O Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD) celebrou esta mañá a súa Asemblea Anual de asociados onde se fixo un percorrido polas principais actividades do exercicio anterior e se presentou, ante os seus socios, o novo Plan Estratéxico CIMA 2025-2028 que pretende ser un punto de inflexión para a entidade.
O acto foi clausurado pola conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, e o presidente do CMD, José Manuel Iglesias, contando coa presenza do director da Axencia Galega da Industria Forestal, Alfredo Fernández; representantes das asociacións da cadea de valor da madeira; socios de honra do CMD e ex presidentes do Clúster quen amosaron, coa súa presenza, o estreito vínculo que manteñen coa entidade.
Durante a súa intervención, o presidente do CMD destacou o importante nivel de actividade da entidade ao longo de 2024, que supuxo a execución de máis de 150 actuacións estruturadas en 11 programas estratéxicos, mobilizando máis de 2,6 millóns de euros en proxectos orientados á innovación, formación, internacionalización e sustentabilidade. Estes programas beneficiaron directamente ao tecido empresarial galego, cun enfoque práctico e colaborativo que puxo o acento en retos reais do sector.
Ademais, o CMD compartiu os resultados acadados polas empresas asociadas. Neste sentido, 2024 pechouse cunha facturación conxunta das empresas do CMD con centro de produción en Galicia de preto de 2.000 millóns de euros, dando emprego directo a máis de 6.000 persoas. No pasado exercicio, sumáronse á entidade 11 novas empresas.
Un novo rumbo estratéxico
Un dos momentos máis relevantes da Asemblea foi a presentación oficial do novo Plan Estratéxico CIMA 2025-2028, que marcará o rumbo do Clúster nos vindeiros anos e que xa superou unha valoración exhaustiva por parte do Ministerio de Industria e Turismo, facendo que o CMD revalide o seu recoñecemento como Agrupación Empresarial Innovadora, Rexistro do que forma parte desde o ano 2008.
Segundo explicou o presidente do CMD, “CIMA non é só un documento de planificación, senón que é un proxecto transformador, froito dun exercicio profundo de reflexión colectiva, diálogo e visión compartida”.
O Plan estrutúrase arredor de tres piares fundamentais, coñecidos como as 3 C´s: Colaborar, Capacitar e Comunicar. Colaborar, xerando alianzas dentro e fóra da Asemblea Anual CMD de Galicia. Capacitar, mediante a formación e transferencia de coñecemento ás empresas e Comunicar, para poñer en valor o traballo do sector e a súa contribución social e ambiental.
O novo Plan Estratéxico do CMD priorizará o fortalecemento do canal Contract, impulsando a proxección internacional das empresas do sector. Cun enfoque na innovación e a competitividade, o plan busca consolidar o liderado destas compañías en mercados globais, fomentando alianzas estratéxicas e oportunidades de negocio a nivel mundial.
O obxectivo último do Plan é converter o CMD nun referente nacional e internacional, mediante proxectos colaborativos que impulsen a innovación en procesos, deseño, xestión e materiais, e fomenten un ecosistema sostible e competitivo.
Na clausura da Asemblea, a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, puxo en valor o traballo do CMD como motor de desenvolvemento para o sector e como exemplo de cooperación entre empresas, institucións e centros de coñecemento. Subliñou ademais a importancia de continuar apostando pola sustentabilidade, a dixitalización e o talento para reforzar a competitividade da industria galega.
Finalmente, José Manuel Iglesias transmitiu unha mensaxe clara ao remate da Asemblea: “Temos proxecto, temos rumbo e temos persoas. En definitiva, temos futuro. O Plan CIMA é unha invitación a construír xuntos un sector máis forte, máis innovador e máis integrador”.
A Escola Universitaria de Deseño Industrial de Ferrol, décimo quinto socio de honra do CMD
No transcurso da Asemblea Anual, o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia nomeou á Escola Universitaria de Deseño Industrial de Ferrol novo socio de honra da entidade, recoñecendo a súa traxectoria na promoción da educación, o deseño e a innovación ao servizo do desenvolvemento industrial de Galicia.
Durante a entrega do galardón, que recolleu o director da Escola, Jon Solazábal, destacouse o papel da EUDI como espazo de formación de profesionais altamente cualificados, así como a súa capacidade para establecer pontes sólidas entre o mundo académico e o tecido empresarial.
Trátase do décimo quinto galardón que outorga o CMD co que trata de poñer en valor a función de promoción da madeira por parte das persoas, institucións e grupos empresariais. Antes xa o recolleron Xosé Otero Pombo, Xosé Lois Martínez, Consorcio de Santiago de Compostela, Grupo Inditex, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Fundación Juana de Vega, Escola de Arquitectura da Coruña, Tomás Alonso, Fundación Laboral da Construción, a Universidade de Santiago de Compostela, Venancio Salcines, Servizo Galego de Saúde, Fundación RIA e Confederación de Empresarios de Galicia.