado polo Club de Xóvenes Gandeiros, unha exposición de gando de raza rubia galega, que chega á súa 34 edición, e a poxa de gando selecto, que se comezou a facer fai 24 anos e que constitúe unha boa oportunidade para conseguir animais de grande valor xenético dalgunhas das mellores gandeirías da provincia de Lugo.