“O clima de Galicia é privilexiado a nivel mundial para a gandería de vacún de leite”

Israel Flamenbaum é un experto mundial en estrés por calor nas vacas leiteiras e asegura que Galicia non ten na actualidade un problema xeralizado pero recomenda ás ganderías “estar preparadas” porque “a situación vai empeorar nos vindeiros anos”

Israel Flamenbaum, esta semana en Lugo, onde participou nas xornadas técnicas organizadas por Africor e Vaca Pinta

Israel Flamenbaum, esta semana en Lugo, onde participou nas xornadas técnicas organizadas por Africor e Vaca Pinta

Israel Flamenbaum foi durante 20 anos alto funcionario do Ministerio de Agricultura de Israel, onde investigou e desenvolveu sistemas para mitigar o estrés por calor das vacas e, tras xubilarse en 2008, creou a súa propia empresa e converteuse en consultor internacional de granxas de leite en lugares como EEUU, Brasil, México, Rusia, Turquía ou Italia.

É tamén xefe do equipo científico de estrés por calor da Federación Internacional do Leite (IDF) e ten analizado datos de granxas de máis de 50 países de todo o mundo, unha experiencia que lle vale para afirmar que “non hai moitas rexións no mundo que teñan condicións climáticas tan favorables para a produción de leite coma Galicia”.

Con todo, advirte de que se están a producir cambios nesas condicións climáticas favorables para os que hai que estar preparados. “En Israel incluso as granxas que non teñen un funcionamento óptimo están nunha relación moito mellor que a maioría das granxas no mundo, porque levamos 50 anos traballando nestes temas. A min non me faltou diñeiro para facer investigación, foi por necesidade, porque se queriamos producir leite nun clima mediterráneo, non nos quedou máis remedio que solucionar estes problemas das altas temperaturas e de como afectan ás vacas, e hoxe estes coñecementos estámolos compartindo con outras rexións onde apenas se está empezando a traballar nestes asuntos, como sería o caso de Galicia”, argumenta.

Galicia, “un paraíso” para a produción de leite

Tras analizar os datos produtivos y reprodutivos mensuais medios na provincia de Lugo de 2017 a 2021, facilitados por Africor, Israel asegura que “en xeral, Galicia é un paraíso para producir leite, non ten ningún problema relevante deste tipo na actualidade, pero as vacas están xa no límite e se vén unha ola de calor vana sufrir, como se demostra ao analizar os datos dos últimos cinco anos, nos que vemos que a ola de calor que afectou a Galicia en agosto de 2018, aínda que foi un fenómeno puntual, nótase claramente nos datos de produción e fertilidade das granxas”, afirma.  

Os gandeiros en Galicia están no inicio do problema, nós en Israel levamos 25 anos traballando nisto

Despois de analizar os datos do Control Leiteiro de 1.200 ganderías na provincia de Lugo, que suman 80.000 vacas e o 70% da produción total de leite da provincia, Israel asegura que “os datos promedio mostran que non hai demasiados problemas, pero non cabe dúbida que vostedes están xa nos límites”, di, polo que recomenda analizar caso a caso.

Non é o mesmo estar en Ribadeo que en Monforte

Israel defende analizar a situación concreta de cada granxa, en función da súa ubicación, as instalacións das que dispón e o seu nivel de produción. “Estou seguro de que en función da ubicación concreta da granxa e das súas instalacións hai explotacións que están xa perdendo cartos, porque as vacas de alta produción se están en establos antigos con menor ventilación van sufrir máis”, argumenta.

Os datos promedio en Galicia mostran que non hai demasiados problemas, pero non cabe dúbida que vostedes están xa nos límites e en función da produción, da ubicación e das instalacións estou seguro de que xa hai granxas perdendo cartos

“Un dos causantes de que se sufran xa a día de hoxe os efectos do estrés por calor en lugares frescos como é Galicia é o incremento de produción das vacas. Quizais estes efectos non sexan moi importantes hoxe pero si o serán mañá”, asegura. “Non teñen este problema hoxe, pero deben estar preparados para sufrilo no futuro, polo aumento da produción de leite por vaca e o efecto do cambio climático”, advirte.  

En comparación con Valencia

Estrés por calor Galicia-Valencia3Para exemplificalo, nas xornadas organizadas por Africor Lugo e Vaca Pinta comparou os resultados de distintos parámetros (produción, pico de lactación, días en leite e fertilidade) das granxas en Galicia e en Valencia, e concluíu que existe unha enorme disparidade. 

