Lácteos Pérez, con impagos a 170 gandeiros, entra en proceso concursal

Os produtores acumulan entre 4 e 5 meses sen cobrar o leite. As organizacións agrarias e o Concello de Mazaricos demandan a actuación da Xunta na busca de solucións

Lácteos Pérez, con impagos a 170 gandeiros, entra en proceso concursal

Imaxe de Lácteos Pérez, na Pereira, Santa Comba. / Imaxe: Lácteos Pérez.

Lácteos Pérez Olveira, unha das principais queixerías de Galicia por volume, con instalacións na Pereira (Santa Comba) e en Arzúa (Alimentos Ruta Xacobea), vén de entrar en concurso de acreedores voluntario. O proceso concursal solicitado pola empresa ábrese pola falta de liquidez da firma para facer fronte as súas débedas, que ascenden a arredor de 10 millóns de euros, segundo cálculos do sector agrario. Desa cantidade, máis de tres millóns adebédanselle a unhas 170 explotacións gandeiras, que levan entre 4 e 5 meses sen cobrar o leite.

As organizacións do agro, caso de Unións Agrarias, e o Concello de Mazaricos, no que están medio cento das granxas afectadas, están a ter xuntanzas nos últimos días cos produtores para asesoralos e informalos sobre o escenario ó que se enfrontan.

No curto prazo, as explotacións terán que esquecerse do leite pendente de cobro, xa que a Administración (Facenda, Seguridade Social), os acreedores bancarios e os traballadores terán prioridade no proceso concursal da industria. “De todos os xeitos, co leite que se entregue a partir de agora hai en principio máis garantías de cobro, xa que nomeouse a un administrador concursal que tratará de mellorar o funcionamento da empresa e de buscar alternativas que axuden a Pérez Olveira a saír desta situación”, sinala Óscar Pose, de Unións Agrarias.

A falta de industrias compradoras para o leite obriga á maioría das explotacións a continuar entregándolle o leite a Lácteos Pérez, malia os impagos e o concurso de acreedores. “Se as explotacións tivesen outros compradores, xa terían cambiado hai meses, pero agora mesmo a situación é a que é. Por outro lado, tamén é certo que é interesante que Lácteos Pérez siga adiante con actividade de cara a que a administración concursal poida buscar as mellores garantías de cobro”, valora Óscar Pose.

Dificultades financieiras para as explotacións
O sector advirte das especiais dificultades que están atravesando as explotacións afectadas polos impagos, moitas delas con débedas bancarias ás que teñen que seguir facendo fronte. O Concello de Mazaricos solicitou da Consellería do Medio Rural que dispoña fondos –reintegrables nun futuro- para que os gandeiros poidan pagar ós seus compromisos. Tamén demandou que a Consellería convoque unha reunión informativa con todos os afectados.

Desde Unións Agrarias lamentan ademais que moitas das explotacións afectadas polos impagos quedaran fóra das axudas de minimis dispostas polo Ministerio de Agricultura para axudar ás granxas afectadas pola crise de prezos. Case todas foron excluidas das compensacións dirixidas ás granxas que recibiron menos de 25,9 céntimos por litro entre abril e xullo, xa que as facturas (non pagadas) reflicten un prezo maior. A organización pide que a Administración corrixa esta situación con urxencia.

Desde a organización agraria critican tamén a falta de actuación da Xunta no proceso, “xa que coñecía a situación de insolvencia da empresa desde hai meses”, cuestionan.

As perspectivas de futuro para Lácteos Pérez Olveira son agora incertas. Nos últimos meses, a industria estivera en conversas para integrarse no proxecto de Lasurgal (Melide), xestionado pola industria melidense xunto coa cooperativa Icos e a propia Xunta, a través de Xesgalicia, se ben agora ese proxecto semella máis complicado.

O sector agarda que a administración concursal deseñe un plan de viabilidade para Lácteos Pérez que permita a súa recuperación progresiva, xa que de procederse á liquidación da firma, difuminaríanse as esperanzas de que as explotacións recuperen alomenos parte das cantidades que se lles adebedan. Postos en contacto coa empresa, non foi posible obter polo de agora a súa valoración sobre o proceso concursal no que se atopa, que trascendeu a través de diversos medios de comunicación nos últimos días.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información