O CIFP A Granxa (Ponteareas, Pontevedra), único centro en Galicia no que se imparte o Grao Superior de Educación e Control Ambiental, vén de acoller as I Xornadas de Educación Ambiental, que congregaron a medio cento de profesores de educación infantil e primaria de toda Galicia a pasada fin de semana.
O obxectivo da xornada foi a de achegarlle ós mestres ferramentas e estratexias para integrar a divulgación do respeto pola natureza nas súas aulas.
A organización destaca que a educación ambiental non é só unha materia transversal, senón un piar fundamental para construír unha sociedade consciente dos retos climáticos actuais.
O evento comezou cunha mesa redonda na que participaron profesionais de diversos sectores vinculados ao medio ambiente. Este espazo de debate serviu para analizar xunto cos 45 participantes as sinerxias entre a protección ao patrimonio, a conservación ambiental e a pedagoxía.
A continuación, impartíronse unha serie de obradoiros rotativos, nos que se traballaron técnicas como a preservación de flor, o uso culinario das plantas das plantas silvestres ou o deseño paisaxístico, como ferramentas para a educación ambiental.
O escenario para estas dinámicas foi o propio espazo natural do CIFP A Granxa, cuxas instalacións e contorna natural ofrecen o marco perfecto para demostrar que a natureza é, en si mesma, a mellor das aulas.
Con esta iniciativa, o centro busca consolidarse como un referente na formación medioambiental, aproveitando un enclave privilexiado para inspirar aos docentes que teñen nas súas mans a formación das futuras xeracións.

O evento congregou a medio cento de mestres de toda Galicia.
Galego






Control OJD