En Israel se unha vaca está por baixo de 50 litros no pico de lactación é eliminada da granxa

É a mesma situación que se dá entre zonas cálidas e zonas frescas de EEUU ou China. En EEUU, por exemplo, hai unha grande diferenza entre os estados fríos do norte e os estados cálidos do sur. Nos segundos, as perdas de produción a consecuencia do estrés por calor nos meses do verán poden alcanzar o 40% dos ingresos previstos. En estados como Florida, sen sistemas de enfriamento as vacas pasan case o 50% do ano (de xuño a setembro) en condicións de estrés térmico, detallou.

Estrés por calor Galicia-Valencia1“En Galicia non vemos que haxa un efecto moi significativo na produción. Os días en leite promedio non varían moito entre verán e inverno e tampouco nos picos de lactación. Pero a media destas 80.000 vacas da provincia de Lugo analizadas indica que hai capacidade de mellora en moitos aspectos. Atopámonos con medias de produción entre 30 e 35 litros e con picos de lactación entre 40 e 45 litros. É moi baixo, en Israel se están por debaixo 50 litros no pico de lactación eses animais son eliminados da granxa”, asegura.

Os días en leite en Galicia son moi altos e iso está penalizando ás granxas

Tamén chama a atención, di, a cifra de días en leite en Galicia, que se sitúa ao longo do ano en cifras de entre 185 e 200 días, “cando deberían estar en 160 días todo o ano”. “Iso implica menor produción de leite. Non creo que sexa un efecto do estrés por calor, pero é algo a estudar, porque está castigando ás granxas galegas”, asegura.

Estrés por calor Galicia-Valencia2

A nivel reprodutivo, no verán en Valencia, de cada 100 vacas, menos de 10 están preñadas, “e isto non o estamos vendo aquí en Galicia”, asegura. Pero engade: “En Galicia non vemos o efecto estacional pero lógranse durante todo o ano niveles moi baixos de fertilidade (a taxa de concepción media sitúase entre o 25 e o 30%), moi inferiores aos que logran en Valencia en inverno”, destaca.

Ademais, na zona mediterránea, as ganderías baixan a produción media por vaca de 40 litros en inverno a 30 no verán e teñen una relación verán-inverno de 0,80, é dicir, unha perda de produción dun 20%, “que é un dato peor que as peores granxas en Israel, que teñen un descenso de produción dun 12% e dun 30% na fertilidade”, aclara.

4 litros menos de produción

Público asistente ás xornadas organizadas por Africor Lugo e Vaca Pinta

Público asistente ás xornadas organizadas por Africor Lugo e Vaca Pinta no auditorio da Facultade de Veterinaria

Hai uns anos pensábase que o problema do estrés por calor das vacas afectaba só ás partes cálidas do planeta, pero un estudo presentado no ano 2015 por investigadores franceses demostrou que tamén o sofren, en maior ou menor medida, países europeos, cunha perda de produción que vai desde os 5,5 litros diarios na rexión do Piamonte en Italia, a 4 na cornixa cantábrica española (en concreto o dato foi medido en Asturias), 3,5 no sur de Francia, 3 litros en Polonia ou na República Checa, 3,1 en Suíza, 1,8 no norte ce Francia ou 0,7 no Reino Unido.

Un estudo feito en toda Europa determinou que en lugares das mesmas características que Galicia, en concreto en Asturias, a perda de produción é de 4 litros

Os episodios de calor provocan unha diminución do pico de lactación e da súa persistencia, diminúen en máis dun 6% a porcentaxe de graxa e de proteína e incrementan a concentración de células somáticas. Ao mesmo tempo, tamén baixa a detección de celos (que duran menos e son menos evidentes) e resíntese a fertilidade (empreñando peor as vacas e prolongándose desta maneira o intervalo entre partos). O estrés térmico provoca tamén unha diminución da inmunidade das vacas, enfermando máis (especialmente enfermidades pre e post parto do útero e do ubre).

Cando sufre unha vaca estés por calor?

As vacas atópanse en estrés calórico cando xeran máis calor do que poden disipar. Unha vaca de 40 litros de leite vai empezar a non poder disipar o calor que produce cando hai 23 grados centígrados no ambiente. Se a humidade é baixa, a vaca pode tolerar unha temperatura maior, de até 25 grados, “pero se a humidade é alta, como sucede en Galicia, a vaca sofre xa estrés calórico a partir de 20 grados”, asegura Israel.

