Compre diferenciar dous conceptos que a miúdo se confunden: a condución e a poda.
O sistema de condución ven sendo a feitura “estable” da videira, ou sexa o que antes definimos como armazón ou esqueleto. Hai sistemas de condución que se asocian a un único sistema de poda, mentres outros admiten varios.
Volvendo repetir conceptos expresados anteriormente, a poda invernal ten, aparte de procurar regularizar a produción, a misión de ralentizar o alongamento da parte “fixa” ou esqueleto da videira, de conservar a forma que se lle deu.
Sistema de poda curta
Hai tres sistemas de poda:
riO primeiro é a poda curta. Nesta modalidade non se deixan varas, senón anacos de sarmento curtos, dunha ou dúas xemas. Na lingua galega hai moitas designacións para para as podas curtas: cotón, fiador, garda, virote, talón, podo…
Cada ano debería acontecer o seguinte: de cada cotón deberían saír dúas vides, que se transformarán en sarmentos unha vez madeirizadas. Chegado o momento da poda invernal, dos dous sarmentos emitidos polo cotón, o que estea máis preto da madeira vella será podado a dúas xemas, dando lugar ao cotón novo, e o máis afastado eliminarase. Proceso que se repite cada ano.
A razón das podas a cotón está en que os primeiros entrenós dos sarmentos son moi curtos, e por tanto as xemas da base están pouco separadas entre elas. Isto quere dicir que aínda que por calquera incidencia a xema situada máis cerca da madeira vella fallase, malográndose por tanto o o proceso que rematamos de explicar e forzándonos a ter que recorrer a segunda, aínda así o alongamento do esqueleto vai ser mínimo.
O sistema de condución tradicional en que se poda a cotón é o vaso de Monterrei.
En Valdeorras os vasos son podados a cotón normal e, cando o vigor o permite, os viticultores deixan algúns cotóns máis longos, de tres ou catro xemas, chamados palletas.
Para facilitar a mecanización, como antes se indicou, as formas tridimensionais foron cedendo terreo ás conducións en planos verticais, ás espaldeiras.
Neste proceso de cambio, os vasos tradicionais evolucionaron a cordón Royal e o bilateral. Estes son na Galiza os sistemas de condución actuais máis frecuentes de poda curta.
Sistema de poda de vara arqueada
O segundo sistema de poda é o de vara arqueada. Déixase un anaco de sarmento máis longo que no sistema anterior, con a 5, 10 ou aínda máis xemas. As varas son arqueadas (xemidas), para compensar a acrotonía ou dominancia apical natural da videira. A vara arquéase preto da base, a partires de que a lonxitude dos entrenós permita manobrar.
O arqueado ou xemido compre facelo con xeito, mellor en días temperados e húmidos, repartindo o esforzo da torsión entre varios entrenós. Non se recomenda facer esta operación en tempo frío e seco, porque as varas estralan con moita facilidade. A razón do arqueado está en que ao forzar a torsión dos primeiros entrenós, provócase unha constrición dos vasos que vai frear un chisco o ascenso da seiva. Esta acción vai favorecer a alimentación das xemas situadas na base da vara, que nos interesa que agromen con forza e así ter uns bos sarmentos para a poda do ano seguinte.
Nas formas tradicionais as varas eran arqueadas e atadas con vimbio a estacas ou rodrigóns, e de aí ven o nome de rodriga que se dá a esta operación no Ribeiro e zonas de influencia. Nas espaldeiras a vara é atada ao arame.
A poda a varas arqueadas ou xemidas ás estacas ven sendo utilizada tradicionalmente nos vasos modificados do Ribeiro e outras zonas de transición. Tamén en Betanzos. No Ribeiro as varas arqueadas son relativamente curtas e receben o nome de bicos. Coa chegada das espaldeiras, as varas arqueadas, levadas a un plano, seguen a ser habituais nesas mesmas zonas, en sistemas de formación uni ou bilaterais.
Poda a cotón e vara ou Guyot
Combinación dos dous sistemas de poda anteriores é o terceiro, coñecido como poda a cotón e vara ou sistema Guyot. Nalgunhas zonas chámanlle poda mixta.
Neste sistema, na situación máis achegada á madeira vella, déixase un cotón de dúas xemas, e a seguir unha vara. Esta vara arquéase ou polo menos esténdese horizontalmente para contrarrestar a acrotonía ou dominancia das puntas propia da videira. Se todo responde adecuadamente, das xemas do cotón sairán dúas vides, que logo de agostaren a fins de verán se transformarán en sarmentos.
Na poda invernal seguinte, compróbase a idoneidade deses dous sarmentos. De serviren, o que estea situado máis preto da madeira vella será podado a dúas xemas, para así conformar o novo cotón. O segundo sarmento podarase deixando vara.
