“O comportamento do mercado chinés será decisivo para o crecemento do sector lácteo español”

Abordamos co director xeral da FeNIL, Luís Calabozo, a situación actual do sector e cuestións como as perspectivas sobre os prezos que se pagarán nos próximos meses aos gandeiros, así como a demanda de leite ou a baixada de produción que se arrastra

“O comportamento do mercado chinés será decisivo para o crecemento do sector lácteo español”

Luís Calabozo, director xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas (FeNIL). Cedida.

Falamos con Luís Calabozo, director xeral da Federación Nacional de Industrias Lácteas (FeNIL) sobre a situación actual do sector lácteo, así como dos retos que se presentan para os próximos meses e que poden afectar directamente ós prezos en orixe e á demanda de leite. A preocupación pola influencia de China na demanda mundial de leite, a posible baixada de prezos para os produtores ou o uso do leite como produto reclamo foron algúns dos eixos tratados. Interesámonos tamén polo posible pago de indemnizacións do Cartel do leite, pero dende a FeNIL evitaron pronunciarse respecto diso.

-Temían que o 2024 fose un ano complicado para as industrias lácteas españolas pola falta de competitividade respecto a países do norte de Europa. Queda aínda o último trimestre do ano, pero que balance se fai finalmente deste ano?
-O 2024 foi un ano complicado, pero realmente levamos uns anos difíciles desde 2022, que foi cando se empezou a complicar todo. Hai moita incerteza e a industria queixeira viuse moi afectada, xa que se perdeu cota de mercado tanto nacional como exterior, a pesar de tentar estimular a produción, sobre todo a de ovella e cabra. Ademais, o sector lácteo é bastante diferencial, sempre está suxeito a certa volatilidade. Hai que adaptarse continuamente aos cambios que pode haber no día a día e polos que pode verse afectado. Somos un sector moi interdependente.

-Pasou xa a volatilidade?, que expectativas hai para 2025?
-Temos certos interrogantes de cara ao próximo ano con respecto á nosa posición no mercado, no que somos unha parte pequena, pero moi dependente do que poida ocorrer noutros puntos. Temos incerteza sobre o que ocorrerá coa demanda de produtos lácteos en China e coa guerra comercial con este país, na que nos fixeron parte tamén ao sector lácteo. Outro condicionante son as condicións climatolóxicas, que poden afectar directamente á produción.

A regulación europea co novo Parlamento é outro dos eixos que pode marcar diferenzas. Ademais, sempre estamos pendentes da xeopolítica, xa que as guerras e as súas consecuencias tanto directas como indirectas, en temas como os transportes, o prezo da enerxía ou as dificultades na loxística, son outro condicionante decisivo. Así, se o leite europeo non circula para outros mercados do mundo queda en Europa, o que nos afecta directamente, xa que fai presión sobre o leite español.

-Dicía que somos unha parte pequena, que posición ocupa o sector lácteo español no mundo?
-No mundo prodúcense 968 millóns de toneladas de leite, das cales 785 millóns son de leite de vaca, segundo os datos da FAO no exercicio 2023. Na Unión Europea prodúcense 145 millóns de toneladas de leite de vaca e en España prodúcense 7,4 millóns de leite de vaca. Todo o que poida pasar nos distintos mercados do mundo, nas producións dos distintos tipos de leite e na resposta dos consumidores aféctanos, por iso é polo que temos que estar moi pendentes do que ocorre.

-Hai moita preocupación do sector pola situación actual de China?
-A demanda de produtos lácteos en China está a caer de maneira importante, principalmente debido á crise económica que están a sufrir. Realmente a demanda chinesa é transcendental para o sector, xa que cando este mercado deixa de absorber leite e produtos lácteos, ese leite pode terminar presionando ó resto de mercados do mundo, entre eles o europeo e o español. Isto será un condicionante fundamental para o crecemento do mercado español e para as exportacións, así como para a chegada de importacións máis competitivas.

O mercado chinés é a incerteza global no sector lácteo a nivel europeo e se a iso lle sumamos que os lácteos europeos están a ser penalizados con investigacións e anuncios de penalizacións arancelarias, como resposta ao anuncio da UE de fixar aranceis aos coches eléctricos chineses, a situación complícase máis.

“As industrias españolas nunca puideron cubrir toda a demanda de produtos lácteos do mercado español e participaron moi pouco nos mercados exteriores”

-Neste contexto, como valora a produción de leite español? Hai falta de leite en España? Está a produción por baixo do que necesitan as industrias españolas?
-Aquí hai que diferenciar entre leite – produtos lácteos para a venda e leite como materia prima. Así, o consumidor español nunca tivo un déficit de produtos lácteos. O mercado lácteo español nunca estivo desabastecido de cara ao consumidor, pero si é certo que as industrias españolas nunca puideron cubrir toda a demanda de produtos lácteos do mercado español e participaron moi pouco nos mercados exteriores.