Se a humidade é alta, como sucede en Galicia, unha vaca de 40 litros vai empezar a sufrir estrés calórico a partir de 20 grados

Os efectos son un incremento da temperatura corporal por enriba dos 39ºC e un aumento da frecuencia respiratoria. Para tratar de paliar esta situación, as vacas comen menos para baixar a súa temperatura interna e iso fai que diminúa a produción de leite, unha situación que tamén se ve agravada polo descenso da eficiencia nutricional, xa que o animal dirixe parte da enerxía que inxire a mecanismos de redución da temperatura corporal, no canto de ao sistema de produción de leite.

Situacións prolongadas de estrés por calor poden reducir a produción en 1.000 litros por vaca e lactación

É dicir, en situacións de altas temperaturas a vaca come menos e desaproveita unha parte do que come, polo que a produción se ve castigada dobremente. Segundo estudos realizados en EEUU, a eficiencia alimentaria en situacións de calor diminúe un 15%, cuantificou Israel. A vaca está máis inqueda e tende a estar máis tempo de pé, incrementa o ritmo respiratorio e diminúe o tempo de rumia.

Factores que empeoran a situación

Dous son os factores que están a agravar os efectos do calor nas vacas. Dunha banda, o cambio climático, que está subindo a temperatura media e incrementando a frecuencia das olas de calor.

“Desde o ano 61 a hoxe a temperatura incrementouse en 1,5 grados centígrados de promedio no planeta. Iso era o esperado ata o ano 2030 pero xa o superamos a día de hoxe. A frecuencia de olas de calor está medrando moito nos últimos anos e iso está prexudicando ás vacas”, asegura Israel.

Vostedes aquí en Galicia teñen vacas de alta produción de leite e ese é un factor que inflúe no estrés por calor

Tamén empeora os efectos do estrés por calor o aumento na produción de leite por cabeza. “Unha vaca holstein con 45 litros de leite é un radiador con patas. Hoxe estamos nunha situación na que as vacas de alta produción non son capaces de regular o calor corporal sen a axuda do granxeiro”, afirma. ”Un estudo de hai anos demostrou que as vacas de 35 litros cando volvían a condicións térmicas normais non podían recuperar a produción, en contra do que facían as de baixa produción”, aclara.

Enfriar o establo ou enfriar a vaca?

Cow Cool

Sistema de refrixeración combinada sobre as camas e os pasillos de alimentación. Fonte: Cool-Cows

Os avances nos sistemas de enfriamento logrados nos últimos 20 anos en países como Israel e a implementación do enfriamento intensivo nos establos pode contribuír a paliar os efectos do cambio climático e reducir as perdas causadas polo estrés por calor nas vacas.

Pero Israel Flamenbaum insiste en aplicar de forma axeitada estes avances. “Os ventiladores sós, se os usamos sen auga, case non baixan a temperatura da vaca, fan outras cousas moi importantes, como é extraer o amoníaco ao mover o aire, pero desde o punto de vista térmico non é un sistema efectivo por si só”, asegura.

O enfriamento ten que ser unha combinación de aire e auga, só con aire non é dabondo

“O enfriamento ten que ser unha combinación de aire e auga, só con aire non é dabondo. Os ventiladores só poden disipar a calor dunha vaca que produce 10 litros de leite, pero non o xerado por grandes produtoras”, afirma.

Por iso, di, os factores básicos para un enfriamento efectivo son agua, aire e tempo. “O tratamento de enfriamento ten un potencial limitado. En vacas con 22 litros o tratamento dura 5 horas, pero en vacas con 40 litros só dura 3 horas, iso quere dicir que temos que enfriar ás vacas máis a miúdo”, defende.

Crear zonas de sombra

En granxas situadas en zonas cálidas, Israel estálles recomendando facer 8 tratamentos de enfriamento das vacas ao día, cun total de 6 horas totais acumuladas. “Non hai que ter medo a aplicar máis tratamentos deste tipo. Non importa ter que levantar máis veces ás vacas, porque aínda que pareza que as estamos molestando, o que estamos facendo é mellorar o seu benestar e a súa produción.”, di.  