O número de xemas da vara determinarase co criterio de que o total das que fiquen na cepa sexa igual ao número de sarmentos que estaban presentes antes de podar, tal e como anteriormente se dixo. Relativo á vara vella, será eliminada completa con todos os sarmentos que porte.
Se por circunstancias adversas un ou os dous pámpanos emitidos polo cotón se malograron ou presentan un aspecto deficiente, entón o viticultor ten que gobernar coa realidade que ten á vista. Sen renunciar nunca ao criterio de procurar o menor alongamento posible do esqueleto, terá que adaptar a poda e gobernar cos sarmentos en boas condicións que existan no cotón e/ou na base da vara.
Se do cotón vello non se pode aproveitar nada, tendo que valerse unicamente dos sarmentos da vara, e estes estivesen moi escapados, sería bon podar máis curto do que corresponda ao vigor, para favorecer a emisión de chupóns baixos sobre os que refacer a cepa nos anos seguintes.
A poda guyot é aplicada en moitos sistemas de condución, desde parras até as formas máis sinxelas. O coñecido como guyot simple é unha condución en tronco vertical ao que na punta se lle practica a poda a cotón e vara. No guyot bilateral o tronco bifúrcase en Y, e en ambas as dúas puntas déixanse senllos cotóns e varas. Estes dous sistemas están bastante extendidos nas novas plantacións en espaldeira. Na Galiza o guyot mixto ( formación en Y con vara alternante) e pouco coñecido, embora sexa frecuente en certas rexións francesas.
No Ribeiro e outras zonas de transición galegas, é bastante usual unha poda a medio camiño entre o arqueado simple e o guyot. A poda en realidade é un arqueado simple, pero naquelas cepas que comezan a escapar máis da conta, aprovéitase a agromada dun ladrón ben situado atrás para podalo a cotón no inverno seguinte. Operación que se pode repetir un ou dous invernos máis, até que gañe suficiente vigor. Conseguido isto, na altura da poda a cepa é rebaixada uns cms por riba da súa inserción e así conséguese unha renovación do esqueleto con boa garantía de suceso.
Reiterando o antes manifestado, a carga de poda, en calquera dos tres sistemas que rematamos de describir, ven determinada polo número de sarmentos de cada videira, sempre e cando teñan un vigor normal para a castre de que se trate.
Comparación de rendemento e sistema de poda
Realizáronse estudos de cantidade e calidade de uva producida por dez castes galegas, comparando entre podas curtas (cordóns de cotóns) e longas (guyots) para unha mesma carga de poda. Para cinco delas experimentouse ademais con tres sistemas de condución de armazón semellante aos cordóns pero con puntos de poda portantes de cotóns e varas. Son o ascendente portugués, o cazenave e o sylvoz.
“Na productividade, máis que a poda inflúe o estado de equilibrio da planta”
Para todas as castes, as diferenzas observadas foron escasas, e con tendencia a minorar co paso do tempo. Os resultados dan a entender que a produtividade é influída antes polo estado de equilibrio da planta que polo sistema de poda. Os ensaios foron realizados nun pago concreto e pagaría a pena que se xeneralizasen a outras zonas vitícolas.
Cordóns de cotóns dan unha produción de acios ben repartidos no espazo, o que é bon para a súa calidade e sanidade.
Por outra banda, a proliferación de doenzas da madeira é un hándicap para as formacións de esqueleto complexo. Tramos de brazos con puntos produtivos afectados e que rematan por secar, se van proliferando pola viña, son un problema serio, espazos que non van dar colleita. Cando nunha viña o emprego do serrón para amañar cepas afectadas se fai demasiado habitual o asunto é grave e compre formular alternativas se as houber.
Viñas de alta densidade e con formacións sinxelas son as que se reconstrúen máis facilmente, a igualdade de incidencias. Por exemplo, unha videira afectada, se está formada a un só tronco vertical, con poda a arqueado ou a guyot simple na punta, será rápida de refacer aproveitando un chupón que rebente desde o baixo. Os cordóns xa son máis lentos de reconstruír, porque hai que refacer os brazos e os seus correspondentes puntos produtivos.
Formacións de maior envergadura son mais complicadas de reparar, en función dos danos habidos e da complexidade da armazón. As formacións bilaterais son máis complicadas de reconstruír que as unilaterais, porque aparte da reconstrución propiamente dita, compre restablecer o equilibrio entre os dous brazos.
Precisamente por isto, en certas zonas onde a incidencia de enfermidades como a excoriose, a esca e outras é grave, moitos viticultores foron derivando ás formacións máis sinxelas.