O Clusaga organiza xunto co Campus Terra da USC unha xornada para impulsar a innovación no sector lácteo galego

O foro universidade-empresa para fomentar colaboracións no ecosistema galego de innovación agroalimentaria desenvolverase o 1 de febreiro no edificio Cactus de Lugo

O departamento de I+D+i de Innolact-Quescrem está formado por 7 persoas

A Comisión de Innovación do Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga) e o Campus Terra da USC organizan o mércores 1 de febreiro, a partir das 10:00 horas, no edificio Cactus da sede universitaria luguesa, a xornada Impulsando a innovación no sector lácteo galego mediante a colaboración universidade-empresa, un foro a través do que se pretenden fomentar as colaboracións no ecosistema galego de innovación agroalimentaria.

As empresas participantes nesta xornada, dirixida ao sector primario, principalmente leiteiro, e á industria láctea, terán oportunidade de coñecer de primeira man as capacidades do Campus Terra da USC, un polo de especialización que nace coa intención de transformar a sede universitaria luguesa nun referente científico e social nos ámbitos do coñecemento vencellados coa sustentabilidade económica, social e medioambiental do uso da terra.

A delegada do reitor da USC para o Campus Terra, Elvira López Mosquera; o xerente do Clusaga, Roberto Alonso, e o presidente da comisión de innovación do Clusaga, Sergio Martínez, serán os encargados de dar a benvida a todas as persoas participantes neste programa, un foro estruturado en diversas sesións durante as que se presentarán as fortalezas e capacidades de investigación do Campus Terra, ademais de poñelas en relación cos intereses das empresas, ao tempo que se tratarán os diversos programa de financiamento dispoñibles para favorecer a colaboración universidade-empresa.

Programa

O faladoiro Capacidades do Campus Terra en agroindustria e produción primaria aplicable ao sector lácteo, no que intervirán como relatores os profesores e investigadores do Campus de Lugo da USC Ramiro Fouz, Fernando Pardo, Patricia López, Manuel Vázquez e Sandra Castro, abrirá o programa.

A xornada continuará cun relato sobre os Intereses e prioridades das empresas no sector lácteo galego, a cargo do CIO de Galacteum, Ángel  Pereira; así como dos CEO de Innolact, Sergio Martínez, e de PSVET, Iván Cid. A presentación das convocatorias de financiamento existentes para proxectos colaborativos e experiencias previas do Clusaga, a cargo da coordinadora de innovación do Clusaga, Noelia Dosil, pechará a quenda de relatorios deste foro de impulso á innovación no sector lácteo galego.

Visita ás instalacións da Aula de Produtos Lácteos

A xornada, que durará toda a mañá, terá continuidade cun obradoiro colaborativo no que as empresas representadas terán a ocasión de interactuar cos grupos de investigación implicados neste foro, a fin de procurar e definir oportunidades concretas de colaboración.

Unha vez rematada esta sesión, as persoas inscritas poderán completar unha visita ás instalacións da Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (APLTA) da USC ou aos laboratorios da empresa de tecnoloxía de análise sensorial TasteLab.

As persoas interesadas en tomar parte na xornada poden formalizar a súa incrición de balde ata o 31 de xaneiro a través do formulario online habilitado ao efecto. Pódese obter máis información a través do número de teléfono 981 55 60 62 ou no enderezo de correo electrónico industria@clusaga.org.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información