En zonas cálidas recomenda 8 tratamentos de enfriamento ao día cun total de 6 horas totais acumuladas de funcionamento

Para que o efecto do enfriamento dure máis tempo, Israel recomenda establecer sombras nos corredores e salas de espera, mediante teitos convencionais ou simples teas ou outros materiais que proporcionen sombra, mesmo para a radiación indirecta que entra polos laterais das naves a determinadas horas do día, para o que son útiles sistemas de lonas perforadas móbiles para poder abrir noutros momentos e permitir a circulación do aire.

En momentos de calor obrigar a unha vaca a estar fóra en pastoreo é un erro

“Cando as vacas teñen que camiñar longas distancias para ir a muxirse, como acontece en granxas grandes de México ou EEUU, estanse poñendo sombras nos pasillos para protexer ás vacas do sol directo. En momentos de calor obrigar a unha vaca a estar fóra en pastoreo é un erro, están mellor dentro do establo”, afirma.

Enfriamento directo ou indirecto?

“Para eliminar a calor que xeran as vacas temos dúas formas: o enfriamento directo, a base de empapar con auga á vaca e aplicar logo unha corrente de aire para que evapore a calor, ou o enfriamento indirecto, que consiste en enfriar o establo. Esta segunda opción é máis cara desde o punto de vista do custo e só é útil para lugares como Arabia Saudí, e zonas áridas de EEUU ou de Israel”, destaca.  

Cando o aire está moi saturado de humidade, como ocorre en Galicia, non temos posibilidade de evaporar máis auga

Con este sistema, a base de evaporar auga, en climas secos pódese lograr baixar a temperatura do establo até 10 grados, pero con altas humidades non é posible facelo en máis de 2 ou 3 grados. “Por iso non creo que sexa moi práctico ou convinte facer isto en Galicia, porque cando o aire está xa moi saturado de humidade non temos posibilidade de evaporar máis auga”, argumenta.

Enfriamento forzado ou a demanda?

Así pois, no caso de Galicia, Israel recomenda enfriar aos animais, ben con sistemas de enfriamento forzado, ben a demanda. Unha opción sería en determinados momentos do día, por exemplo aproveitando as horas de muxir (pero con iso só non sería suficiente, precisaríase unha frecuencia maior), levantar aos animais y pasalos polo sistema de enfriamento, que pode estar no patio de alimentación ou na sala de espera da sala de muxido.

O máis común é instalar os aspersores e ventiladores na liña do comedeiro e na sala de espera do robot ou da sala de muxido

Este sistema tamén sería adaptable a robot. “Eu desenvolvín o sistema de enfriamento para granxas robotizadas para DeLaval en Talavera de la Reina e funciónalles moi ben, sexa na liña do comedeiro ou no patio onde está o robot”, indica.

Outra opción sería o enfriamento voluntario, no que o sistema funciona cando as vacas se achegan. “As vacas aprenden moi ben a acudir cando precisan esa axuda. En Talavera hai outra granxa que adoptou este sistema e estalle funcionando moi ben tamén, tan só baixan un litro do inverno ao verán”, asegura.

Índice de relación verán-inverno e ITH

“Hai 20 anos inventamos en Israel un índice de relación verán-inverno que analiza a relación entre xullo, agosto e setembro en comparación con xaneiro, febreiro e marzo. Se a relación está próxima a 1 quere dicir que non estamos perdendo capacidade de produción de leite e se esa relación baixa quere dicir que hai máis afectación de estrés por calor”, explica Israel.

Fai fincapé no seguimento de datos, tanto antes da instalación dos sistemas de enfriamento como despois. “Non é suficiente con poñer aspersores e ventiladores, hai que comprobar que están facendo a súa función”, considera.

Para iso realizan distintas probas por medio de dispositivos intravaxinais e colares intelixentes. “Monitoreamos as vacas para saber se somos capaces de manter a súa temperatura corporal por debaixo de 39 grados durante todo o día ou se temos que incrementar a frecuencia e intensidade do enfriamento”, explica.

O índice ITH determina condicións de estrés por calor por enriba de ITH 68

As novas ferramentas e dispositivos dixitais son unha axuda para iso. “Hai unha correlación moi alta entre a temperatura vaxinal e o ritmo respiratorio das vacas, polo que os colares que miden o xadeo son un sistema moi bo para monitorizar en todo momento a situación térmica da vaca”, di. Estes dispositivos permiten medir o ITH, que en lugares como Valencia ou Talavera entre maio e outubro, destaca, está por enriba do nivel crítico.

