O Cluster da Madeira e do Deseño de Galicia celebra os 25 anos

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanza a próxima presentación do plan director do sector forestal - madeira

Publicidade
O Cluster da Madeira e do Deseño de Galicia celebra os 25 anos

O Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD) celebrou este venres no Hotel Monumento San Francisco o seu 25 aniversario, reunindo a empresas asociadas, representantes institucionais, colaboradores e referentes do sector.

Antes do comezo da celebración, a entidade levou a cabo a súa Asemblea Anual xunto aos seus socios, mostrando os datos máis relevantes do exercicio e as actividades máis salientables no marco do Plan Estratéxico, que pon o foco, especialmente, na construción en madeira, o deseño e a canle Contract.

O acto do 25 aniversario foi inaugurado polo presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o presidente do CMD, José Manuel Iglesias, quen puxo en valor a traxectoria da entidade e das persoas que fixeron posible este camiño

No transcurso do acto puxéronse en valor as principais accións desenvolvidas polo CMD ao longo destes 25 anos, entre os que figuran 78 proxectos de innovación, 15 proxectos europeos desenvolvidos e 58 programas de formación, así como xornadas vinculadas a arquitectura e rehabilitación.

Un dos momentos inspiradores do evento foi a intervención maxistral do empresario Cándido Hermida, referente do sector, cuxa traxectoria foi recoñecida como exemplo de visión, esforzo e capacidade transformadora.

Plan Director do sector forestal – madeira da Xunta

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reivindicou este xoves o papel do sector forestal-madeira como “un gran motor económico” e un referente de sustentabilidade para Galicia durante o acto de celebración do 25 aniversario do Clúster da Madeira e do Deseño de Galicia.

Durante a súa intervención en Santiago de Compostela, Rueda puxo en valor a capacidade desta industria para xerar riqueza, crear emprego e contribuír ao equilibrio territorial, especialmente no ámbito rural. Segundo salientou, o sector xa factura máis de 2.500 millóns de euros anuais, representa o 1,7 % do PIB galego e supera os 1.200 millóns en exportacións.

O titular do Executivo autonómico destacou ademais que preto do 95% dos concellos galegos teñen actividade económica vinculada á madeira e que, en moitos municipios rurais, este sector chega a representar o 50 % da actividade industrial.

Rueda tamén avanzou que a Xunta presentará “antes de que remate este segundo semestre do ano” o borrador do Plan director do sector forestal-madeira, unha folla de ruta orientada a reforzar a competitividade, impulsar a innovación e favorecer a creación de emprego de calidade.

No marco desta aposta, lembrou o incremento do 23,7 % nos fondos destinados á Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), que contará este ano con 24 millóns de euros para apoiar procesos de modernización, dixitalización e innovación empresarial.

O presidente galego incidiu igualmente no potencial da madeira como solución construtiva sostible e reafirmou o compromiso da Administración autonómica de que o 20 % das novas edificacións públicas empreguen este material na súa estrutura. Entre os exemplos citados figuran os novos centros de saúde da Laracha, O Porriño, Moaña e Antas de Ulla, así como as vivendas públicas de San Paio de Navia, en Vigo.

O acto serviu tamén para recoñecer a traxectoria do Clúster da Madeira e do Deseño de Galicia, creado en 2001 coa colaboración de empresas pioneiras, o CIS Madeira e a Universidade de Vigo, e que na actualidade integra toda a cadea de valor da industria madeireira galega.

CLUSTER MADEIRA 25 ANOS

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información