Data inicio: 12/11/2021
Data fin: 12/11/2021
Lugar: Hotel Palacio del Carmen, Autograph Collection, Rúa das Oblatas, Santiago de Compostela, España
O Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia, coa colaboración da Axencia Galega da Industria Forestal, XERA, organiza, de modo presencial, o vindeiro 12 de novembro, as XI Xornadas de Arquitectura e Deseño, no Hotel AC Palacio del Carmen, de Santiago de Compostela.
A cita, que se celebra bianualmente, trata de ser un punto de encontro para a reflexión, o intercambio e a xeración de novas ideas entre arquitectos, deseñadores e empresas do sector da madeira. A data límite de inscrición é o luns, 8 de novembro e pode tramitarse nesta ligazón.
Neste foro, destacados profesionais no emprego da madeira, tanto no deseño como na construción e rehabilitación, exporán as vicisitudes ás que se enfrontaron á hora de abordar un proxecto, así como as solucións desenvolvidas para obter un resultado final satisfactorio. MAS Arquitectura, Arkke Arquitectura e Proyectopía serán os encargados de compartir as súas experiencias no emprego da madeira para, despois, abrir unha mesa de debate entre os asistentes á que se sumarán empresas do sector, co gallo de debater sobre a importancia estratéxica que ten que o deseño, arquitectura e industria sumen esforzos e traballen conxuntamente.
A importancia do deseño
O deseño é unha ferramenta fundamental no proceso de innovación, tanto na parte da propia definición e desenvolvemento do produto, como na súa comunicación e aceptación polo mercado. O deseño ten unha influencia decisiva no desenvolvemento de produtos, servizos e contornas mellor adaptados ás necesidades e preferencias dos usuarios, máis competentes, eficientes, diferenciados e, polo tanto, con capacidade de xerar vantaxes para a empresa e valor para os seus clientes.
-Consulta aquí o programa.