O colectivo agrogandeiro “Elas Eles” visita o Ligal e destacan a súa profesionalidade e fiabilidade nas analíticas do leite

O colectivo agrogandeiro “Elas Eles” visita o Ligal e destacan a súa profesionalidade e fiabilidade nas analíticas do leite

Elas Eles na visita ao LIGAL.

O pasado 8 de novembro parte da directiva de Elas Eles realizou unha vista ao Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) tras as controversias e as especulacións sobre o control das mostras. Roberto Lorenzana, director xerente, e a directora técnica Paula Prado, expuxeron a orixe, funcións e papel do LIGAL, laboratorio do que forman parte tanto os gandeiros como a industria ao 50%.

Incidiron nos mecanismos de control dos procedementos de análise do laboratorio e as esixencias derivadas da acreditación dos ensaios pola Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) que resultan na trazabilidade e fiabilidade dos resultados analíticos emitidos desde o LIGAL.

Despois desta reunión, houbo unha visita ás instalacións do laboratorio onde se puido ver de primeira man o proceso analítico das mostras: dende que entra no laboratorio seguindo paso a paso os procedementos automatizados e incluso robotizados ata a análise dos parámetros que serven de referencia para os pagos “por calidade”, e polo tanto para establecer a parte do “prezo do leite” pagado a cada gandeiro en función das cláusulas dos contratos asinados entre a industria e os gandeiros.

Visita ao LIGAL.

Visita ás instalacións do LIGAL.

En relación á trazabilidade e fiabilidade das mostras desde que se recollen no tanque ata a chegada ao laboratorio, indicouse que “isto ven regulado pola normativa de referencia, en concreto polo Real Decreto 989/2022 onde se explica en detalle o procedemento de toma de mostra-transporte e análise, sendo o LIGAL o responsable da mostra desde que se recepciona no laboratorio ata que de obteñen os resultados analíticos”.

Dende o LIGAL explicaron que “nun día promedio de traballo se analizan unhas dez mil mostras cun sistema automatizado con numerosos filtros de control tanto internos como externos”, demostrando así o gran rendemento do laboratorio e a fiabilidade do proceso de análise.

Seguindo con isto, “para mellorar a trazabilidade e impedir posibles manipulacións da mostra recollida no tanque, procedeuse a cambiar o frasco pasando este a ser precintado, o que da un plus de seguridade na fase entre a recollida no tanque e a recepción da mostra no laboratorio”.

Nesta visita preguntouse tamén polos problemas derivados das queixas de gandeiros polo punto crioscópico. Dende o LIGAL indicaron que varios dos parámetros analíticos teñen un comportamento estacional: “As chamadas relativas a dúbidas ou consultas sobre o punto crioscópico prodúcense todos os anos nos meses de verán debido a que o seu valor é máis alto neses meses e en función do valor de cada granxa e o que teñan no contrato coa industria pode levar a penalizacións”, explican.

No laboratorio fanse máis de 3 millóns de probas analíticas anuais e cóntanse como anecdóticas as contraprobas solicitadas ao servizo de inspección do LIGAL. Nos últimos anos houbo en torno a 40-50 contraprobas. “Este indicador axuda a saber que se está realizando o traballo de forma correcta e que todo funciona ben”, destacan.

“No LIGAL analízanse de media unhas 15 mostras de leite por granxa ao mes cubrindo practicamente toda a recollida e que complementa ao 100% das cisternas de transporte, a referencia do mínimo esixido nas normas no Real Decreto 989/2022 é de 2 por mes”, explican.

Piden aclaracións á FENIL sobre as penalizacións aos gandeiros

Dende a dirección de Elas Eles expoñen unha serie de conclusións tras a visita destacando que “hai que aclarar cos demais axentes do sector, en primeiro lugar FENIL, o número de gandeiros e importe das penalizacións que houbo este ano, que parámetros analíticos anómalos foron os que estableceron a diferencia doutros anos, se as penalizacións foron xeralizadas por todos os operadores, ou se existen distintas cláusulas nos contratos en función do operador, etc.”

Ante as declaración feitas polo FENiL de que o leite español non é competitivo en comparación co resto de Europa por ter menos sólidos, graxa e proteína, dende Elas Eles expresan a súa intención de falar coa federación. Indican que segundo datos do propio MAPA, o leite galego reflexa “un maior contido en sólidos ca media no resto do Estado”, polo que “debería estar mellor pagado”.

Parte da directiva de Elas Eles na visita ao LIGAL.

Parte da directiva de Elas Eles no LIGAL.

“Da Consellaría de Medio Rural botamos en falta que saíra a aclarar publicamente as presuntas irregularidades denunciadas na prensa, que danan a confianza sobre o organismo establecido pola Xunta de Galicia para acreditar e garantir a seguridade alimentaria, de cara ao consumidor”, expresan dende a directiva.

En relación ás denuncias, Elas Eles fan unha reflexión final sobre como estas “afectan á credibilidade e a profesionalidade do sector leiteiro galego, xa moi atacado, xunto co de carne, ante a opinión pública que lle achaca os problemas do cambio climático polo metano, contaminación da auga polos xurros, etc.”

Recordan que este é un sector que da traballo, alimenta á poboación e protexe dos lumes. “Se non é a Administración pública galega e o Goberno galego quen vai a defender a sectores gandeiros destes ataques gratuitos na prensa?”, preguntan dende Elas Eles.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información