O concello de Castroverde lanza un plan pioneiro en Galicia para favorecer a agrupación de parcelas agrogandeiras e forestais

O concello de Castroverde lanza un plan pioneiro en Galicia para favorecer a agrupación de parcelas agrogandeiras e forestais

O alcalde do concello lucense de Castroverde, Xosé María Arias, á esquerda en primeiro plano, canda o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto Garía, á dereita

O alcalde do concello lucense de Castroverde, Xosé María Arias, informa de que lanzará nas vindeiras semanas un plan de subvencións pioneiro en Galicia dotado cunha partida de 200.000€ para favorecer a agrupación de parcelas agrogandeiras e forestais no municipio. Arias adianta que o concello traballa estes días na elaboración das bases que regulen estas axudas que “nos permitirán ter leiras máis grandes que sexan rendibles para o sector da agricultura e da gandería, vitais para o desenvolvemento do noso municipio”.

O rexedor explica que se concederán axudas a todas aquelas agrupacións de propiedades mediante a figura de permutas voluntarias entre titulares de parcelas agrarias e forestais, residan ou non no municipio. “Un dos requisitos principais para que se aproben as subvencións é que se unifique, polo menos, un 20% o número das parcelas iniciais”, indica.

Arias expón que unha vez se abra o prazo de solicitude a veciñanza terá un prazo amplo de entre 8 e 10 meses, para que dea tempo a chegar a acordos voluntarios con outros titulares e, poder así, presentar un proxecto consolidado. Unha comisión será a encargada de valorar as propostas, dándolle prioridade a aquelas fincas que se reagrupen na contorna dos núcleos rurais. As persoas beneficiarias quedarán exentas de impostos e terán asesoramento técnico.

“As explotacións agrogandeiras verán os custes de produción diminuídos, ordenaremos o territorio e conseguiremos usar o campo como cortalumes”, afirma o alcalde. “Sacamos este programa porque somos coñecedores dos problemas que teñen que atravesar as explotacións pola fragmentación das propiedades, da falta dunha cultura de xestión en común da produción, da escasa mobilidade de terras e da falta de ferramentas que faciliten a planificación aos propietarios. Temos que apoiar os sectores estratéxicos do noso municipio”.

“Pedímoslle á veciñanza que sexa colaborativa, temos leiras pequenas e con vontade podemos conseguir cambiar esta situación”, sinala Arias. No Concello de Castroverde hai preto de 300 explotacións agrarias, con máis de 12.000 cabezas de gando, e uns 600 veciños cotizan na Seguridade Social.

Así mesmo, o rexedor apunta que o “os concellos temos que suplir a falta de iniciativas da Xunta de Galicia para o rural, o Goberno galego renunciou a que a figura da concentración parcelaria fora unha ferramenta para resolver o minifundismo xa que hai moitos procesos que se comezaron hai trinta anos que pouco ou nada teñen que ver coa realidade que temos agora”.

Apoio de Unións Agrarias

O alcalde presentoulle o plan ao secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, nun encontro no Concello. García salientou que “será un punto de referencia para a Galicia rural, suporá un antes e un despois”, quen engadiu que “levamos moitos anos falando do abandono do rural, da falta de base territorial, da falta de competitividade, da falta de relevo xeracional, pero vimos poucas medidas, esta é unha iniciativa que mira para o rural con garantías”.

Dende Unións Agrarias valoran moi positivamente o plan castroverdense porque “resolve tres grandes retos que temos na Galicia interior: o abandono, temos máis hectáreas abandonadas que cultivadas; seguimos tendo o gran almacén de forraxe nos Estados Unidos e na Arxentina coa cantidade de hectáreas sen uso que temos; e nas aldeas non viven os propietarios das terras, cómpre fixar poboación”.

“Coas novas tecnoloxías hai fórmulas para resolver o problema de concentración de fincas moito máis baratas que as propias concentracións parcelarias e temos que apostar por elas”, explica. “Este plan imos poñelo de exemplo noutros concellos dende Unións Agrarias porque axudará a que as explotacións agrogandeiras sexan viables economicamente”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información