Así, a longo prazo, as industrias aspiramos a poder desprazar dos lineais as importacións por lácteos fabricados con leite español e cabe lembrar que moitas veces os excedentes europeos presionan ao mercado e ao consumidor español. A industria española non tivo a capacidade de dispoñer de leite suficiente e prezos competitivos para competir cos produtos lácteos que chegan ao mercado estatal.

-Ao falar de produción toca tamén facelo de prezos, como valora a situación actual dos prezos do leite en España?
-Partimos de que por primeira vez na historia en 2023 e ata mediados deste exercicio, en España tivemos os prezos de leite de vaca en orixe máis altos de Europa. Isto debeuse á preocupación das industrias españolas por manter a longo prazo a capacidade produtiva suficiente ante as crises de custos de produción que houbo nos últimos anos e que logo se reconduciron.

Ese diferencial provocounos que a nosa posición nos lineais fose difícil nestes anos. De feito, aínda que lograramos desprazar as importacións de queixos nos anos 2015 e 2016, esas importacións volvéronse a recuperar nos últimos 2 anos, xa que o consumidor desprazouse cara a produtos máis baratos, sobre todo con queixo importado. Deuse ademais a paradoxa de que en España, alcanzando os prezos máis altos no leite en orixe, a produción de leite ía caendo, sumado a que o consumidor se foi desprazando a outros produtos de importación, o que provocou que chegase a haber unha presión sobre os produtos lácteos españois.

-Que perspectivas en canto a prezos hai de cara ao próximo ano?
-Non sabería dicilo, pero non se sabe desde as industrias, nin ninguén en Europa. É certo que nós temos un mercado interior que é o que ten maior peso na formación de prezos ao longo da cadea. Así, os prezos fíxanse en función de como se comporte o mercado doméstico, as estratexias de compra da distribución, e de como vaian as importacións e exportacións dos nosos veciños europeos, que fan presión sobre a cantidade e prezos dos produtos lácteos.

Ninguén en Europa pode dicir que prezos do leite vai haber o próximo ano

Tamén estamos nun momento no que temos certa incerteza desde o punto de vista produtivo, con retos ligados á evolución de enfermidades que están a afectar agora mesmo ao sector produtivo, como a EHE ou a lingua azul. Veremos estes condicionantes como poden afectar á dispoñibilidade de produción e ao equilibrio na misión da industria de abastecer a todo o mercado español.

“Os Índices da Interprofesional serviron para que tanto o gandeiro como o industrial vexan máis aló do seu elo, servindo de base para a negociación e seguen sendo importantes”

-Por que seguen sen empregarse os índices da Interprofesional láctea para marcar a evolución de prezos nos contratos?
– A utilización de índices é voluntaria, tanto por parte dos que venden (gandeiros) como dos compradores (industria). É certo que non se utilizan directamente en moitos casos, pero á hora da negociación dos contratos todas as partes os teñen en conta. Creo que este tipo de índices ensinaron moito tanto ao gandeiro como ao industrial, para que ambos visen máis aló do seu elo. Estes índices, aínda que non se apliquen directamente, serviron de base para a negociación para ambas as partes. Creo que seguen sendo importantes tanto polo seu labor didáctico como para atender á parte final da cadea.

-Outra das preocupacións no campo, á marxe do prezo do leite, son os contratos. Moitas industrias están a optar aínda por contratos a curto prazo aínda que a lei esixe contratos anuais. Como abordan esta cuestión dende a FeNIL?
-Hai que deixar claro que partimos dunha lei de 2011 onde a industria está obrigada a proporcionar ao gandeiro un contrato de polo menos un ano de duración, pero é o gandeiro o que decide a duración. Así é que desde o 2011 e ata a aparición da nova Lei de Mellora da Cadea Alimentaria, os contratos de leite en España a longo prazo chegaron a supoñer máis do 90% das transaccións.

Ademais, hai que lembrar que os gandeiros españois foron os pioneiros en Europa en contar con contratos por escrito e a longo prazo. A partir do 2021, coa volatilidade dos mercados, foi o gandeiro o que non quixo asinar contratos a longo prazo, xa que esa volatilidade trouxo en moitos casos prezos á alza.

Por parte da industria tamén había a tendencia para manter contratos a curto prazo, xa que aínda asinando contratos a longo prazo, se soben os custos o gandeiro ten, por lei e de forma unilateral, a posibilidade de forzar unha negociación de prezos. Todo o que se conseguiu de planificación, de estabilidade e compromiso entre as partes no longo prazo foise diminuíndo, pero a industria non é a que escolle a duración. A industria está a facer todo o posible para que esa relación co gandeiro sexa a longo prazo, estable e duradeira.

