O CIAM logrará este ano semente mellorada de pementos e tomates galegos

O Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) finaliza este ano un proxecto, en colaboración coa empresa WAM , para obter sementes melloradas de 6 variedades autóctonas de pementos e 1 de tomate. Agárdase que cheguen ao mercado no 2018

Publicidade
O CIAM logrará este ano semente mellorada de pementos e tomates galegos

Invernadoiro do CIAM no que se realiza o cultivo

Mellorar a produtividade das variedades autóctonas de pementos e tomates e adaptalas ao seu cultivo comercial en invernadoiro. Ese é o obxectivo do proxecto no que traballa o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) en colaboración coa empresa galega de sementes WAM Estrada SL. O proxecto, iniciado no ano 2013 e que remata este ano, está financiado por fondos FEADER procedentes da Unión Europea.

Ao longo destes dous anos nas fincas do CIAM fíxose a selección das mellores plantas e este ano agárdase obter esta semente mellorada no mes de novembro, momento no que será entregada a WAM Estrada SL para a súa multiplicación e comercialización.

Porén, a súa chegada ao mercado non se prevé ata dentro de 2 ou 3 anos, xa que o proceso de rexistro de variedades comerciais de vexetais é lento e con numerosos controis. Se se cumpren os prazos, no 2018 debería estar no mercado esta semente mellorada de variedades tradicionais galegas de pemento e tomate.

No 2018 deberíase empezar a comercializar semente mellorada destas variedades

O director do proxecto e investigador do INGACAL, Alfredo Taboada, explica que “neste proxecto traballamos con 6 variedades autóctonas de pementos de Galicia e unha de tomate”.

Puntualiza que “algunha destas variedades autóctonas xa están rexistradas como variedades comerciais, pero non non se comercializaban”. Neste sentido, o que pretende WAM Estrada SL é darlle un impulso ao cultivo destas variedades autóctonas, cunha semente garantida tanto dende o punto de vista da calidade xenética, da súa orixe, así como do seu rendemento. E é que, segundo asegura Alfredo Taboada “un dos problemas tanto da semente como da plántula destas variedades é a falta de garantías e, a veces, o seu elevado prezo, o que supón un freo ao seu cultivo a escala comercial”.

Obxectivo: mellorar a produtividade das plantas e adaptalas ao cultivo en invernadoiro

O director do proxecto explica que no proceso de selección natural que se realizou estes dous anos no CIAM buscáronse dous obxectivos. Por unha parte, mellorar a produción, logrando plantas máis produtivas e que se adaptasen ao cultivo en invernadoiro, xa que ata o de agora, algunhas delas cultivábanse exclusivamente en exterior. O outro obxectivo é que as plantas melloradas se adaptasen ás características destas variedades autóctonas que establecen as distintas Denominacións de Orixe e Indicacións Xeográficas Protexidas

O punto de partida foi traballar con semente das variedades autóctonas procedentes de distintos agricultores. “Ao non tratarse de variedades híbridas, ao principio atopámonos con moita heteroxeneidade dentro de cada variedade, e sobre todo no tomate”, explica Alfredo Taboada.

CIAM_tomates_invernadoiro_01_standar

Tomate galego mellorado.

O cultivo estase a realizar nun invernadoiro do CIAM, cunha superficie de 1.000 metros cadrados. En total cultívanse 112 plantas de cada unha das 6 variedades autóctonas de pementos e 200 plantas de tomate, cun marco de plantación de 60x 160 centímetros para o tomate, o dobre da separación normal entre fileiras para facilitar a selección.

No caso dos pementos o marco de plantación é de 40×80 centímetros, divididos en 6 parcelas para candansúa variedade e con barreiras entre as mesmas para evitar cruces.

Cando os mellores pementos estean maduros retiraránse para secar a semente. Alfredo Taboada calcula que “só aproveitaremos a semente da metade das plantas”, nun proceso laborioso no que, unha vez seca, volverase facer unha nova selección das mellores sementes.

Como conseguir semente de variedades autóctonas neste momento?

Un dos problemas cos que se atopan os agricultores neste momento é a dificultade para acceder a semente ou planta de calidade de variedades autóctonas galegas. Neste sentido, Alfredo Taboada explica que “no CIAM non temos cantidades suficientes de sementes para atender a unha gran demanda, pero si que á xente que nos chama e que nos pide unha pouca facilitámoslla ou aconsellámoslle viveiros que si sabemos que teñen planta autóctona de calidade”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información