O CIAM presenta os múltiples proxectos nos que traballa para mellorar a competitividade do agro galego

O CIAM presenta os múltiples proxectos nos que traballa para mellorar a competitividade do agro galego

Campo de ensaio de cereais no CIAM

A Consellería do Medio Rural organizou esta mañá unha xornada técnica sobre proxectos piloto e grupos operativos de innovación desenvolvidos en Galicia coa participación da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal). O director da Agacal, José Luis Cabarcos, participou nesta iniciativa que se levou a cabo en formato telepresencial dende o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) e que estaba dirixida a persoas vinculadas coa agricultura, a gandaría, a industria agroalimentaria e a cadea forestal-madeira ou con expectativa de incorporarse a algún deses sectores, especialmente mozos.

A acción contou coa intervención de ata oito investigadores do CIAM para dalgúns dos proxectos nos que traballa, uns 50 cun equipo de investigadores cada vez máis reducido debido á non convocatoria de prazas por parte da Xunta para cubrir as vacantes por xubilación.

Así, tratouse a tecnoloxía NIRS como ferramenta na xestión da fertilización de cultivos, da identificación de marcadores específicos para garantir a calidade e autenticidade do mel en Galicia, de bases para o cultivo ecolóxico de trigo autóctono ou da redución de custos nos tratamentos silvícolas a partir da revalorización da biomasa forestal residual. Así mesmo, falouse de como o pastoreo con gando cabrún pode evitar a matorralización do monte, da optimización do cebo de vacas frisoas dentro da IXP “Vaca e Boi de Galicia” e da cooperación para innovación nos sistemas de produción de leite.

A presentación de resultados e liñas de traballo da Agacal veu acompañada de dúas intervencións sobre a importancia dos AKIS (sistemas de coñecemento e innovación agrícolas) no próximo período de programación e sobre as conclusións do Focus Group para o intercambio de propostas que perseguen o fortalecemento dos AKIS en España.

Nesta liña, cómpre destacar que o lanzamento da Asociación Europea de Innovación para unha agricultura produtiva e sostible en 2012 supuxo un cambio no xeito de emprender accións de transferencia de coñecemento no campo agrícola. O novo modelo pretende evolucionar dende un sistema lineal de transferencia de investigación aos usuarios ata un sistema de cocreación entre os diferentes actores. Así, o coñecemento é cocreado por agricultores, investigadores, consultores, empresas, organizacións, etc., que traballan xuntos para conseguir unha produción agroalimentaria máis sostible, produtiva e rendible.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información