O concurso de acreedores de La Arzuana perxudica a 85 socios

O Sindicato Labrego advirte de que o informe do administrador concursal non recoñece unha débeda de 700.000 euros da cooperativa coas explotacións afectadas. A organización agraria considera que as gandarías foron víctimas dun engano da xunta reitora da entidade

O concurso de acreedores de La Arzuana perxudica a 85 socios

Imaxe da antiga factoría de Alimentos Lácteos, hoxe propiedade de Logística Alimentaria.

O fracaso do proxecto de Alimentos Lácteos segue deixando consecuencias negativas a pé de campo. O concurso de acreedores no que se encontra a cooperativa La Arzuana, unha das impulsoras do proxecto de Alimentos Lácteos, apunta a serios perxuízos para as explotacións asociadas. O informa do administrador concursal non recoñece a débeda de La Arzuana con 85 explotacións que lle reclaman 700.000 euros por entregas de leite sen cobrar, segundo advirte o Sindicato Labrego.

En total, os socios da cooperativa reclaman no proceso o cobro de 743.512 euros. O problema é que a única débeda que recoñece a proposta de informe do administrador concursal ascende a 43.853 euros. Ante esta situación, o Sindicato Labrego entende que as persoas socias de La Arzuana foron enganadas pola xunta reitora da entidade.

A orixe de tal engano, ó entender da organización agraria, remóntase a setembro do 2014, cando nunha asamblea de socios, o presidente da cooperativa, Eugenio Montero, e os seus asesores convenceron ós socios de que a única vía para recuperar os cartos pasaba por converter a súa débeda en capital social da cooperativa. O resultado de tal proceso foi que, tras a creba da cooperativa, as débedas capitalizadas non se recoñecen, de xeito que as explotacións perden as entregas de leite pendentes de cobro (xullo, agosto e parte de setembro do 2014).

Os produtores afectados son 85, dos que 62 capitalizaron o total da súa débeda, que é de 562.490 euros –máis de 9.000 euros por granxa-, e os 23 restantes capitalizaron a maior parte da súa débeda, 137.168 euros –uns 6.000 euros por granxa-, en tanto outra parte, 43.853 euros, deixárona pendente de cobro. É esta a única cantidade que se recoñece como débeda no proceso concursal, sempre segundo o Sindicato Labrego, que celebrou unha reunión cos afectados o pasado venres para transmitirlles a situación do concurso de acreedores. A organización agraria reclama a intervención da Consellería de Medio Rural para buscar unha solución para as explotacións afectadas, que enfrontan estas perdas xusto nun intre de baixos prezos do leite en orixe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información