O colectivo de colleiteiros do Ribeiro convírtese na Asociación Galega de Vitivinicultura Artesanal

Un distintivo identificará os viños de colleiteiros elaborados con uva autóctona, a partir de baixos rendementos e con garantías de sostibilidade ambiental

Publicidade
O colectivo de colleiteiros do Ribeiro convírtese na Asociación Galega de Vitivinicultura Artesanal

Os pequenos viticultores que elaboran o seu propio viño para comercializar coñecíanse de xeito tradicional en Galicia co nome de colleiteiros. É unha figura que se valora no mercado e que en Galicia está regulada desde hai 35 anos, pero coa próxima posta en marcha da Lei de Calidade Alimentaria de Galicia, introduciranse outras denominacións posibles para esa actividade. Por ese motivo, o colectivo de colleiteiros do Ribeiro acordou pasar a denominarse Asociación Galega de Vitivinicultura Artesanal.

A cuestión é que a Lei de Calidade Alimentaria de Galicia creará unha serie de categorías de produtores. Entre esas figuras estará a de artesán alimentario, e máis en concreto, a de ‘artesán da casa’, un nome que os colleiteiros cren que “encaixa á perfección” coa súa actividade.

“Cremos que o futuro pasa por rexistrase como artesán alimentario da casa, consideramos que esta figura potenciará a figura do pequeno vitivinicultor (viticultor-elaborador), que elabora viños de maneira artesanal”, explica o colectivo en nota de prensa.

Para asociarse, o colectivo lembra que os requisitos son os seguintes: elaborar viño unicamente a partir de uva propia, cun máximo de 50.000 litros ó ano, e cumprir cunhas pautas mínimas de sostibilidade ambiental (non usar insecticidas nicoticoides, non empregar lodos de depuradora para fertilizar e, en xeral, facer unha vitivinicultura o máis sotible posible).

Distintivo
A Asociación destaca tamén que decidiu crear un distintivo para promocionar os viños dos seus asociados que se caractericen por empregar só uvas autóctonas, con baixas producións e baixos rendementos na viña, e respectuosos co medioambiente.

As condicións para acceder a ese distintivo son as seguintes:

– Colleiteiros cunha produción inferior a 5.000 litros ó ano.

– Elaboración de viño exclusivamente con castes autóctonas de Galicia, procedentes de parcelas cunha produción inferior a 10.000 kg. / hectárea.

– Non usar herbicidas de síntese química.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información