“O compost de lodos e restos forestais funciona ben no agro, pero agora deberá ir fóra de Galicia”

O Ministerio de Agricultura vén de descatalogar a compostaxe como método de tratamento dos lodos de depuradora para a fabricación de abonos. Esta situación súmase a unha lexislación moi restritiva en Galicia para a aplicación de lodos directos no campo. Coñecemos as implicacións da nova lexislación sobre as empresas xestoras en sectores como o agrogandeiro ou o vitícola

Publicidade
A aplicación directa de lodos de depuradora en chans agrícolas está moi litimada en Galicia desde o ano 2012

A aplicación directa de lodos de depuradora en chans agrícolas xa estaba moi limitada en Galicia desde o ano 2012

Desde este ano restrínxese aínda máis o uso de lodos de depuradora como fertilizantes orgánicos. En Galicia a aplicación directa destes residuos nas terras agrícolas e en parcelas forestais estaba xa moi condicionada pola aprobación no ano 2012 dun decreto autonómico moi restritivo, pero o Ministerio de Agricultura vén de sumar restriccións adicionais. Agora prohíbese a compostaxe destes residuos procedentes das estacións depuradoras de augas residuais para facer abonos, o que limita aínda máis a súa utilización. É dicir, poderanse seguir compostando, pero terán o tratamento de lodos, non de abonos.

Parcelas de viñedo, fincas de millo ou pradeiras con gando en extensivo eran algúns dos destinos máis habituais destas emendas orgánicas elaboradas mediante sistemas de compostaxe en empresas como Compost Galicia, a planta ubicada no concello ourensán de Leiro que desde fai 15 anos mestura lodos con restos forestais para compostalos e facer abonos. Outros métodos, como a hixienización con cal, que utiliza por exemplo Agroamb, seguen estando permitidos e sendo válidos para a elaboración de fertilizantes a partir de lodos.

A partir de agora non se poderán utilizar en solos agrarios en Galicia os fertilizantes orgánicos que se produzan mediante a compostaxe dos lodos das depuradoras

Quedan fóra tamén deste cambio legal os residuos industriais agroalimentarios (por exemplo, restos de conserveiras ou do procesado da carne nos matadoiros), xa que este tipo de materiais non teñen a consideración de lodos de depuradora (EDARI), senón de subprodutos da industria alimentaria, polo que podería manterse o mesmo método de tratamento actual mediante compostaxe. 

Obrigados a buscar mercado fóra de Galicia

Instalacións da planta de Compost Galicia en Leiro, onde se mesturan lodos de depuradora con residuos forestais

Instalacións da planta de Compost Galicia en Leiro, onde se mesturan lodos de depuradora con residuos forestais

Xosé Quiroga, director da planta de Leiro de Compost Galicia, recoñece que “cando se implemente definitivamente o contido da nota informativa emitida polo Ministerio de Agricultura, teremos que buscar unha saída aos nosos produtos fóra de Galicia, xa que perderían a condición de emenda orgánica para pasar a ter consideración como residuo, o que nos obrigaría a depender dun xestor autorizado adicional”, recoñece. 

Os abonos feitos a partir de lodos mediante compostaxe perden a consideración de produtos fertilizantes

Compost Galicia xestiona cada ano 27.000 toneladas de residuos orgánicos, dos que entre 8.000 e 10.000 son lodos urbanos, que son sometidos a un tratamento biolóxico. “Mesturamos os lodos con residuos forestais, elevamos a temperatura por enriba dos 55 grados e volteámolos mecanicamente. Hai unha fase de fermentación e unha fase de maduración. O proceso completo son algo máis de dous meses: 28 días de prefermentación e fermentación e logo sobre 35 días de maduración”, detalla.

A empresa asentada en Leiro dispón de unidade forestal propia, que lle proporciona o material vexetal necesario para a mestura

Tras ese proceso, o abono orgánico resultante xa estaría listo para ensacar ou para utilizar a granel. Renovación de pradeiras, plantacións vitícolas e fincas de cultivo de millo son actualmente o principal destino final destes produtos, case sempre en Galicia, aínda que a empresa xa baralla colocar o produto noutras comunidades, como por exemplo en Castela e León, debido á configuración de cultivos e ao parque de terras que posúe. “O cambio legal non nos afecta no modo de tratamento, pero si no destino final do produto resultante; é dicir, variará o mercado e o custo de transporte, que se vai incrementar”, salienta.  

Beneficios: aporte de materia orgánica e retención de humidade

Cunha ratio de conversión do 0,4, as 27.375 toneladas ao ano de residuos que Compost Galicia ten autorización para tratar convértense nunhas 10.000 toneladas de produto final. A merma prodúcese pola perda de humidade, xa que os lodos teñen un 70% de humidade mentres que o compost final ten un 40%.

As características do compost fai que aporte beneficios agronómicos en tres eidos: fertilización, aporte de materia orgánica e retención de auga. “Aporta un 50-55% de materia orgánica e ten un poder fertilizante nada desdeñable, equivalente a un abono NPK 2-2-1, ademais de oligoelementos e micronutrientes. A maiores, axuda a manter a humidade no solo grazas á súa grande capacidade de retención de auga. Algúns clientes dicíannos estes días que as fincas de millo e nas pradeiras nas que os botaron estaban moito máis verdes que o resto de parcelas, debido á escaseza de precipitacións que houbo este ano xa no mes de xuño”, di Xosé. 