Importancia dun mantemento axeitado dos equipos

Israel destaca así mesmo a importancia dun bo mantemento do sistema e dos distintos equipos, tanto dos aspersores como dos ventiladores. “Se os ventiladores acumulan po reducen un 30% a súa eficacia”, exemplifica.

“Non é só vender ventiladores, hai que visitar as granxas, estudar as súas necesidades, instalar los equipos, asesorar ao granxeiro na súa utilización e facer medición e seguimento dos resultados”, resume.

Cuanto máis frecuente é o mollado da vaca, máis baixa a temperatura

A velocidade do aire inflúe no resultado. “A nosa recomendación é empapar ben ás vacas con auga e a continuación cada 5 minutos crear unha corrente de vento cunha velocidade de 3 metros por segundo”, detalla.

Un investimento “que se paga só”

Israel Flamenbaum asegura que o investimento en medios de enfriamento e o seu uso axeitado pódese considerar “un dos mellores investimentos que pode facer un gandeiro”. “O investimento en enfriamento págase nun ano, máxime en dous. Díganme algún investimento en agricultura ou gandería que se pague nese tempo”, razoa.

Calcula que para unha explotación de 200 vacas o investimento nos equipos supón uns 50.000 euros de investimento, uns 250€ por vaca, máis un coste de funcionamento anual de 25€ por vaca.

Non hai un mellor investimento para a produción de leite que o do enfriamento. O custo de instalación é de 250€ por vaca e recuperase en só un ou dous anos

Tendo en conta o incremento de produción logrado, unha parte dese investimento recuperaríase xa no primeiro ano, en función do nivel de incidencia do estrés por calor na granxa. “En Galicia vainos deixar o enfriamento 50€ por vaca, pero en Valencia ou Córdoba vainos deixar máis de 300€”, compara.

Arredor do 15% da enerxía que consume a vaca no verán dedícaa a mecanismos de enfriamento internos

En zonas con alta incidencia de estrés por calor, “as vacas que paren ao principio do verán e están enfriadas chegan a un pico máis alto de lactación (5 litros máis) e manteñen máis tempo esa produción”, asegura, polo que “o enfriamento do gando pode darnos até 1.000 litros máis por vaca”, asegura.

Pola contra, en zonas coma Galicia, habería que valorar o custo do investimento necesario e o beneficio obtido. “Se vexo ás vacas uns días xadeando e non teño sistemas de arrefriado, non necesariamente quere dicir que estea perdendo diñeiro, porque hai que ter en conta o custo de instalación e funcionamento. O preocupante é cando estou perdendo moito diñeiro e non fago nada”, lamenta.  

En Galicia non creo que haxa un beneficio de máis de 50€ por vaca, pero vale a pena ter o sistema instalado porque con unha ou dúas olas de calor ao ano xa vai deixar diñeiro

“En Galicia non creo que haxa un beneficio de máis de 50€ por vaca, pero vale a pena ter o sistema e se vén unha ou dúas olas de calor ao ano xa se vai pagar o sistema e vai deixar diñeiro”, asegura. Por iso, recomenda aos gandeiros galegos “que non gasten cando non é necesario, pero que estean preparados co equipo instalado para utilizalo cando sexa preciso”.

“O enfriamento intensivo mellora o benestar das vacas, aumenta a súa eficiencia produtiva e, por tanto, reduce o custo de produción e incrementa a rendibilidade da granxa, pero, ollo, todo isto coa condición de que exista un problema real de carga térmica”, matiza. 

Efectos a máis longo prazo

Israel afirma que a maiores dos beneficios sobre a produción, o enfriamento ten outros efectos a máis longo prazo. “Hai que ter paciencia, porque os resultados non son inmediatos. Moitas veces os resultados do primeiro ano non son moi relevantes, hai que agardar ao segundo y terceiro ano para ver resultados”, asegura. “Cando arrefriamos ás vacas secas producen máis leite na seguinte lactación, porque se produce unha maior vasodilatación”, exemplifica.

Por iso, di, aplicar tratamentos contra o estrés por calor incrementa a rendibilidade económica das granxas a curto e tamén a máis longo prazo. “O efecto da calor sobre a fertilidade ten lugar durante un período prolongado de tempo de arredor de 50 días. En Italia, nunha granxa cerca de Roma, case duplicamos a taxa de concepción cun bo arrefriamento das vacas. Iso reduce a taxa de eliminación”, destaca.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información