O Concurso de Gando Frisón da Moexmu cumpre 40 anos no 2026 e para celebrar esta efeméride terá carácter autonómico, segundo deu a coñecer este mércores a organización da Mostra Exposición de Muimenta, que terá lugar entre o venres 10 e o domingo 12 de abril.
O recinto feiral Manuel Vila acollerá deste xeito o certame organizado por Fefriga, que acada a edición número 34 e que nos últimos anos se foi alternando entre Gandagro, Feiradeza e a Moexmu. Será a segunda vez que o Concurso de Gando da Moexmu, o único que se mantén vivo na provincia de Lugo, acada a categoría de concurso autonómico, un nivel que xa obtivera no ano 2022, recibindo así animais e ganderías de toda Galicia.
O Concurso Autonómico de Gando Frisón será o plato forte da edición da Moexmu do ano que vén, que completará o seu programa coa Poxa de Gando Selecto, a Exposición de Raza Rubia Galega e a habitual feira de mostras de maquinaria agrícola e tecnoloxía gandeira.
Galego









Control OJD