-Seguen tamén sendo os prezos fixos a tónica dominante nos contratos, con moi poucos contratos con prezos variables…
– Precisamente ao caer a duración dos contratos, as dúas partes prefiren asegurarse resultados no curto prazo que esperar nun longo prazo. Un índice de prezos variables ten menos sentido canto menor é a duración do contrato.

-E nos supermercados, parece que tanto primeiras marcas como marcas brancas están en dinámica de baixada dos prezos… Verase unha maior caída dos prezos nos próximos meses?
-Tampouco sabemos moito das tendencias do leite de consumo, xa que dependerá da estratexia que a distribución teña de cara ao consumidor. Viuse que a crise do Covid e a crise xeopolítica contribuíu a amosar ao consumidor de que o prezo que pagaba polo leite estaba por baixo do que custaba producila e logrouse deixar de usar o leite como produto reclamo, porque chegou a haber risco de escaseza nos lineais.

“Hai o risco de que volva usarse o leite como produto reclamo e xa non só o leite, senón tamén o queixo e os iogures”

-Volverá utilizarse o leite como produto reclamo?
-Temos o risco de que se volva a esas prácticas, a utilizar o leite como produto de atracción de tráfico de consumidores, deixando de remunerar polo valor que ten. Ademais do leite, agora vimos esa presión tamén sobre o queixo ou os iogures. O temor existe, é unha posibilidade aberta. Se se remunera á cadea de valor polo que vale, non debería de haber ese risco, pero o problema é cando entran en xogo cuestións alleas ao propio sector.

-Precisamente no referido aos queixos, están a ser unha ameaza para os lácteos españois as importacións de queixos de CentroEuropa?
-Debemos de partir de que a utilización de queixo en diferentes ámbitos, desde a restauración e a hostalería, nos fogares ou nas industrias, hoxe en día están abastecidos nun 45% por importacións que chegan de fóra de España. Se calculamos a cantidade de leite que iso supón atopámonos con 2.450.000 toneladas de leite, máis da terceira parte de todo o leite de vaca que se produce no noso país. Se algo realmente xera presión sobre todo o sector lácteo español e, en definitiva sobre o leite ao gandeiro, é a importación de produto terminado en forma de queixo.

“Nestes últimos anos o sector queixeiro, tanto de vaca, ovella e cabra, é o que máis presión das importacións soportou”

-Foi a máis esta presión nos últimos meses?
-O que pasou ultimamente é que se combinaron varios factores. Por unha banda, os prezos do leite en España moi diferenciais, con prezos históricos á alza no leite de vaca, cabra e ovella. Mentres, o consumidor ten a súa renda dispoñible moi erosionada pola subida dos prezos de todo tipo. Desta maneira, as vendas diríxense cara aos produtos máis baratos, os queixos procedentes do norte de Europa.

Así, aínda que conseguiramos desprazar unha parte importante desa importación de queixos anos atrás, esta perda de competitividade dos nosos queixos motivou que volva a repuntar o consumo de queixos de importación. Nestes anos, o sector que máis sufriu e que máis presión soportou é o sector queixeiro. Tamén hai que ter en conta que, a pesar dos altos prezos que recibira o produtor de queixo de ovella e cabra, non se estimulou a produción, de feito nestes sectores mesmo caeu a produción.

De modo que, de novo temos a paradoxa de que con prezos máis altos no campo perdemos mercados e pode chegar a sobrar leite nun mercado que non creceu ou que diminuíu.

“O sector lácteo ao que aspiramos todos é o que poida abastecer o noso mercado con produtos fabricados en España, con leite español e participar cada vez máis nos mercados exteriores”

-Xa para terminar, como ve o futuro da gandería española e das industrias lácteas?
-Dependemos outra vez da capacidade que teña a industria de afrontar os requirimentos do mercado interior con leite español e participar cada vez máis nos mercados exteriores, en todo tipo de produtos. Para iso a industria necesita leite suficiente, de calidade, ambientalmente sostible e sobre todo competitivo, que sexa rendible.

Nesa aspiración, o maior reto da industria é dispoñer da materia prima necesaria, é dicir, ter maior capacidade de produción de leite nestas condicións, porque se non tes a materia prima non hai posibilidade de crecer en todos os mercados.

O relevo xeneracional no campo é un problema estratéxico

Neste contexto, o problema estratéxico que toda a cadea detecta é a falta de remuda xeracional, as dificultades para atraer novos empresarios gandeiros. Un dos aspectos para logralo é que cada gandeiro poida decidir o dimensionamento das súas granxas, sen ter restricións á evolución dos modelos de producir. Debe favorecerse a innovación nos procesos produtivos da gandería e a industria. Niso vainos a supervivencia. O sector lácteo ao que aspiramos todos é o que poida abastecer o noso mercado con produtos fabricados en España, con leite español e participar cada vez máis nos mercados exteriores. A industria está preparada e para iso necesitamos gandeiros que poidan afrontar ese reto connosco.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información