O ciclo de charlas e conferencias “O Futuro das Persoas Viticultoras na Ribeira Sacra” chega á súa recta final tras percorrer distintos puntos da comarca desde o pasado 29 de agosto.
O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas, en colaboración coa Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organiza estas xornadas co obxectivo de analizar a situación da vendima deste 2025 e abrir un espazo de reflexión sobre o futuro do sector vitivinícola.
O xoves 4 de setembro, ás 19:00 horas, tivo lugar unha charla na Casa da Cultura de Sober centrada na situación da vendima na Denominación de Orixe Ribeira Sacra. O venres 5 de setembro, ás 12:00 horas, no Centro do Viño da Ribeira Sacra en Monforte de Lemos, celebrarase unha conferencia sobre a Lei da Cadea Alimentaria.
O encontro contará coa participación de Oliva Lorenzo Grandía, responsable do Control de Prácticas Comerciais Desleais en Lugo da Consellería de Medio Rural, quen coñece de primeira man a realidade da D.O.
O ciclo concluirá o sábado 6 de setembro en Taboada, cunha sesión na Casa da Cultura ás 12:00 horas. Estas xornadas buscan informar, compartir datos recollidos polo Sindicato Labrego a través do Consello Regulador e das adegas, e escoitar directamente a percepción das persoas viticultoras sobre o momento que atravesa o sector.
Galego










Control OJD