Cada vez as depuradoras son máis eficientes e os procesos que se seguen logran reducir moito a cantidade de metáis pesados nos lodos

A reutilización de lodos de depuradora en solos agrícolas é un asunto controvertido. Dunha banda, teñen un notable poder fertilizante (son ricos en fósforo, nitróxeno e materia orgánica), pero tamén poden posuír concentracións de metais pesados e microorganismos patóxenos presentes nas augas residuais. “O noso material é compost categoría E, cun número limitado de metais. Cada vez as depuradoras son máis eficientes e os procesos que se seguen logran reducir moito a cantidade de metáis pesados nos lodos”, asegura.

Para evitar a posible contaminación dos solos e das augas, existe toda unha lexislación de ámbito europeo, estatal e galego que limita o seu uso, tanto de xeito directo como mediante distintos tratamentos autorizados, unha situación normativa que se vén de endurecer aínda máis pola recente prohibición da compostaxe como método de tratamento para a fabricación de abonos orgánicos a partir de lodos de depuradora, o que condiciona os usos que as empresas galegas dan a estes residuos. 

“A normativa galega é moi limitante e colisiona coa idea europea de potenciar a economía circular” (Xosé Quiroga)

“A normativa autonómica é moi limitante en Galicia e colisiona co obxectivo da UE de buscar unha agricultura e unha gandería máis sostibles a partir de fertilizantes orgánicos. Ademais, colisiona co novo Real Decreto de Nutrición Sostible de Solos Agrarios, onde si que se recolle expresamente que se pode aplicar lodo tratado”, explica. 

Agroamb: 5.000 hectáreas de cultivo forraxeiro para pechar o círculo

Instalacións de Agroamb en Ponte de Outeiro (Castro de Rei)

Instalacións de Agroamb en Ponte de Outeiro (Castro de Rei)

A modificación normativa establecida polo Ministerio, prohibindo a compostaxe dos lodos, non afecta a outras empresas xestoras, que empregan outros métodos diferentes de tratamento. É o caso de Agroamb, a empresa de Castro de Rei que foi a primeiro xestor autorizado pola Consellería de Medio Ambiente para usar residuos orgánicos en agricultura e leva 25 anos tratando lodos de depuradora. 

No caso de Agroamb, o método de tratamento autorizado é a estabilización térmico-alcalina, que consiste en subir o pH con cal a 12 e incrementar a temperatura da mestura resultante ate 55ºC durante dúas horas para deste xeito hixienizar e estabilizar o produto.

O Real Decreto 506/2013 sobre produtos fertilizantes, establece os requisitos que se deben cumprir para a posta no mercado dun abono, incluídos os que se elaboran a partir de residuos, que son sometidos a controis estritos, tanto nas depuradoras como nas plantas de tratamento.

Agroamb foi o primeiro xestor autorizado pola Consellería de Medio Ambiente para usar residuos orgánicos en agricultura e leva 25 anos valorizando lodos de depuradoras

Tras mesturar os lodos con outros produtos orgánicos, como esterco de galiña ou restos vexetais de poda, a fórmula final resultante que sae das instalacións de Agroamb é sometida a outra analítica, para evitar, por exemplo, un posible caso de E. coli, polo que os controis son máximos neste tipo de produtos mediante a dobre analítica nas materias primas empregadas e nos produtos finais.

O Anexo V do Real Decreto 506/2013 recolle específicamente os criterios aplicables aos produtos fertilizantes elaborados con residuos e outros compoñentes orgánicos: porcentaxe de nitróxeno (máis dun 85%), humidade (inferior ao 14% para abonos granulados ou paletizados), granulometría, límite máximo de microorganismos, metais pesados e polifenois e limitacións de aplicación en determinadas condicións ou segundo o tipo de residuo de partida.

Inclúese igualmente o control dos materiais de entrada, límites en contaminantes e impurezas do material de saída, o etiquetado e o control da calidade, obrigando á inscrición no Rexistro de produtos fertilizantes do Ministerio de Agricultura con anterioridade á súa posta no mercado.

Abonado dos cultivos

Agroamb realiza cultivos forraxeiros que se abonan cos seus fertilizantes orgánicos

Agroamb realiza cultivos forraxeiros que se abonan cos seus fertilizantes orgánicos

Na actualidade, Agroamb conta con 9 produtos fertilizantes inscritos no Rexistro do Ministerio de Agricultura, sumando enmendas húmicas, abonos orgánico-minirais NPK ou NK e NP líquidos.

Nas súas instalación da Ponte de Outeiro (Castro de Rei), reciclan cada ano unhas 250.000 toneladas de residuos orgánicos. Outras dúas empresas do grupo, a cooperativa de xestión de terras para produción forraxeira Trobo Agrícola e a empresa de servizos agrarios Ónega Ares, pechan o círculo dando saída aos fertilizantes que saen da planta. 

Agroamb traballa unhas 5.000 hectáreas agrícolas onde se aplican os seus fertilizantes orgánicos

Traballan en total unhas 5.000 hectáreas, das que 400 son propias ou arrendadas e o resto son servizos chave en man para agricultores ou explotacións gandeiras da comarca da Terra Chá. Todas empregan os fertilizantes orgánicos elaborados por Agroamb a partir de lodos e outros residuos e, en función da demanda do cultivo ou do nivel de partida que haxa no solo, nalgún caso compleméntase a maiores con abono mineral.

Pero no caso das parcelas nas que o abonado orgánico é suficiente, permite unha maior independencia dos fertilizantes químicos, evitando ter que extraer outros recursos da natureza que son cada vez máis escasos.

Cal é o destino das 60.000 toneladas de lodos de depuradora que se producen cada ano en Galicia?

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información