O Concello de Allariz estende a cría de boi a novas ganderías

O Concello de Allariz estende a cría de boi a novas ganderías

O alcalde Francisco García nunha gandería de Xunqueira de Ambía

O Concello de Allariz aposta por estender a cría de bois polo territorio favorecendo o seu aproveitamento tradicional e pondo en valor a produción de carne de boi de Allariz. Ademais o pastoreo dos bois permitirá así mesmo manter vivo e recuperar os lameiros abandonados.

Esta mañá, o alcalde Francisco García xunto co concelleiro de medio ambiente, Bernardo Varela, encargáronse do traslado dos primeiros 20 bois ás primeiras explotacións que se suman ao programa.

O convenio asinado entre o Concello de Allariz e as explotacións permítelles a estas obter unha fonte complementaria de ingresos, de 500€ por animal, que se alimentará en base a pastoreo e con complementos de herba seca nos momentos máis duros de inverno.

Carne de boi de Allariz

O proxecto “Carne de Boi de Allariz” impulsado polo Concello de Allariz pretende promover a recuperación do territorio mediante o pastoreo e a produción de alimentación para os bois do programa.

Aproveitando as condicións favorábeis de Allariz –marca recoñecida, importancia do sector hostaleiro e turístico, declaración UNESCO Reserva da Biosfera, celebración Festa do Boi- o Concello de Allariz quere asociar Allariz á carne de boi como reclamo gastronómico de calidade.

O convenio coa Comunidade de Montes Veciñais de Penamá para a produción da raza Limiá, acordo para o engorde de bois na explotación “O Rego” de Coedo, a organización de xornadas de carne de boi de Allariz dende o 2011, a aprobación do Regulamento de produción e comercialización de carne de boi de Allariz, a aprobación e rexistro da marca boi de Allariz, foron pasos necesarios para proceder agora a un impulso na cría de bois.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información