O concello de Muras dará axudas ás explotacións agrogandeiras para o pago da factura da luz

O concello de Muras dará axudas ás explotacións agrogandeiras para o pago da factura da luz

O concello de Muras conta cun importante número de ganderías de vacún de carne

O concello lucense de Muras sacou adiante esta semana co voto unánime da corporación municipal, as bases de axuda ao pago da factura da luz e as de estudantes.

Nas bases da luz, a diferencia do ano pasado, incorporouse unha nova liña de axudas, destinada aos autónomos, pequenas empresas ou explotacións agropecuarias radicadas no municipio, para subvencionarlles tamén o pago da factura da luz, cunha contía fixa de 1.500 €. Esta liña incorporase como unha medida que intenta paliar a incidencia na economía local da crise provocada pola pandemia da COVID-19, e no marco das conversas que se mantiveron entre os grupos municipais.

Por outra parte, tamén se aprobaron as bases das axudas destinadas aos estudantes e neste sentido, mantivéronse as contías do ano pasado, e introduciuse como novidade , unha liña de axuda de 100 euros, destinada a subvencionar a contratación de internet nos fogares, posto que é necesario que os estudantes conten cunha conexión de velocidade media-alta, para combater a brecha dixital, e “garantir que todo o alumnado de Muras matriculado en calquera nivel educativo conte con estes tipo de conexión, dado que en calquera momento poderían tomarse medidas de restricións de movementos, e atoparnos de novo coa ensinanza semi-presencial”.

O alcalde Manuel Requeijo manifestou que “con estas bases, seguimos a senda dos últimos anos, incrementando as contías e os beneficiarios. Agora os autónomos poderán ter unha pequena axuda do concello que sempre lles vén ben, á falta de axudas da Xunta de Galicia”.

O rexedor engadiu que “tamén queremos que haxa internet en todos os fogares dos alumnos de Muras, non vaia ser que suspendan as clases de novo pola pandemia esta. Debemos estar preparados por se acaso, por iso animo a que instalen a conexión nas súas casas”. Por último, Requeijo engadiu que “os alcaldes nestes tempos, debemos pensar nos veciños, sobre todo nos máis vulnerables e facer políticas para facer unha sociedade máis xusta e igualitaria”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información